José Luis Rasilla, no seu despacho.

“Sería intelixente facer en Galicia un centro de investigación astrofísica”

Desde Lugo, a súa cidade natal, e despois de estudar Física na Universidade de Santiago de Compostela, José Luis Rasilla Piñeiro chegou ata Tenerife hai xa máis de 30 anos. E alí segue. Xunto a paisanos como Roberto López, co que traballa man a man desde os comezos, forma parte da plantilla de máis de 500 persoas que nos últimos decenios situaron ao Instituto de Astrofísica de Canarias como un referente da investigación do espazo en todo o mundo. O departamento de Enxeñaría Óptica que dirixe Rasilla é o encargado de desenvolver lentes con precisión nanométrica para que desde este recuncho do universo poidamos ver brilar obxectos a moitos anos luz de nós.

– O seu departamento, e moitos equipos do instituto, acadaron relevancia internacional no deseño de grandes telescopios. Ata que punto chega isto?

– Un exemplo é que, agora mesmo, o IAC está traballando nos proxectos máis importantes que se están facendo para o Observatorio Europeo do Sur (ESO). Estamos traballando en Harmoni, que vai ser un dos primeiros instrumentos do ELT (Telescopio Extremadamente Grande, que está previsto en Chile para 2022), en HIRES que tamén irá ao ELT, ou en varios dos compoñentes de VLT (Telescopio Moi Grande; xa en funcionamento en Chile). É dicir, a participación do IAC é extremadamente potente.

Roberto López e José Luis Rasilla, no coñecido como 'búnker' do departamento de Óptica. Foto: R. Pan.
Roberto López e José Luis Rasilla, no coñecido como ‘búnker’ do departamento de Óptica. Fotos: R. Pan.

– A xente preguntarase: como se consiguen estas precisións tan grandes con obxectos tan afastados?

– Hai que ser moi, moi precisos e coidadosos. Para poñer un exemplo: hai duas maneiras de localizar exoplanetas: por ocultación (é dicir, detectando reducións de brillo nunha estrela debido a un obxecto que pasa por diante) ou ben polas variacións na velocidade de rotación das estrelas debido á gravidade, porque así sabemos que planetas xiran arredor dela.

O problema é que ás veces, nas deteccións por ocultación, os tránsitos dos obxectos non se repiten como agardabamos, polo que sospeitamos que son realmente manchas, como as que hai no sol, que se producen nesas estrelas.

Pois ben, no outro método, medimos as velocidades grazas ao efecto Doppler e as súas variacións no especto electromagnético: se algo se está achegando, vai cara ao azul; se se afasta, vai cara ao vermello.

– De que variacións estamos falando?

– Pois dunha parte ínfima da lonxitude de onda, unha millonésima de píxel. Pero non é só iso: deamos por suposto que son capaz de detectar isto grazas a que teño moitas liñas para medir e calibrar o espectro. Pero claro, hai que ter en conta a vibración. Así que lle poño placas antivibratorias, métoo nunha cámara de baleiro para que non lle afecte a temperatura. E esa cámara, para que non haxa problemas de dilatacións, métoa nun cuarto con temperatura controlada. E para ter ese cuarto con temperatura controlada, téñoo que meter noutro cuarto á súa vez, para que non haxa variacións.

Temos así un espectrógrafo metido en tres capas, cun control de temperatura que oscila menos dunha milésima de grao. Nin sequera podes entrar no cuarto no que traballas, para que a temperatura non se perturbe.

Pero nin sequera iso chega. Porque a atmosfera pode experimentar vibracións, así que hai que engadir un instrumento de óptica adaptativa. Porén, isto aínda non é perfecto, así que usamos fibras ópticas cun grosor de micras para recoller información da luz. Temos que xogar con diferentes formas e tamaños de fibras, proxectalas e corrixir as proxeccións á súa vez. Así é como conseguimos ver planetas. O sistema de fibras que está funcionando no ESPRESSO do VLT de Chile fixémolo nós.

“É cuestión de tempo, cos novos telescopios, ver se poderemos atopar moléculas que dean sinais de vida en planetas máis afastados”

– E o de atopar vida?

