As Illas Canarias non teñen porque ser só un destino de sol e praia, con boas temperaturas durante todo o ano. Nos cumes do arquipélago hai algo que as fai aínda máis atractivas, e case únicas no planeta: uns ceos limpos e unha atmosfera moi estable que acollen, nas illas de La Palma e Tenerife, dúas das maiores instalacións telescópicas do mundo. Os observatorios do Teide e o Roque de los Muchachos manteñen un programa de visitas guiadas que son unha das referencias estatais do turismo científico.
Os observatorios de Canarias
No Roque de los Muchachos, a case 2.400 metros de altitude na illa de La Palma, está o observatorio que acolle a xoia das grandes lentes que observan o ceo: o Gran Telescopio Canarias (GTC), de máis de 10 metros de diámetro, e un dos máis destacados do planeta. Xunto a el, unha rede de telescopios solares, nocturnos e outros adaptados tamén ao estudo das Altas Enerxías conforman unha paisaxe que recibe todos os anos a decenas de investigadores, pero tamén turistas interesados na astrofísica.
E na illa de Tenerife, a 2.300 metros, no macizo que leva ao cumio do Teide, aparece o observatorio de Izaña, onde está a maior colección internacional de telescopios do mundo; son 60, de máis de 20 países de todos os continentes.
Ambos observatorios constitúen, deste xeito, o Observatorio Norte Europeo, o lugar escollido por decenas de países do continente para ubicar as súas fiestras cara ao espazo. Son, por tanto, un epicentro de investigación, innovación e desenvolvemento das tecnoloxías de vangarda na exploración do universo.
Un ceo protexido por lei
Desde hai 30 anos, a limpeza do ceo de Canarias está protexida por norma. A Lei do Ceo, aprobada en 1988, regula diversos aspectos co obxectivo de que os telescopios instalados no arquipélago dispoñan das mellores condicións posibles para a observación. Así, contrólanse as iluminacións exteriores, os niveis de contaminación radioeléctrica, a contaminación atmosférica e o tráfico aéreo, para evitar calquera posible interferencia sobre o Roque de los Muchachos e Izaña. Por este mesmo motivo, as visitas turísticas aos observatorios só están permitidas en horario diurno.
As condicións meteorolóxicas fan o resto: un réxime de ventos e correntes dominadas polo anticiclón das Azores e os ventos alisios estabilizan a atmosfera durante o 90% dos días e noites do ano nas altitudes por riba dos 2.000 metros. E ademais, por este mesmo motivo, a luz artificial queda atrapada no mar de nubes que adoita verse desde os dous observatorios; así, a iluminación das vilas e estradas non se proxecta cara ao ceo.
As visitas
Pódese chegar ata Izaña pola estrada que cruza a illa a través do macizo do Teide. O traxecto dura aproximadamente unha hora desde calquera punto, sempre que as condicións meteorolóxicas acompañen (o IAC informa puntualmente da situación das estradas de acceso). A través de Volcano Teide Experience, poden reservarse as visitas, con varios horarios e unha duración aproximada de 90 minutos. Nela ofrécese unha completa visión das instalacións e o seu funcionamento, e é tamén posible visitar o interior dalgún dos telescopios. O prezo é de 21 euros (sen transporte).
Para os centros educativos de toda España, a visita é gratuíta. Porén, debido ás condicións meteorolóxicas, están suspendidas de decembro a marzo. No caso dos residentes en Canarias, hai un desconto na tarifa do 40%, mentres que para os menores residentes de 16 anos é gratuíta.
Observatorio do Roque de los Muchachos:
No caso dos telescopios da illa de La Palma, as visitas xestiónanse a través da Fundación Starlight, que conta con guías habilitados e especializados en turismo astronómico para realizar as expedicións. Debido ás condicións de traballo no observatorio e a razóns operativas e de acceso ao lugar, as visitas só se poden realizar en determinados días e horas, e en grupos reducidos, polo que hai que reservar con antelación nas páxinas indicadas ao efecto. Cada guía dispón de determinadas tarifas e condicións, que se poden consultar nesta ligazón.
No caso dos centros educativos, tamén é posible visitar o Roque de los Muchachos. Cómpre cubrir un formulario, previa lectura das condicións de acceso.
Alén dos dous observatorios, a illa de Tenerife ofrece tamén outra opción para os amantes da astronomía. A carón da sede do Instituto de Astrofísica de Canarias, na cidade de La Laguna, está o Museo da Ciencia e o Cosmos. Ofrece diversas exposicións permanentes e temporais sobre a historia do universo e os astros do Sistema Solar.
A información sobre visitas, horarios e prezos pode consultarse nesta ligazón.
.