Sábado 20 Abril 2024

A Universidade de Vigo reforza a oferta académica para cubrir as demandas do mercado laboral

Tres programas de simultaneidade e un grao con modalidade virtual, as novidades para o vindeiro curso

A Universidade de Vigo afronta o próximo curso 2020/2021 coa implantación de tres novos programas de simultaneidade, cun total de 22 prazas, que xorden co obxectivo de cubrir as demandas da sociedade e do mercado laboral actual: Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática, Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica, e Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática.

“Os dobres graos, aínda que non se trata de titulacións propiamente ditas, xa que son programas de estudo formados por titulacións existentes, supoñen unha oferta atractiva para o alumnado, tal e como demostran as notas de corte de entrada dos que xa se ofertan. O atractivo é obvio, obter dúas titulacións de grao, co plus que iso supón para o currículo e para a formación do alumnado, que ten un carácter máis disciplinario”, detalla o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos.

Publicidade

Estas novas titulacións permitirán formar profesionais altamente cualificados, cun perfil tecnolóxico moi valorado no mercado laboral actual, respondendo a demanda de persoas tituladas en áreas moi especializadas e do ámbito das STEAM. Estes programas de simultaneidade veñen a reforzar a actual oferta formativa dunha institución nova, que soubo adaptarse aos novos requirimentos do estudantado en canto a saídas profesionais.

Dirección e Xestión Pública será o primeiro grao do Sistema Universitario de Galicia en contar cunha modalidade virtual

Así mesmo, o vindeiro curso, o Grao en Dirección e Xestión Pública, impartido no campus de Pontevedra, converterase no primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en contar cunha modalidade virtual, para a que se ofertan 20 prazas, que se suman ás 25 do modo presencial.

Deste xeito, a oferta académica da Universidade de Vigo no curso 2020/2021 contará cun total de 61 graos, 58 mestrados e 39 programas de doutoramento de todas as ramas do coñecemento.

Con 30 anos de experiencia acumulada, a universidade do sur de Galicia, con tres campus nas cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, logrou o recoñecemento nacional e internacional, avalado por clasificacións como Shangai (ARWU), que a sitúa entre as institucións académicas de referencia en 12 categorías, destacando a posición que ocupa nos ámbitos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, entre as 75 mellores do mundo, e no de Oceanografía, eido en que figura entre as 100 primeiras. Vigo atópase así mesmo, entre as 200 mellores universidades en Enxeñaría de Telecomunicación, entre as 300 primeiras en Xestión Turística e entre as 500 mellores en Ciencias da Terra, Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, Enxeñaría Química, Ciencias e Enxeñaría da Enerxía, Biotecnoloxía e Ciencias Agrícolas. 

Novos tempos, novas metodoloxías

A Universidade de Vigo demostra ser unha institución innovadora e dinámica, adaptada aos novos tempos, que ofrece novas metodoloxías docentes grazas ao emprego de plataformas de teledocencia como Campus Remoto, que permite realizar aulas virtuais en directo, co obxectivo de garantir a docencia e a avaliación en tempos de pandemia. Este xemelgo virtual da estrutura docente da Universidade, sobre unha plataforma propia baseada en código aberto Big Blue Button (BBB), algo que moi poucas universidades lograron, é o complemento perfecto para unha institución de educación presencial, que comezará o vindeiro curso, a pesares das restricións introducidas pola covid-19, con 10 graos e 24 mestrados dun xeito totalmente presencial.

“Isto é un activo da nosa Universidade”, salienta o reitor, Manuel Reigosa, que recorda que, naqueles outros casos nos que a presencialidade “non é posible polo número de estudantes e o tamaño das aulas”, optarase por un modelo mixto en que o alumnado poida seguir as clases tanto desde a aula como desde as súas casas a través de Campus Integra, que permitirá o desenvolvemento da docencia mixta, “o máis semellante posible á presencial”, de tal xeito que aqueles que teñan que seguir desde as súas casas “aulas teóricas e mesmo algúns seminarios”, poidan tamén interactuar co profesorado e os seus compañeiros e compañeiras.

A Uvigo conta con programas e servizos para alumnado con necesidades especiais e que garanten a igualdade

Coa finalidade de facilitarlle unha formación integral ao estudantado, a Universidade de Vigo conta con programas e servizos que atenden os requirimentos do alumnado con necesidades especiais e garanten a igualdade, ademais dunha ampla oferta de servizos complementarios. Dunha banda, o Centro de Linguas é un referente do ensino de linguas e na acreditación de nivel de idioma, ao estar certificado por entidades como o Instituto Cervantes, ACLES ou TOEFL.  Inglés, francés, alemán, portugués e italiano, pero tamén chinés, persa, xaponés, árabe ou ruso, conforman o completo catálogo de idiomas ofertados para contribuír á calidade na docencia e á internacionalización da UVigo.

Doutra banda, a Área de Benestar, Saúde e Deporte favorece a adquisición de hábitos saudables entre a comunidade universitaria nos ámbitos da alimentación, a actividade física, e a saúde psicosocial. Nesta liña, o estudantado ten á súa disposición diferentes servizos de nutrición e dietética, fisioterapia, medicina deportiva ou consulta psicopedagóxica que axudan a facilitar a súa experiencia no campus universitario.

Ademais, a UVigo conta cun Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos que supón un grande apoio para o alumnado na xestión de bolsas e na resolución de posibles incidencias.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O festival CinVigo volve esta fin de semana á Porta do Sol con ciencia e diversión

A programación do CINBIO inclúe unha feira científica, obradoiros infantís, unha xincana, maxia e espectáculos

Un proxecto da UVigo sérvese da IA para mellorar a detección de cancro colorrectal

A rede AI4PolypNet está formada por oito grupos de investigación de Galicia, Estremadura, País Vasco e Cataluña

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático