Estes son os locais cun Solete Repsol que non te podes perder esta Semana Santa na Coruña 

Repsol vén de facer públicos os seus Soletes de Primavera, galardoando as propostas de pequenos locais e restaurantes onde destaca “a calidade e o bo facer”

Os Soletes de Repsol chegan xusto, xustiño “para espremer a Primavera”, tal e como explican eles. Porque, por moi longo que sexa o inverno, por moito temporal e choiva e vento e néboa que se cruce no camiño, sempre chega a primavera para traernos de novo á vida. E unha das mellores maneiras de festexar a vida é comendo. Por iso, Repsol inclúe na súa guía de recomendacións unha serie de locais e restaurantes onde destaca, por enriba de todo, “a calidade e o bo facer”. Mesóns e casas de comidas onde non hai menú degustación, senón menú do día. 

Repsol vén de facer públicos os Soletes desta primavera, sumando 24 novos distintivos “para non parar de desfrutar nesta Semana Santa” en Galicia, que xa conta con 357 Soletes. Segundo conta María Ritter, directora da Guía Repsol, este ano hai fame de gozar e coñecer sitios novos: “Nesta edición incorpóranse lugares destacados pola súa proposta gastro e nos que ademais se pode durmir, negocios novos e sitios nos que a natureza é protagonista”.

Na cidade da Coruña cóntanse ata 31 destes locais, sendo o bar de tapas caseiras La Bombilla a última e única incorporación deste ano. Estes son os lugares que precisas visitar nestas festas; mais iso si: vai facendo plans para baixar a comida despois. 

Cociña tradicional, cociña fusión e bo viño

La Esquina de Valentina

Bocatas, si, pero non de calquera cousa. Esta é a proposta orixinal deste local onde a Guía Repsol recomenda o bocadillo de xarda con leituga de mar, o pan de algas e crema de codium e o de caldeirada de raia. Unha opción diferente para degustar o produto local dun xeito sinxelo e, como din as opinións dos viaxeiros, “unha experiencia totalmente diferente”. 

Segundo explica Nacho Moreira, propietario de La Esquina de Valentina, a idea coa que partiron inicialmente foi crear un lugar onde comer coas mans: “Tiñamos un local pequeniño, entón quixemos adaptarnos á rúa, á xente que vén comer unha, dúas tapas, de pé”. Porén, a oferta do local foi mudando, ata chegar ao que é hoxe; un lugar onde a xente vai a comer dun xeito “divertido, coas mans, pero máis elaborado”. 

Marisquería Cancelo

Se tes ganas de marisco e non queres gastar, é unha das mellores opcións na cidade. Recoñecida polas súas excelentes tortillas e centolas, segundo explican na Guía de Repsol. Destacan pratos como o arroz con lumbrigante, as ameixas con salsa de Albariño e, en xeral, produto fresco e de calidade. Quizais sexa necesario reservar. 

Propostas orixinais

Taberna da Galera

A guía Repsol destaca a cociña fusión da Taberna da Galera, onde se reúnen Perú, Colombia e Galicia. Non hai máis que botar unha ollada aos pratos: ceviche de pescada con arepas de millo, xurelo con pico de galo e lima, e como acompañamento uns cócteles que converten unha cea nunha proposta de viaxe sen moverse da cidade.

Los Manueles

Unha carta clásica, mais non por iso básica: zamburiñas, croquetas, mar e terra nunha mestura que dificilmente pode errar o tiro. Destacan os pratos de peixe, como o bacallau, o abadexo e o peixe sapo ao forno e, por enriba de todo, o trato próximo do persoal. 

Furancho Brasa Clandestina

O polbo, o segredo ibérico e a tortilla ao estilo Betanzos xa son máis que suficiente reclamo para visitar este local no Parque de Santa Margarida, explican dende a Guía Repsol. Porén, o furancho destaca polas distintas carnes á brasa, cunha moi boa carta de viños para acompañar o serán. 

O de sempre e o de agora, todo na mesma cidade

Casa Ponte

Nesta clásica viñoteca do centro da Coruña a carta é pequena. Porén, inclúe unha apetecible selección de pratos que poden acompañar a “interesante” lista de viños. Dende a Guía Repsol, recomendan os tomates ao forno con queixo afuega’l pitu (de orixe asturiana), o polo con mel e mostaza e o carpaccio de boi. 

Mesón El Serrano

Os 20 anos deste local, que podes atopar moi preto de María Pita, xa din moito do Mesón El Serrano, que destaca dentro da Guía pola súa carta con pratos típicos galegos: polbo á feira, empanada de vieiras, luras ou salpicón de cocochas e lagostinos para gozar coa comida nunha das zonas con máis encanto da cidade. 

