Xosé Regueira é concelleiro en Carballo e deputado provincial. Foto: Anxo Iglesias.

Regueira: “O prioritario é apoiar aos 93 concellos nesta situación complexa”

O vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo analiza os retos que enfronta o sector en Galicia por mor da pandemia da Covid-19

O impacto da crise sanitaria causada pola pandemia de coronavirus ameaza con deixar fora de xogo a un dos sectores que mais contribúen ao PIB de Galicia, e que vén compensando, dende hai tempo, a falta dun modelo produtivo máis eficiente, centrado na industria.

O turismo move o 10,4% del PIB galego e xenera 123.700 empregos. Só o ano pasado año chegaron a Galicia 5,1 millóns de visitantes, co  agravante ademais de que estamos ás portas do Xacobeo 2021. As perdas en Galicia poderían acadar os 5.700 millóns de euros, é dicir, o 80% da riqueza xerada polo turismo.

Falamos con Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e responsable de Turismo, sobre os difíciles problemas do sector neste momento, sobre as estratexias e axudas económicas que dende a Deputación se están a poñer en marcha, e sobre o próximo Foro de Turismo, que comeza o luns e no se pretende reflexionar,  e escoitar as opinións do sector. Xa hai máis de 600 persoas anotadas.

Regueira, lembra con preocupación, que máis da metade do sector dos servizos en Galicia, do que en grande parte se nutre o Turismo, está na provincia da Coruña: “Eu penso que un sector tan importante para a economía galega, debería ter unha resposta que concorde co seu peso, o sector turístico vai precisar un rescate económico, vai ser imposíbel que se normalice no curto prazo”. O obxectivo, afirma, é” que se perda o menos posible”, dado que vai ser complicado compensar a perda de visitantes do ano anterior.

A pesar de amosar unha visión realista, Regueira acredita na “profesionalidade e no talento da nosa sociedade para saír desta ”. E ve tamén, “coma en todas as crises”, oportunidades: “De aí tamén a razón do Foro de Turismo, reflexionar sobre as oportunidades. Nós creo que temos potencialidades fronte a outros territorios, debemos empregarnos a fondo á hora de valorar as oportunidades, á hora de ler tamén o comportamento do mercado turístico.”

-Como afronta vostede a situación de crise dende a Deputación, como responsable de Turismo?

-Pois, a verdade é que con moita preocupación. Dende a Deputación da Coruña estabamos planificando unha estratexia de turismo, que xa hai anos que viñamos poñendo en marcha, baixo o criterio dun cambio de ciclo, porque dalgunha maneira intuíamos que o comportamento do turismo ía a sufrir importantes cambios pola sensibilidade da poboación mundial diante do cambio climático, mais o cambio veu máis rápido e dun xeito totalmente radical debido ao COVID19. Polo tanto, preocúpanos que un sector tan grande e tan diverso como é o do turismo teña que reinventarse nun tempo récord.

“O turismo supón unha parte moi importante da nosa economía: 0 63,3% do sector servizos de Galiza está na provincia da Coruña”

-Canto supón o turismo para a provincia da Coruña?

-Supón unha parte moi importante da súa economía, non podemos esquecer que o 63,3% do total do sector servizos de Galiza está na Provincia da Coruña. Hai datos clarificadores sobre o que representa no total do 11% do PIB que o turismo significa para a economía de Galiza; un 44% do total dos empregos de transporte de viaxeiros, actividades de hostalería, e outras actividades relacionadas co turismo, teñen a súa base na Provincia da Coruña. E se imos a cuestións xa máis concretas, o 42,9% dos empregos turísticos na Provincia son mulleres e máis da metade son menores de 45 anos, polo tanto, o impacto no emprego feminino e de xente nova tamén vai ser moi elevado, máis aínda cando partían xa de posicións moi febles. Un total do 43,5% das afiliacións á Seguridade Social do turismo galego, son da Provincia da Coruña, un 73,5% altas no Réxime Xeral e un 26,5% en Autónomos.

