Venres 29 Marzo 2024

A encrucillada do fuso galego: non cambiar a hora, adaptala a Portugal ou deixalo todo igual

O reloxo adiántase esta fin de semana sen que se resolva o debate entre as distintas posibilidades de referencia horaria

Un ano máis, a madrugada do domingo teremos que darlle ao noso reloxo cara a adiante, e as 3,00 horas da madrugada serán as 4,00, poñendo fin ao horario de inverno e recuperando o de verán. E, con este cambio, ábrese novamente o debate público e comezan a xurdir numerosas preguntas: é necesario mudar o fuso horario en Galicia adoptando o británico ou o portugués? Realmente merece a pena o cambio de hora estacional?

En canto á necesidade de cambiar o fuso en Galicia, hai opinións e interpretacións diversas, pero o catedrático do Departamento de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Jorge Mira Pérez asegura que non existiría ningunha vantaxe e que “é totalmente absurdo mudar o fuso actual”. Mira destaca que as persoas que fomentan esta medida argumentan que coa modificación do horario arranxariamos “o que se di de que España vive de noite e que non temos horarios europeos”. Unha afirmación ante a que Mira amosa o seu escepticismo e coa que está totalmente en desacordo. “Se mudamos o noso fuso automaticamente toda a vida do territorio quedaría unha hora desprazada cara á noite, provocando un desfase real e que en España se vivise aínda máis de noite ca antes”, asegura o físico. 

Publicidade

Mira: “Se mudamos o noso fuso, automaticamente toda a vida do territorio quedaría unha hora desprazada cara á noite”

Ademais, Mira explica que se cambiamos o punto de referencia horaria, tamén sería necesario, para compensar, mudar os nosos horarios diarios de traballo e demais tarefas, quedando exactamente coas mesmas horas de sol que temos agora. “É ridículo, pero non se faría dano a ninguén”, sinala. Mais o físico alerta: que podería ocurrir? No escenario máis pesimista, aos cidadáns custaríalles adaptar os seus costumes e tradicións. Mira incide en que a sociedade española, como todas as sociedades europeas, ten perfectamente identificado o seu ritmo solar e o que provocaría este cambio de fuso sería “sacar a xente do punto de equilibrio conseguido por probaerro ao longo de moitas décadas”. “De feito, nos países que xa fixeron estas operacións ao final tiveron que volver cambiar porque a sociedade non resistiu o cambio”, continúa.

Ser máis acordes ao sol e á natureza

Doutra banda, o meteorólogo de Meteogalicia Juan Taboada non ten claro se habería que cambiar ou non o fuso horario. Opina que se realmente nos guiásemos polo sol si que estaríamos nun fuso horario que non nos corresponde. “Nese sentido, quizáis sería máis lóxico levar un fuso máis acorde co que nos indica o sol e a natureza, apunta. Porén, Taboada tamén sinala que neste tema están en xogo outros moitos factores sociais, culturais, económicos ou tradicións “que a nós se nos escapan realmente”.

Se mudamos ao fuso portugués contariamos cun pro inmediato “que sería que nos facilitaría moitísimo todo o intercambio que temos co país veciño, xa que esa hora de cambio a veces entorpece un pouco as relacións”, afirma o meteorólogo. Sen embargo, “se o fuso horario cambiase só en Galicia acabariamos tendo o mismo problema co resto de España”. Con todo, mudar os nosos costumes e o comportamento que temos adaptado ao horario actual non sería unha tarefa sinxela, porque “xa estamos moi acostumados a este tipo de vida”. 

Horario de inverno ou de verán?

Foi no ano 2018 cando Europa empezou a estudar a posibilidade de eliminar o cambio de hora bianual. A Comisión Europea abriu un debate en Bruxelas para analizar este tema, tras unha resolución do Parlamento Europeo na que instaba a revisar a directiva sobre o cambio horario ao considerar que podería ter efectos para a saúde. Finalmente, Bruxelas presentou un proxecto para poñer fin a esta práctica, pero ata o de agora a proposta segue paralizada.

Aínda que polo momento parece que en España seguiremos mudando a hora cada seis meses, a medida chama á reflexión e suscita moita controversia entre a poboación. Son diversas as dúbidas que derivan esta medida e que provocan que non se chegue a un consenso sobre que decisión se debe tomar: suprimir o cambio de hora estacional ou, pola contra, mantelo. Ante esta cuestión, segundo recolle o barómetro de abril de 2021 realizado polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), case o 62% das persoas participantes na enquisa preferirían acabar con este cambio de hora estacional. Pero están de acordo os expertos?

Unha enquisa do CIS apunta que máis do 60% das persoas participantes prefiren acabar co cambio de hora

En canto a este debate, Jorge Mira ten unha postura clara ao respecto: o cambio de hora é necesario porque “a orientación do planeta Terra con respecto ao sol tamén cambia”. O físico explica que a duración do día cambia aproximadamente ao redor de seis horas e media cada seis meses. “Como o reloxo é un aparato que vai fixo e non ten esa correción é preciso facela a man”. O físico fai fincapé en que esta medida xa vén de moito tempo atrás e que antes de existir o cambio estacional da hora “a sociedade xa facía isto de seu, as persoas primitivas seguían un ritmo que cambiaba coas estacións, como é evidente”. “Non podemos ir a piñón fixo cando o planeta non vai a piñón fixo, trátase dunha incongruencia de libro, algo parecido ao terraplanismo”, insiste.  Para concluír, Mira reflexiona acerca da realidade do mundo que temos hoxe en día: Vivimos nunha época convulsa, estamos nun momento no que todo se discute, cousas que xa están establecidas, están fundamentadas e son correctas, e agora tocoulle a este tema”.   

Pola outra banda, Juan Taboada considera que o cambio de hora “non deixa de ser un pequeno estorbo” que provoca uns días de adaptación e que tampouco leva consigo “un aforro enerxético demasiado grande”, que foi unha das razóns para implementar esta práctica.  Pero, ao igual que ocorre co cambio de fuso, o feito de fixar un horario tamén traería unha serie de problemas polos hábitos e costumes adoptados e, en xeral, “polo tipo de vida que levamos no noso territorio”. Baixo o punto de vista de Taboada, se escollemos un dos horarios o máis axeitado sería o de inverno, xa que “sería absolutamente antinatural que houbese días nos que en Galicia non amencese ata as 10 da mañán, sería unha desorde tremenda”. Aínda que, por outra banda, para un sector tan importante como é o do turismo no noso país “é probable que non fose a solución máis conveniente”. 

Mira: “As persoas primitivas tamén seguían un ritmo que cambiaba coas estacións”

O certo é que é difícil chegar a un acordo unánime ou concluínte nesta materia. De feito, segundo o citado barómetro do CIS, preto do 70% dos enquisados escollerían quedar co horario de verán. Para levar a cabo un cambio non hai que precipitarse, é necesario estudiar e avaliar detalladamente os custos e oportunidades da medida. Polo momento, o que si sabemos é que as agullas do reloxo non paran e, polo momento, esta fin de semana non nos podemos esquecer de cambiar a hora.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:04:39

Pode caer un raio dúas veces no mesmo sitio?

Grazas aos pararraios a humanidade non teme hoxe as tormentas e o seu poder destrutivo, pero o lugar onde caen as descargas ten pouco de azar e moito de fondo científico

Debe ter Galicia o mesmo horario que o resto do Estado?

A poucos días de mudar a hora, abrése o debate sobre se a nosa comunidade debería seguir o fuso de Portugal e Reino Unido

Pódcast | É hora de entender o cambio horario, con Jorge Mira

O catedrático de Física da USC, membro do comité de expertos que asesorou ao Goberno, aclara as dúbidas respecto ao movemento do reloxo

Un estudo cuestiona os riscos para a saúde atribuídos ao movementos do reloxo

Investigadores das Universidades de Santiago de Compostela e Sevilla revisaron a literatura científica máis citada a este respecto