Charlatán

Segundo explican na Guía Repsol, “a nova proposta do grupo Peculiar baséase nunha selección coidada de materias primas, nunha adega con moita variedade e nun ambiente sempre animado”. Destacan a carne á brasa, os roxóns e os lagostinos fritos, entre outros pratos máis orixinais como o arroz con xarrete.

A nova incorporación

La Bombilla

Máis que merecida é a nova incorporación desde local na Guía de Repsol, sendo “unha das barras máis populares da Coruña, que leva décadas sobrevivindo ás modas grazas ao seu ambiente animado e á súa imbatible oferta de tapas tradicionais”. 

Se te decides a ir, non podes marchar sen probar o caldo. Sen dúbida, un clásico, aínda que a propietaria do local, Diana Bar, sinala que o que a xente acostuma a pedir máis é a tapa de croqueta e a tortilla. Sobre este novo recoñecemento, a dona destaca a sorpresa: “Nós somos un bar tradicional, dos de sempre, e asociabamos os Soletes á cociña de autor e máis contemporánea, pero é unha alegría que valoren o noso traballo”. Sobre o espírito que caracteriza á Bombilla, Bar é clara: “Somos un sitio pequeno, moi de estar na casa, e aquí a xente séntese a gusto”. E é que, dende o 1937 que leva aberto, este  bar é un lugar emblemático para os habitantes da cidade. 

Para antes e para despois

A Guía de Repsol non só inclúe como Soletes restaurantes ou locais que sirvan comida ou cea: tamén poden levar este distintivo bares, hamburgueserías, xeadarías ou mesmo tendas gourmet. Nesta Semana Santa pódese pasear pola cidade da Coruña e gozar nunha tarde fría dos clásicos churros de Bonilla a la Vista ou dos bocatas xigantes de Rogelio, degustar vermús de Martínez ou de Pepa A Loba ou sentar en calquera banco para probar os diferentes sabores de Bico de Xeado ou dos xeados artesáns de Colón. Para pasteis, hai Habaziro Concept; para comezar o día co bandullo cheo, o brunch de Miss Maruja

Outros locais que levan o distintivo de solete na cidade son La Tita Rivera, Marc de Café, a viñoteca O Cabo, a cafetería Pontejos, o Emporio de los Sándwiches, a hamburguersería gourmet La Sastrería Taberna, a Fábula Café e o café bar Árnica, a pizzería TerraMia, Jumbo H1, Hermes’ Journey e as tendas de alimentos El Sauce e Rodolfus.

No resto da provincia, obtiveron recoñecemento por primeira vez como Soletes de Primavera os locais Eiquí Café Flaco e Nómada Café, en Santiago de Compostela; Ferrador, en Noia; O Bacoriño, en Ferrol; Onde Keiras, en Bertamiráns e Pancomido, en Boiro.

Un recoñecemento ao noso patrimonio

Desta volta, a Guía Repsol quixo salientar a riqueza do noso patrimonio cotiá, aquel que se pode atopar nos recunchos dos bares e tabernas galegos. Un recoñecemento que se pode sumar ao nomeamento dos Soles 2026, que foron outorgados no pasado mes de febreiro. Estrearon cun Sol os locais de Marna, en Pontevedra; Alberte, en Vigo; O Secadeiro, en Outes; El de Alberto e Gunnen, na cidade da Coruña; Vértigo, en Sober e Miguel González, no Pereiro de Aguiar, facendo que a lista de restaurantes galegos galardoados ascenda á cifra de 49.

A Tafona, en Santiago de Compostela, recibiu desta volta o maior recoñecemento da Guía Repsol, converténdose no terceiro restaurante de Galicia con tres Soles. O espírito da Tafona, que tamén conta cunha Estrela Michelín, personalízase na súa chef e propietaria, Lucía Freitas, quen ademais de cociñar cultiva as súas propias froitas e verduras nunha hora en Cacheiras: a proposta deste local santiagués baséase na temporalidade e na materia prima local, homenaxeando a través dos seus pratos as costas e hortas de Galicia. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Por que se debe declarar o salmón en perigo de extinción en Galicia: isto din os expertos

Dende o ano 2000 apenas se capturan 55 exemplares de media anual nos ríos galegos, menos dunha décima parte ca hai cinco décadas

O mosquito tigre regresa a Galicia: primeiro exemplar do ano detectado en Redondela

O aviso dun veciño rexistrado na aplicación Mosquito Alert permitiu confirmar a presenza desta especie invasora grazas á marca branca do tórax

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Galicia e Portugal alíanse para impulsar unha asistencia sanitaria centrada no paciente

O proxecto NEW HEALTH promove unha rede transfronteiriza que integra innovación tecnolóxica, investigación avanzada e datos para mellorar a calidade asistencial