-E cal é o perfil de visitantes?

-O perfil das persoas que visitan a provincia non é moi diferente ao perfil medio das persoas que visitan Galiza, non hai que esquecer que o 43% do total do turismo de Galiza escolle a Provincia da Coruña, o pasado ano medramos un 13% en visitantes e un 12,5% en pernoctacións.

Xosé Regueira é concelleiro en Carballo e deputado provincial. Fotos: Anxo Iglesias.
Xosé Regueira é concelleiro en Carballo e deputado provincial. Fotos: Anxo Iglesias.

-No caso de poder viaxar, fálase, para este ano, de atraer viaxeiros nacionais porque as fronteiras estarán pechadas. De que maneira se vai facer isto, como atraer visitantes neste momento?

-Para Turismo da Deputación da Coruña, o seu target sempre foi a proximidade. A nosa estratexia nestes anos priorizaba o turismo de proximidade, de desestacionalización e de escapadas. Sempre consideramos que onde podiamos aportar máis era nese ámbito, traballando cos concellos e buscando sempre atraer xente que estivera a menos de 4 ou 5 horas da nosa Provincia. Buscando tamén atraer ao resto de Galiza, para que nos elixira para as súas escapadas.

Temos unha oferta variada, diversificada e cunha calidade moi alta. Temos un turismo urbano moi importante, das tres cidades con máis pernoctacións en Galiza, dúas están na Provincia, A Coruña e Ferrol, e logo está Compostela, que é un tótem turístico internacional e un dos grandes faros do turismo galego. O turismo cultural, nas súas diversas fórmulas, e tamén o turismo de natureza e de aventura, e neste ámbito comeza a despuntar o Surf, ademais da bicicleta e o sendeirismo que xa hai tempo que están consolidados.

Contamos ademais coa complicidade de 93 destinos diferentes e complementarios que son os nosos concellos, entre eles tres cidades extraordinarias como son Compostela, A Coruña e Ferrol, e 6 Xeodestinos cuns valores turísticos espectaculares. En todo iso é onde residen as nosas potencialidades, e onde deberán seguir residindo nos retos aos que nos vai a enfrontar o COVID19.

-Cales considera que son os puntos fortes para unha rápida da recuperación?

-As claves da recuperación serán seguridade alimentaria, cunhas lonxas e unha horta de calidade contrastada, un produto agroalimentario excepcional, unha gastronomía cada vez máis consolidada a nivel estatal e internacional, acompañada dunha paisaxe altamente valorada nas estatísticas turísticas, onde o coronavirus ten escaso impacto, unhas cidades que afortunadamente tamén reflicten cifras modestas de contaxio.

Con todos estes elementos a favor, é necesario implantar pautas que tranquilicen e lle dean confianza ao mercado, para ter unha oportunidade no panorama que se abre no sector. Cremos que o turismo de segunda residencia, e o turismo que vén a Galiza frecuentemente e nos coñece, vai seguir elixíndonos, agora debemos ganar a outro que nos axude a compensar perdas e a facer rendíbeis os negocios turísticos. Ese é o repto.

“É necesario implantar pautas que tranquilicen e lle dean confianza ao mercado”

-Están poñendo en marcha algún tipo de medida, de axuda ou asesoramento, ao sector?

-De momento, para a Deputación da Coruña, o preocupación máxima é combater contra o covid19. Para nós vai ser prioritario apoiar aos 93 concellos da Provincia da Coruña, que van a sufrir unha situación económica moi complexa. Imos ter unha auténtica emerxencia económica, mais tamén social, nun momento en que os concellos van ver tamén minoradas as súas fontes de financiamento.