– Cos novos telescopios que se están proxectando agora, e que funcionarán nuns poucos anos, seremos capaces de detectar moléculas que poden indicar vida, como o metano, ou algúns hidrocarburos, en planetas aínda máis afastados. É cuestión de tempo saber se a hai ou non.

– Que fai o xefe do departamento de Óptica no IAC?

– Teño que dicir que son xefe, en parte, por culpa de Roberto, porque cando saíu a praza el non quixo presentarse, e fixo ben (risas). Porque realmente o que nos gusta a el e a min é a enxeñaría e o traballo práctico, non tanto a xestión. Pero ben, aquí estamos. O traballo é sobre todo coordinar as necesidades de persoal e de infraestruturas, e facer de enlace entre o equipo e a dirección do centro. O bo que o cargo non absorbe tanto tempo como para deixar de traballar na práctica, pero dedícolle menos do que me gustaría.

– Hai unha crítica que se fai a miúdo á exploración espacial: por que se gastan tantos cartos nisto, tendo tanto que arranxar na Terra?

– Pois, sen ir máis lonxe, grazas á astronomía e a astrofísica, a xente pode estar lendo esta entrevista no seu ‘smartphone’, ou facer fotos con el. Os chips que os fixeron posibles desenvolveronse para a astronomía, mesmo antes que no eido militar. O mesmo pasou cos detectores de infravermellos, que se conseguiron en astrofísica.

En oftalmoloxía, por exemplo, estanse facendo moitos avances grazas aos sensores de fronte de onda e con óptica adaptativa. A USC, de feito, foi unha das primeiras universidades que traballou na óptica adaptativa. E quen desenvolviu isto foi a astronomía, porque tiñamos que corrixir os problemas que atopabamos para ver os planetas, como comentaba antes.

É un problema, sobre todo, de cultura, pero pásanos a todos. É cuestión de preguntarse: ‘como é posible que antes precisabamos carretes para sacar fotos, e agora abonda cunha cámara minúscula?’. A transferencia de tecnoloxía da astrofísica á sociedade é moi importante, dálle moito máis do que a xente pensa.

– Nótase en Canarias esta transferencia?

– Saíu hai pouco informe no que se dicía que por cada euro investido polo Estado en astrofísica en Canarias, retornaban tres. Por toda a xente que pasa por aquí a traballar e investigar, os cartos que á súa vez veñen de Europa, outros organismos que invisten tamén aquí… É beneficioso nos grandes números.

Pero podería ser mellor. Para a cantidade de tecnoloxía que se desenvolve no IAC, non hai un tecido industrial suficientemente forte nas Canarias. É certo que temos un problema: estamos nunha illa, lonxe de moitos sitios, e ás empresas cóstalle máis apostar por vir aquí. O IAC en Madrid, por exemplo, probablemente achegaría máis riqueza. Así que hai que intentar que as empresas nazan aquí. Para iso creouse IACTEC, unha plataforma para transferir a tecnoloxía.

– Hai máis limitacións?

– O feito de depender da burocracia do Estado é ás veces un obstáculo. Hai liñas de investigación que temos paradas, por exemplo, porque reparar un aparello é moi caro. E por outra banda, os prazos de licitación para os contratos máis grandes lastran os proxectos. As empresas non poden vivir só do traballo con IAC, porque estamos limitados por isto. O instituto xera coñecemento e cartos que repercuten aquí, e iso debería terse en conta para facilitarnos o traballo e os trámites.

– Que pode achegar Galicia ao sector?

– A situación de Galicia é un pouco a outra cara da moeda. Nalgunhas empresas tecnolóxicas estanse facendo cousas moi interesantes, e están participando en proxectos relevantes. Hai un tecido moi potente nese sentido. Hai tempo que se fala de facer un gran observatorio, pero iso non ten sentido. Non se precisa, e as condicións do ceo non son obxectivamente boas. En Galicia sería moito máis rendible e intelixente desenvolver, por exemplo, un centro de investigación astrofísica, ou en calquera outra disciplina deste estilo, onde reunir todo ese coñecemento e traballo que xa se xera alí. Igual era menos visible ca outras obras de gran magnitude, pero sen dúbida sería máis rendible. Desde as universidades poderíase apostar tamén pola instrumentación, en óptica, en mecánica, en robótica, etc. Sería moi interesante apostar por isto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.