Xoves 18 Abril 2024

Os galegos que abren a xanela ao universo

Ramón María Aller foi a inspiración para moitos galegos e galegas que decidiron buscar máis alá do ceo para buscar a resposta que explique porque estamos aquí. Aínda vivía o crego e astrónomo lalinense cando se creou, nas alturas da illa de Tenerife, o observatorio do Teide. A máis de 2.000 metros de altura, cunhas condicións case inmellorables no mundo para mirar no máis profundo do ceo.

Para facer os telescopios máis precisos posibles, e para analizar o mellor posible os datos que estes equipos recollen, traballan no Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) máis de medio milleiro de persoas de moitos países do mundo. Entre eles, varios científicos galegos chegaron, por diferentes vías, ata o edificio do IAC en La Laguna, que GCiencia visitou para saber máis sobre o seu traballo. Nomes como Roberto López, José Luis Rasilla, Óscar Tubío, Manuel Pérez, Martín López, Ángel Mato, Jorge Andrés Pérez Prieto, Emilio Cadavid ou Pablo López, con historias de paixón polo coñecemento, de traballo diario durante moitos anos para poñer o seu gran de area nesta gran aventura.

Publicidade

O IAC

A historia do IAC comezou en 1959, cando botou a andar o observatorio de Izaña, dentro do espazo natural do Teide. A uns 2.300 metros de altitude, cun 85% de días con condicións óptimas para que os telescopios poidan funcionar sen dificultades, os expertos viron pronto as grandes vantaxes do lugar. Naquel ano, unha eclipse total de Sol atraíu á illa a moitos astrónomos, o que deu o pulo definitivo para facer realidade o proxecto do que xa se levaba tempo falando.

En 1975 creouse o Instituto de Astrofísica de Canarias como organismo dependente da universidade de La Laguna. E en 1982, vendo o seu gran potencial, o goberno español converteuno nun consorcio público integrado polas administracións estatais e autonómicas, o CSIC e a propia universidade local.  Comezaron entón a mirar para Canarias decenas de países e investigadores atraídos porque, en sentido real e figurado, o ceo abríase ante os seus ollos. Tres anos despois, coincidindo coa inauguración oficial do IAC, botou a andar na illa de La Palma o observatorio do Roque de los Muchachos, onde está o Gran Telescopio Canarias (GTC), o maior do mundo, inaugurado en 2007.

O instituto tinerfeño é, por tanto, un dos maiores polos de coñecemento en astrofísica que hai no mundo. Nos observatorios do Teide e La Palma, máis de 20 países teñen telescopios propios para os seus investigadores. No IAC, o departamento de formación recibe cada ano a decenas de mozos e mozas de todo o mundo, que saben que La Laguna é un dos mellores sitios para aprender.

Para conseguir a excelencia, a atención aos detalles chega á escala nanométrica. Operarios, técnicos, enxeñeiros e científicos teóricos forman parte dunha gran cadea para que todo funcione á perfección. E hai que tomar todas as precaucións posibles.

Por exemplo, o ‘búnker‘ onde se desenvolven as lentes que se instalan nos telescopios, está rodeado por paredes de formigón de dous metros para illar calquera vibración. O aire fíltrase continuamente para que ningunha partícula toque os aparellos, e hai que levar bata para que ningunha fibra se pouse sobre eles: o erro dunha micra, levado a distancias astronómicas, podería botar por terra moito tempo de traballo de moita xente.

Roberto López López (Vigo, 1960)

Roberto López, no Telescopio Carlos Sánchez do Observatorio do Teide.

En 1981, chegou desde Vigo Roberto López, un mozo que estaba estudando Física en Santiago de Compostela. Xa era un apaixonado polo estudo de espazo, así que pediu consello a un dos seus profesores da facultade, que o animou a probar sorte en Canarias. E xa ficou nas illas. Rematou a carreira xa en La Laguna, especializándose en astrofísica, e comezou a súa tese de doutoramento da man de Carlos Sánchez, un dos investigadores que máis pegada deixou no instituto. O falecemento de Sánchez en 1985, só seis días despois da inauguración oficial do IAC, mudou os plans de Roberto. Porén, continuou ampliando a súa formación como enxeñeiro óptico, cargo que hoxe ocupa no organigrama do IAC, deseñando e pulindo todos os detalles dos instrumentos cos que se observa o ceo.

Ao aunar a enxeñaría óptica co coñecemento da astrofísica, Roberto traballa como enlace entre os diferentes elos da cadea que conforman o IAC. “Estou moi contento, porque desfruto traballando, e teño liberdade para crear, probar e intentar cousas novas”.

José Luis Rasilla Piñeiro (Lugo, 1962)

José Luis Rasilla, no seu despacho.

Xunto a Roberto López, José Luis Rasilla, natural de Lugo, é un dos galegos que máis tempo leva traballando no IAC. E actualmente, ocupa un dos principais cargos no organigrama de xestión e organización do instituto. Rasilla é xefe do departamento de Enxeñaría Óptica e, polo tanto, encargado de dirixir o equipo de decenas de expertos que buscan que as lentes que observan o ceo sexan o mellor posible, e integralas do mellor xeito nos complexos equipos que conforman os telescopios, toman os datos e os traducen en información para os investigadores. Bromea con que el é xefe, básicamente, “porque Roberto non se presentou”.

José Luis é licenciado en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, e en 1988 chegou a Tenerife. No IAC especializouse en Astrofísica, e desde entón exerce no centro.

Óscar Tubío Araújo (Boiro, 1973)

Óscar Tubío, xunto a parte do equipo óptico que levará o GTC.

Aínda que naceu no Barbanza, Óscar chegou a Canarias moi novo, antes de comezar a súa formación superior. Cando era adolescente, a familia fixo as maletas e continuou a vida nas illas, como tantas outras galegas. Despois de estudar Telecomunicacións en Las Palmas, fixo de novo as maletas para traballar no sector privado, en empresas como Phillips, e tamén na Axencia Espacial Europea en Holanda. Cando era empregado nunha empresa do sector ‘teleco’ en Madrid, a crise provocou o peche da compañía. Así acabou de novo nas Canarias, volvendo a un dos seus fogares.

Desde 2012, Óscar Tubío traballa no IAC. Na actualidade, é un dos enxeñeiros electrónicos que pon a punto o novo sistema de óptica adaptativa que se instalará no Gran Telescopio Canarias (GTC), a maior xoia de todo o complexo do instituto, e un dos aparellos deste tipo máis precisos do mundo. “O que pretendemos é corrixir as turbulencias que provoca a atmosfera, para intentar ver o resto de universo como se estiveramos no espazo”, explica Tubío.

Ángel Mato Martínez (Curtis, 1984)

Ángel Mato, xunto a unha das estruturas que se instalará para renovar o Gran Telescopio Canarias.

O máis novo dos enxeñeiros e investigadores galegos que na actualidade forman parte da plantilla do IAC é Ángel Mato, natural de Curtis e graduado en Enxeñaría Industrial pola Universidade de Vigo. Chegou moi novo, con 23 anos, a Canarias, e desde entón forma parte do departamento de Mecánica do instituto. Leva xa, por tanto, máis de 10 anos facendo funcionar toda a engranaxe que convirte en realidade o soño de tanta xente ao longo da historia: observar con precisión  os obxectos aos que nunca (polo menos nas vindeiras xeracións) poderemos chegar.

Por medio das colaboracións e dos contactos que fan no seu traballo diario, ou ben pola relación con antigos compañeiros, os investigadores galegos no IAC destacan o pulo de Galicia na investigación astrofísica e aeroespacial, aínda que lamentan a falta de recursos e de aposta polo sector. Coñecen ben o traballo en nanosatélites que se desenvolve en Vigo, da longa traxectoria do observatorio Ramón María Aller en Santiago, que moitos coñeceron cando eran mozos estudantes na USC, ou da participación dos equipos da Universidade da Coruña en proxectos como Gaia, da Axencia Espacial Europea.

Non hai, por agora, ningunha muller galega na plantilla investigadora do IAC. Segue notándose a fenda nas enxeñarías e ciencias físicas, pero talentos como o de Ana Ulla (directora da tese de doutoramento de Roberto López). ou Minia Manteiga, primeira catedrática de Astrofísica de Galicia, demostran que é cuestión de tempo.

E ninguén, por agora, pode mudar o clima nin as condicións atmosféricas para facer que en Galicia sexa máis sinxelo observar o espazo. A estabilidade do ceo de Canarias é case imposible atopala en Galicia en moitos períodos do ano. Mais no mellor ceo do mundo hai un bo anaco de talento galego buscando respostas aí enriba.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os planetas xigantes poderían madurar antes do pensado

Un estudo liderado polo IAC obtén a primeira evidencia de que estes obxectos chegarían ao seu tamaño final en etapas moi temperás da súa evolución

Así podes ver dende Galicia a choiva de estrelas das Xemínidas

O Instituto de Astrofísica de Canarias ofrece unha retansmisión en directo dun fenómeno único porque está provocado por un asteroide

Detectan desde Canarias unha explosión de raios gamma “sen precedentes”

A revista "Nature" publica os resultados dos rexistros medidos polos telescopios MAGIC en La Palma en xaneiro deste ano

Atopan o cadáver dun planeta como a Terra nunha estrela moribunda

O achado que publica Science pode falarnos do futuro do noso Sistema Solar dentro de 5.000 millóns de anos