A Deputación está a traballar en dous grandes eixos de loita contra o covid19, as transferencias aos concellos a través do Plan Único de Concellos POS+, e o Plan de Emprego Local, que buscará pór recursos para os autónomos e as PEMES da Provincia da Coruña, na que como dicía antes un 63% é sector servizos. Ademais de tentar aportar recursos a sectores que van sufrir tamén fortemente o impacto, como o sector cultural ou tamén o deportivo. Polo tanto, no económico os nosos recursos chegarán ao sector vía transferencias a concellos e vía axudas ás empresas, turísticas e non turísticas.

Mais tamén estamos facendo outros esforzos. Decidimos seguir financiando o 100% da contratación de persoal técnico de turismo para concellos da provincia con case 800.000 euros, facilitando a contratación de 57 persoas cualificadas que estamos seguros que van ser fundamentais para axudar aos concellos e ás empresas, a redefinir as súas estratexias e buscar novas fórmulas coas que superar a crise do covid19 a nivel turístico.

Do mesmo xeito que suplementamos a liña de financiamento dos entes de xestión de turismo que operan na provincia, superando o 1.300.000 euros, para que poidan seguir traballando con garantías, e coordinando e deseñando actuacións para superar a crise.

Polo tanto, estamos falando de máis de 2 millóns de euros que xa están operativos para que as estruturas de xestión turística se poñan a funcionar, e para nós iso é algo que consideramos fundamental e estratéxico, pór a traballar o coñecemento no sector.

“Imos saír disto loitando e tendo claro que vai depender coma sempre de nós mesmos”

-Agora están a poñerse en marcha algunhas plataformas de participación conxunta do sector, para reflexionar sobre novos modelos máis sostibles. Van facer vostedes algo similar para escoitar ao sector?

-Estamos diante dunha situación extraordinaria na que todo é incertidume, e da que todas e todos temos que aprender, e tamén aportar. Por iso puxemos en marcha o Foro de Turismo COVID19, un encontro dixital dividido en catro eixos no que poder contrastar, expor, aportar e sobre todo reflexionar sobre o futuro. Un foro onde coñecer os puntos de vista do sector, de todo o sector, dese poliedro que se chama Turismo, e que ten moitas caras diferentes, mais unha única realidade dramática no futuro a curto prazo.

O Foro como dicía, vai ter 4 xornadas con catro puntos de vista, o dos entes de xestión, o do persoal técnico de turismo dos concellos, o das empresas e o das persoas que traballan na divulgación e dos medios. A resposta está sendo impresionante, e neste momento xa levamos inscritas máis de 600 persoas. Esa é a nosa grande aposta, a reflexión, a colaboración, a da aportación conxunta.

-Cre vostede que o nosa economía depende demasiado do sector do Turismo?

-Non creo que dependa demasiado do sector do turismo, si que depende seguramente demasiado do sector servizos, que está moi relacionado co turismo. Eu creo que en condicións normais o turismo en Galiza aínda tiña nicho de crecemento dende criterios de sustentabilidade económica, agás espazos moi concretos.

A variábel do COVID19 é un factor extraordinario co que ninguén contaba. Dito isto, aínda que a economía galega non dependa demasiado do turismo, o que realmente nos pasa é que dependemos demasiado pouco da industria e do sector primario, actividades que sufriron decisións políticas enormemente prexudiciais para a nosa economía e o noso benestar. A crise cóllenos tamén en plena crise do sector industrial na Provincia da Coruña, e penso que é o momento de volver a cara ao medio rural e á súa capacidade para producir e xerar valor. A ver se agora vai.

-É optimista ou pesimista ante a recuperación da economía e do sector en particular?

-Prefiro ser realista, mais teño unha actitude positiva fronte a esta crise. Creo na capacidade de sufrimento, de loita, de traballo e de iniciativa da nosa xente. Creo na profesionalidade e no talento desta sociedade. Acredito na esperanza de que un Pobo como o galego saiba saír desta, como ten saído de tantas outras crises, da mellor maneira que sabe, loitando e tendo claro que vai depender coma sempre de nós mesmos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.