Venres 29 Marzo 2024

Os focos nos centros de maiores fan medrar os novos casos en Galicia

A cifra de 165 novos positivos, o maior aumento desde o pasado sábado, concéntrase en boa parte en residencias da Coruña e Ourense

A Xunta de Galicia informou este xoves que son 6.085 as persoas afectadas polo coronavirus SARS-CoV-2 en Galicia, no que respecta ao cumio da pirámide de persoas afectadas (aquelas ás que se lle realizou a proba para confirmar a doenza). Aínda que o número de casos activos medra en 66 respecto ao mércores (ao descontar as altas e falecementos) a cifra de novos positivos que achega o Ministerio de Sanidad é de 165, a maior desde o pasado sábado. Boa parte destes novos positivos cínguese, como nas últimas datas, ás residencias de persoas maiores ou con discapacidade, con case 1.400 casos activos (22,64% do total de Galicia. Os datos están actualizados ás 21 horas da noite anterior, polo que é posible que as cifras, sobre todo as de novos óbitos, cambien durante o día.

A boa nova deste xoves é a caída das persoas ingresadas tanto nas UCIs de Galicia como no resto de unidades de hospitalización. Neste último caso, son 68 persoas menos (de 746 a 678), o que supón unha caída do 9,12%. Ademais, hai cinco persoas menos nas UCI (de 128 a 123), o que afasta por agora o risco de saturación dos centros sanitarios.

Publicidade

O resto dos casos, 5.284 (86,84% do total) están sendo atendidas en domicilio. Con todo, cómpre sinalar que nesta última porcentaxe se inclúen as persoas usuarias en residencias de maiores, que nalgún caso teñen un prognóstico grave debido ás complicacións propias da idade. De feito, boa parte dos falecementos dos últimos días rexístranse entre estas persoas atendidas “no domicilio”.

A Xunta inclúe nos hospitalizados en domicilio aos usuarios de residencias de maiores, algúns deles con prognóstico grave

Así, cóntanse 405 falecementos, catorce máis que nos datos do mércores. Tres deles producíronse en centros residenciais: dous na residencia Claudina-Somoza (A Coruña) e 1 na residencia San Pedro de Crecente, e outros catro usuarios de residencias faleceron en hospitais ou residencias integradas, en atención aos datos que achega Sanidade. A residencia Claudina-Somoza concentra tamén o maior aumento de novos casos, con 34 novos casos entre usuarios (tendo en conta os dous óbitos do martes) e 5 positivos entre os profesionais.

No resumo da situación do último mes pode verse como o número de altas representa unha parte cada vez maior do total de casos confirmados ata o momento. Entre a noite do martes e a do mércores déronse 85 novas altas.

 En atención ás cifras que achega a Xunta, por cada unha das sete áreas sanitarias nas que se reparte o territorio galego, actualmente estase seguindo a 1.332 persoas na área da Coruña-Cee, 592 na de Lugo-A Mariña-Monforte, 1.203 na de Ourense-Verín-O Barco, 501 na de Pontevedra-Salnés, 1.089 na área de Vigo, 1.025 na de Santiago-Barbanza, e 343 na de Ferrol.

Así foi a evolución no último mes, desde o 13 de marzo, cando xa se difundían datos por áreas sanitarias. Catro delas (Vigo, Ferrol, Pontevedra e Lugo) amosan un crecemento máis lento, mesmo estancamento no caso de Vigo, na última semana, mentres que Santiago, A Coruña e sobre todo Ourense (coa maior incidencia respecto ao total da poboación da área) seguen rexistrando un maior volume de novos positivos, en boa parte debido á confirmación de casos en residencias de maiores. Son máis de 1.200 casos e arredor dun terzo nestes centros. O pasado venres a área ourensá superou á de Vigo (con case o dobre de poboación) en número de casos. O estancamento en Ferrol, Pontevedra e Lugo afasta cada vez máis a evolución destas tres áreas respecto ás outras catro.

Outro dos indicadores positivos sobre a epidemia é que a distancia entre os novos casos diarios e as altas diarias estase a reducir, como se pode ver baixo estas liñas, aínda que o incremento de novos positivos deste xoves afasta algo as traxectorias.

Residencias de maiores

En Galicia, a Consellería de Política Social segue achegando pola súa conta o número de casos activos en residencias de persoas maiores e con discapacidade, que na actualidade supoñen máis do 22% das persoas afectadas en Galicia. 956 usuarios e 422 profesionais destes centros están infectados por coronavirus. Os maiores focos están na cidade de Ourense (Nuestra Señora de La Esperanza da Fundación San Rosendo, Divino Maestro, tamén da Fundación San Rosendo, ou San José Hermanitas), DomusVi San Lázaro-Santiago, DomusVi Cangas, Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras, DomusVi Barreiro-Vigo, Portazgo-A Coruña ou o CAPD Redondela. Nos últimos días seguen confirmándose positivos en residencias que non rexistraran casos, como en Ribadavia, Nogueira de Ramuín, Riós ou Baralla.

Desde o comezo da crise, a Xunta notificou que 181 das persoas falecidas por coronavirus en Galicia (un 44,69% de todas as mortes) son residentes destas instalacións. 95 deles morreron nas residencias e 86 en hospitais e residencias integradas.

A Xunta informou tamén do número de probas PCR realizadas ata o momento: 53.829, o que supón o máximo diario, con 3.433. Este é un dos métodos de detección da doenza, ademais das probas rápidas, que se están a usar en Galicia. Cómpre aclarar que o número total de probas PCR non se corresponde co de persoas analizadas mediante esta técnica, xa que algunhas delas son estudadas en dúas ou máis ocasións.

Crecemento da epidemia

Segundo o informe do Centro Nacional de Epidemioloxía, a taxa de crecemento da epidemia (é dicir, o incremento porcentual de casos novos nas últimas dúas semanas) de Galicia é do -8,5%, unha das menores de España, onde a media xeral é do -4,4%. Só en Ceuta, Melilla e Canarias os casos novos están baixando a maior velocidade que en Galicia, como se pode ver nesta táboa.

 

Esta é a situación actual en España:

A cifra de falecidos sobe ata 551 en España nas últimas 24 horas

En Portugal:

E no mundo:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.