Así é o Sol a unha resolución dez veces mellor que o 4K

A misión Solar Orbiter necesitou catro horas para capturar o disco completo e a atmosfera da estrela como nunca antes se viran

Solar Orbiter, a misión conxunta da Axencia Espacial Europea (ESA) e a NASA, vén de facer públicas as imaxes que tomou a nave cando, o pasado 7 de marzo, estivo a unha distancia duns 75 millóns de quilómetros, a medio camiño entre o planeta Terra e o Sol.

O telescopio de alta resolución do Extreme Ultraviolet Imager (EUI) capta imaxes de tan alta resolución que, a esa distancia, precisouse un mosaico de 25 imaxes individuais para cubrir toda a estrela. Así, esta fotografía completa é a de maior resolución obtida do disco completo do Sol e da súa atmosfera exterior: dez veces mellor que a que pode mostrar unha pantalla de televisión 4K.

En total, fixeron falta catro horas para capturar a imaxe completa, tendo en conta que cada fotografía individual require un tempo de dez minutos e a iso hai que engadir o intervalo que tarda a nave en apuntar ao seguinte segmento. Na web da ESA pódese ampliar a fotografía completa para achegarse a ver todos os detalles dos resultados desta misión que volve a marcar un fito despois de telo acadado xa en 2020.

Na fotografía tamén poden apreciarse filamentos escuros que se proxectan fóra da superficie, sendo propensos a entrar en erupción e creando tormentas solares, importantes nos estudos do clima espacial.

Futuras misións

Outra imaxe, tomada polo instumento Spectral Imaging of the Coronal Environment (SPICE), tamén representa a primeira fotografía completa deste tipo do Sol en 50 anos. SPICE rexistrou os datos durante a travesía, xa que está deseñado para rastrexar as capas da atmosfera solar dende a coroa ata unha capa coñecida como cromosfera, máis achegada á superficie, observando as diferentes lonxitudes de onda da luz ultravioleta extrema.

Así, no mosaico achegado polo instrumento, a cor púrpura corresponde ao hidróxeno gasoso a 10.000ºC; a azul, ao carbono a 32.000 ºC; a verde, ao osíxeno a 320.000 ºC; e a amarela, ao neón a 630.000 ºC. Estes datos permitirán aos físicos solares estudar as erupcións que teñen lugar na coroa a través das capas atmosféricas inferiores, así como investigar cal é o mecanismo polo cal aumenta a temperatura a través das capas atmosféricas ascendentes.

Mañá, 26 de marzo, Solar Orbiter acadará outro fito da misión: o seu primer perihelio ou punto máis achegado ao Sol. A nave está nestes momentos dentro da órbita de Mercurio, rexistrando tamén datos sobre o vento solar de partículas que flúen dende a estrela. O obxectivo é que nos próximos anos poida aproximarse repetidamente, elevando gradualmente a súa orientación para observar as inexploradas rexións polares solares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Conta atrás para o regreso de Artemis II: calor extrema, silencio e amaraxe no Pacífico

A tripulación da nave Orión revisa os protocolos finais e prevé o descenso fronte á cidade de San Diego na madrugada do sábado, hora española

De Apolo a Artemis: cincuenta anos de misións lunares a través das súas imaxes

As fotografías tomadas polas tripulacións da NASA ao longo do tempo documentan os primeiros sobrevoos do satélite

Como se ve a Vía Láctea dende o espazo? A NASA publica unha imaxe única dende a nave Orión

A tripulación de Artemis II ten previsto completar a súa amaraxe no océano Pacífico tras o reingreso atmosférico na madrugada do 11 de abril, en horario español

A NASA revela as primeiras imaxes dende a cara oculta da Lúa

A tripulación da misión Artemis II captura fenómenos únicos como a 'posta da Terra', unha eclipse solar e detalles inéditos da superficie lunar