Venres 26 Abril 2024

Unha noite no mellor ceo do mundo

GCiencia acompaña a dous científicos do Instituto de Astrofísica de Canarias no aliñamento do telescopio Carlos Sánchez, a 2.300 metros de altura

Non é unha afirmación gratuíta, nin feita á présa, faltando á verdade, para atraer ao turismo. O ceo de Canarias é o mellor do mundo, e así o demostran case todos os parámetros que os astrofísicos e os enxeñeiros que deseñan os telescopios miden para observar o espazo. Só algúns puntos do deserto de Atacama e da illa de Hawai teñen unha situación comparable á dos observatorios do Teide, en Tenerife, e o Roque de los Muchachos, en La Palma. E non é de estrañar, por tanto, que decenas de países quixeran asomarse ao mundo que hai aí enriba desde aquí.

“A do Teide é a maior colección internacional de telescopios do mundo; son 60, de máis de 20 países de todos os continentes”, explica Álex Oscoz, xefe de instalacións telescópicas do IAC. Controla e coñece, por tanto, o traballo que se desenvolve no ceo destas illas. España véndelle aos outros países un pequeno anaco do territorio para instalar as grandes lentes a cambio dunha porcentaxe de tempo para poder observar os datos recollidos neles. Así foi como, case desde cero, a astrofísica española situouse na primeira liña mundial; aproveitando o coñecemento xerado en Canarias, o IAC desenvolveu un gran potencial investigador e inventor, deseñando algúns dos mellores telescopios que se fan hoxe no mundo.

Publicidade

Izaña, un mar de cogomelos no ceo

Vista diurna do observatorio de Izaña. Foto: IAC.

Álex Oscoz é o condutor do vehículo no que subimos desde La Laguna, sede do IAC. O copiloto, o galego Roberto López, ten parte da responsabilidade de que hoxe o instituto se consolidase na elite mundial. Desde 1981 participou nalgúns dos proxectos máis ambiciosos que se fixeron para observar o espazo desde a Terra, e deseñou, por exemplo, o FastCam, un instrumento que agrega, a gran velocidade, imaxes de obxectos astronómicos cunha precisión nunca antes conseguida. Amosou os seus resultados nunha tese que presentou na Universidade de Vigo, e que foi dirixida polo propio Oscoz e a astrofísica galega Ana Ulla. Fastcam xa foi probado en varios dos grandes telescopios das illas, alcanzando o límite teórico de resolucións nalgúns deles.

Os galegos que abren a xanela ao universo

Nunha hora e menos de 60 quilómetros de estrada pásase do nivel do mar a máis de 2.300 metros de altura, no macizo de Izaña. E mentres van contando a súa experiencia profesional no IAC, e explicando porque o ceo que imos ver é o mellor do mundo, a paisaxe muda de súpeto pouco antes de chegar. Dun piñeiral mesto que acompaña gran parte da viaxe pásase, en poucos centos de metros, a unha zona de mato, visiblemente máis seca. Unha imaxe que explica a limpeza do ceo canario. Contan Roberto e Álex que a partir desta altura a atmosfera vólvese moito máis estable: mentres que as nubes empapan moitos días ao ano os piñeirais que deixamos debaixo, un pouco máis arriba chove moito menos, a contaminación luminosa (restrinxida por lei en Canarias) queda baixo as nubes, e as correntes de aire nesta zona do planeta, por influencia dos ventos alisios e o anticiclón os Azores, fan que o aire do Teide estea extraordinariamente calmado durante máis do 80% dos días do ano.

Turismo nos observatorios: outro xeito de ver as Canarias

Ao pouco aparece o mar de cogomelos de Izaña. As cúpulas dos telescopios forman unha paisaxe ben curiosa, co Teide detrás recortándose no solpor. Despois de parar un momento a coller uns bocadillos para a cea na residencia de Izaña, o coche aparca xunto ao Telescopio Carlos Sánchez (TCS). O aparello, cunha lente de 1,52 metros de diámetro, leva o nome do investigador e compañeiro de Roberto López – estáballe dirixindo a tese cando faleceu, con só 41 anos, en 1985.

O traballo no TCS

Ao abrir o coche, o frío sorprende. Dos 20ºC á saída de Santa Cruz pásanse aos 4ºC, pero unha lixeira brisa deixa unha sensación aínda máis xélida. Ás présas, o grupo entra no edificio, e disponse a vivir – uns observando e outros traballando – unha noite buscando estrelas. É un traballo metódico, que Álex e Roberto explican mentres moven teclas, comproban parámetros nas pantallas e entran, cada pouco tempo, a mover manualmente a engranaxe para afinar o máis posible a lente. Unha estrutura feita, curiosamente, con gran parte de material reciclado. Buscan unha estrela máis brillante, xa coñecida, para usala como referencia e, a partir dela, poder observar outros obxectos que se agochan a moitos anos luz.

Cada pouco, paga a pena aproveitar a ocasión, pasar un pouco de frío e saír fóra para ver un ceo cheo de estrelas, coa Vía Láctea visible ao ollo humano. Algo que moita xente, sobre todo a máis nova que vive nas cidades, nunca puido ver debido á contaminación luminosa. Cando o a vista se acostuma á escuridade do exterior, despois de saír do edificio, as constelacións comezan a xurdir.

A óptica adaptativa permite corrixir as refraccións que causa a atmosfera na luz emitida polos astros e captada desde a Terra

Mentres, o traballo dentro continúa. O dispositivo óptico do TCS traza nos equipos informáticos unha serie de puntos que representan a luz emitida pola estrela que buscan aliñar Álex e Roberto. Aínda que as condicións son óptimas, a atmosfera non deixa de ser un fluído, e a luz distorsiónase antes de chegar á lente. Para isto, os grandes telescopios usan a técnica da óptica adaptativa, que contrarresta en tempo real, mediante lentes secundarias deformables, as desviacións da luz. Son traballos dunha precisión incrible, acadada tras moitos anos de traballo e enxeño.

Preto da medianoite, o traballo remata e o grupo emprende a volta desde as alturas. Antes de subir ao coche, botan unha última ollada cara ao ceo. Dentro do recinto do observatorio, para non ‘contaminar’ as imaxes que captan as grandes lentes, hai que circular moi a modo, e só coas luces de posición.  Máis adiante, mentres baixamos cara a Santa Cruz, semella que estamos vendo as vilas costeiras desde un avión: son 2.000 metros de desnivel en menos de 10 quilómetros en liña recta. Sobre as vilas, o mar de nubes está pintado de laranxa no medio da noite, reflectindo a iluminación das rúas. É hora de durmir, pero xa se soñou durante un bo rato.

“Sería intelixente facer en Galicia un centro de investigación astrofísica”

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente