A Solar Orbiter obtén a foto do Sol máis detallada da historia

As primeiras imaxes captadas pola misión da Axencia Espacial Europea, lanzada en febreiro, revelan novos fenómenos da estrela

A Axencia Espacial Europea (ESA) difundiu este xoves as primeiras fotografías que a misión Solar Orbiter, lanzada a comezos de 2020, realizou da superficie estelar. As imaxes tomáronse a uns 77 millóns de quilómetros de distancia do Sol, aproximadamente a medio camiño entre a Terra e a estrela.

As imaxes revelan, segundo a ESA, novos fenómenos que non se puideran observar detalladamente. Son as chamadas ‘fogueiras’ (campfires, en inglés),”unhas parentes das xa coñecidas laparadas solares, pero millóns de veces máis pequenas”, explica David Berghmans, do Real Observatorio de Bélxica (ROB), investigador principal do instrumento EUI (Extreme Ultraviolet Imager), que toma imaxes de alta resolución das capas inferiores da atmosfera do Sol, coñecida como corona solar. “O Sol podería parecer tranquilo a primeira vista, pero cando miramos con detalle podemos ver esas fogueiras en miniatura en moitos lugares”, engade Berghmans. Por agora, non é posible saber cal é a orixe deste fenómeno, aínda que poderían contribuír a un dos mecanismos máis sorprendentes do Sol: o feito de que a coroa, a capa máis externa da ‘atmosfera’ solar, estea a unha temperatura moito maior (un millón de graos centígrados) que a superficie (uns 5500 ºC).

Publicidade

Explica Frédéric Auchère, do Institut d’Astrophysique Spatiale (IAS) de Francia, e tamén investigador do EUI, que “estas fogueiras son totalmente insignificantes individualmente, pero engadindo o seu efecto no conxunto do Sol, poderían ser a contribución dominante ao quecemento da corona solar”.

“É evidentemente demasiado pronto para contalo, pero esperamos que conectando estas observacións con medidas dos nosos outros instrumentos que perciben o vento solar ao pasar a nave espacial, acabaremos sendo capaces de responder a algúns destes misterios”, afirma Yannis Zouganelis,  outro dos investigadores do proxecto Solar Orbiter na ESA.

Publicidade

Outro dos instrumentos utilizados na misión, o PHI (Polarimetric and Helioseismic Imager), encárgase de facer medicións de alta resolución nas liñas do campo magnético da superficie solar, e está deseñado para analizar as rexións activas da estrela, zonas cuns campos magnéticos especialmente fortes que poden dar lugar ás laparadas solares. Cando se producen estes fenómenos, o Sol libera feixes de partículas enerxéticas que potencian o vento solar que emana constantemente da estrela no espazo circundante. Cando estas partículas interaccionan coa magnetosfera da Terra, poden provocar tormentas magnéticas que poden perturbar as redes de telecomunicacións e mesmo eléctricas.


Máis detalles, no web da ESA (en inglés): Solar Orbiter’s first images reveal ‘campfires’ on the Sun.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberto un sistema planetario ‘ao revés’ que desafía as teorías da formación astronómica

O achado dun mundo rochoso na periferia da estrela LHS 1903 suxire que os planetas tamén poden formarse de forma secuencial en contornas sen gas

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Descubertas novas pistas sobre a orixe de Theia, o hipotético planeta que formou a Lúa

Unha análise de isótopos de rocas lunares e terrestres revela que o obxecto celeste chocou contra a Terra e deu lugar ao noso satélite fai 4.500 millóns de anos