O maior estudo dos fondos da enseada de Samil, nunha prestixiosa revista

Científicos do Centro de Investigación Mariña de Vigo analizan o posible impacto do novo emisario no "Journal of Marine Science and Engineering"

O prestixioso Journal of Marine Science and Engineering acaba de facer público o maior estudo realizado ata a data sobre os fondos da enseada de Samil, en Vigo, un traballo levado a cabo por un equipo de investigadores e investigadoras do grupo Geoma do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo dirixidos por Ana Bernabeu e Daniel Rey, tras serlle solicitado por ACUAES, a Sociedad Mercantil Estatal Aguas de las Cuencas de España, como avaliación previa do impacto do novo emisario sobre o areal.

Para realizalo empregaron unha innovadora metodoloxía que combinou observacións experimentais sobre o fondo e características físicas do sedimento cun estudo numérico que simula a acción da ondada e as correntes que interfiren co transporte de sedimentos. “O obxectivo era dobre: por unha banda, determinar a profundidade e emprazamento idóneo para que o emisario non se vexa afectado pola ondada e os ritmos estacionais do movemento da area na enseada e, pola outra, que a súa construción non alterase a dinámica natural das praias”, explica Daniel Rey.

Publicidade

Investigadores do grupo Geoma publican o maior estudo realizado ata a data sobre os fondos da enseada de Samil

A investigación, que formou parte da tese de doutoramento de Aimar del Valle, demostrou a vantaxe de explorar o efecto das infraestruturas mergulladas cun enfoque multidata para comprender completamente a diversidade de posibles influencias no comportamento local das praias e, ao mesmo tempo, ofreceu tamén a batimetría de maior resolución realizada ata agora na ría de Vigo, así como toda unha serie de imaxes acústicas do fondo onde se apreciaba claramente a necesidade de substituír as antigas conducións. Ademais, algo tamén relevante, foi conseguir unha singular perspectiva sedimentolóxica e hidrodinámica sobre o equilibrio natural dos ambientes sedimentarios e a contorna submarina da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat.

A maiores, este traballo puxo de manifesto o equilibrio dinámico que alcanzou a praia de Samil baixo a enorme presión urbanística que sofre. “Nestes momentos non hai unha perda significativa de area e o equilibrio é razoable”,  recalca Rey, ao que engade que para afondar nas alteracións que poidan acontecer no futuro relacionadas co cambio climático habería que levar a cabo un novo estudo no que basear as futuras estratexias de adaptación.

Publicidade

Tecnoloxía de alta resolución

O estudo baséase en datos de batimetría de alta resolución, a caracterización física dos fondos mariños na área, un estudo granulométrico do sedimento superficial e unha simulación numérica do clima marítimo (ondaxe e correntes) e o transporte de sedimentos en condicións de baixa e alta enerxía usando o software Delft3D de código aberto. Esta aproximación mellora a fiabilidade dos resultados das zonas inter e submareal da praia onde os estudos son escasos debido á complexidade da adquisición de datos, e permite esclarecer o súa dinámica co contexto xeral da ría.

“O multihaz foi a base dun levantamento hidrográfico moi preciso que, xunto co cálculo do tamaño de grao do sedimento, permitiu modelizar como se produciría o transporte baixo condicións normais e extremas (tormentas) a partir de valores medios significantes das series históricas de ondada recollidas por Portos do Estado durante os últimos 30 anos”, explica o director do estudo. Ademais, estes datos tamén serviron para calcular a profundidade de peche da praia, que é a profundidade a que a area do fondo deixa de moverse estacionalmente. No caso dos datos do sonar de varrido lateral empregáronse para observar directamente as profundidades nas que a estrutura dos emisarios vellos estaban afectadas polas ondas e as correntes, causando procesos de erosión e sedimentación ao encontrarse co emisario.

“A combinación destes tres tipos independentes de resultados  demostraron que a área de interese é unha zona de pouca enerxía, protexida de xeito significativo contra o ataque das ondas, onde predomina a area fina”, explica Daniel Rey. Non obstante, os datos de campo indicaron unha interacción nos obstáculos somerxidos entre 0 e 12 m de profundidade. “O modelo revelou que existe un movemento de sedimentos significativo por encima dos 7,4 m de profundidade e que o emisario non alteraría a dinámica xeral de transporte da praia, senón que interactuaría na sección máis superficial”, recalca o investigador,  facendo así fincapé na que considera  a principal conclusión do estudo, e que se refería a que a futura estrutura non alteraría a dinámica global da praia. Ademais, Rey explica que co fin de garantir a seguridade do novo emisario, “tamén consideramos que este non debería de aflorar por encima dos  8 o 12 m de profundidade, dependendo da zona”.

Plataforma Inndaga

Na investigación foi crucial o emprego de Inndaga, unha plataforma multipropósito desenvolvida polo propio grupo Geoma nun bote inchable de 8,5 m de longo e concibida para realizar levantamentos oceanográficos en áreas costeiras. Este concepto permite que a embarcación opere de maneira segura e con gran flexibilidade de manobra en áreas onde as embarcacións de investigación máis grandes non poden acceder (áreas rochosas, portos …) e a baixo custo operativo.

Imaxe da Inndaga nas inmediacións da praia de Rodas en Cíes despois dunha xornada de traballo. Foto: Garci.
Imaxe da Inndaga nas inmediacións da praia de Rodas en Cíes despois dunha xornada de traballo. Foto: Garci.

Totalmente integrada nun sistema de xestión da información para proporcionar eficiencia e eficacia na toma de decisións estratéxicas, a embarcación é moi flexible e ten unha ampla gama de aplicacións. Segundo explican desde o grupo Geoma, nos portos convértese nunha plataforma ideal para desenvolver tecnoloxías e metodoloxías específicas in situ para a inspección e a monitoraxe precisa dos diferentes elementos dos peiraos, as condicións hidrográficas e para mellorar o seu mantemento e operación de conformidade coas directivas medioambientais da UE e os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) ONU . “Este concepto permite a adquisición de datos de alta resolución necesarios para mellorar os modelos hidrodinámicos, importantes para predicir os posibles efectos do dragado, analizar o comportamento dunha estrutura, como foi o caso deste estudo, ou deseñar estratexias para combater e xestionar posibles vertidos”, recalcou Rey.

Por outra banda, un esquema completamente desenvolvido posterior á prospección permite un rápido procesamento de datos e análises de mostras de auga e sedimentos. Estes resultados intégranse nun Sistema de Información Xeo referenciada (SIG) que permite a visualización de toda a información relevante para o manexo ambiental das áreas costeiras, proporcionando eficiencia e efectividade na toma de decisións estratéxicas.


Referencia: Multidata Study to Evaluate the Impact of Submarine Outfall in a Beach Sedimentary Dynamic: The Case of Samil Beach (Galicia, Spain). (Publicado en Journal of Marine Science and Engineering).


Consulta a noticia no DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As zonas húmidas, eficaces na limpeza de antibióticos das augas residuais

Un novo estudo revela que as solucións baseadas na natureza son máis efectivas que as tecnoloxías convencionais para eliminar os medicamentos e os xenes de resistencia antimicrobiana

Un reactor de luz solar elimina ata un 90% dos fármacos presentes en augas residuais

A tese de Jorge González, da USC, centrouse no deseño de sistemas de tratamento innovadores a base de nanopartículas

Os cambios climáticos do pasado, e non os actuais, explican a diversidade dos mamíferos

Tres investigadoras da UVigo analizan datos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional