‘Sentidiño’, elixida Palabra Galega do Ano 2019

O termo acadou o 51 por cento dos votos no certame que organiza o Portal das Palabras da Real Academia Galega

“Despedímonos deste 2019 con moito sentidiño!”, proclamou o Portal das Palabras tras facer pública á gañadora do certame da palabra galega do ano.  “Este xeito tan de noso de denominar o sentido común é o termo máis votado dos seis finalistas. Acaparou nada menos que o 51% dos votos, quizais porque designa un antídoto ben eficaz para moitas das preocupacións sociais que adoitades reflectir nesta iniciativa coa que queremos salientar a conexión da lingua coa realidade cambiante que nos rodea”, din dende a Real Academia Galega.

Feminicidio foi a segunda palabra máis votada —con case o 20% dos votos— nun ano no que as rúas volveron encherse de voces contra a violencia de xénero e narcosubmarino, apenas semanas despois de irromper na linguaxe cotiá de Galicia, acadou o terceiro posto co 15% dos votos.

Publicidade

Seguíronlles, por esta orde, quecemento global, ecocidio e negación, os outros termos que foron finalistas tras unha recollida de propostas entre o público, que deixou un regueiro de suxestións nas que a reivindicación da igualdade de xénero e da xestión sostible dos recursos naturais compartiu protagonismo coa actualidade política local e global.

Sentidiño é, polo tanto, a sexta Palabra do Ano, digna sucesora de deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —no ano do centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). “Cadaquén terá as súas razóns para amala, ou mesmo para retorcer o fociño ante a vontade popular que a fixo triunfadora, pero como o noso é a lingua preferimos afondar nas explicacións filolóxicas”, conclúen co bo humor dende o Portal das Palabras, impulsor desta iniciativa.

Publicidade

1 comentario

  1. Nunca me gustou, pois penso que non pasa de diminutivo cariñoso (ou aumentativo!) do xenuíno “sentido”, que os medios de comunicación máis rexionalistas puxeron de moda. Ten algo de expresión ordinaria que non a fai palabra seria. Tamén me lembra a un meniño ou persoa que sinte moito as cousas, mimoso ou hipersensible. “Senso” ou “bo senso” son os meus substitutos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla