Xoves 28 Marzo 2024

Álvaro Roura: “Queremos criar polbo de acuicultura imitando a súa vida en liberdade”

Menos de dous meses despois de coñecerse que o IEO e Pescanova conseguiran completar o ciclo do polbo común (Octopus vulgaris) en catividade, unha nova liña de investigación únese á carreira do que sería un fito histórico na acuicultura en Galicia. O Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo e a Armadora Pereira anunciaron este luns que están obtendo resultados “moi esperanzadores” neste senso. A tese de doutoramento de Álvaro Roura, dirixida por Ángel Guerra, Ángel González e Gabriel Rosón, serviu como pulo a un novo enfoque para acertar coa dieta das paralarvas, un muro case insuperable ata agora para os científicos. O artigo publicado en Progress in Oceanography súmase, deste xeito, á carreira comercial para obter o polbo de piscifactoría e levalo ao mercado. Álvaro Roura responde a varias cuestións sobre esta investigación.

Larva de 20 días. Imaxe cedida por Álvaro Roura.

– Como se fixo a pregunta que deu pé a todo isto?

Publicidade

– A min gústame moito a ecoloxía, e responder a preguntas básicas na vida destes animais. E pensar tamén en como pode abrirnos isto os ollos cara a futuras aplicacións. A da alimentación era unha das fases do coñecemento da vida do polbo en catividade na que faltaba por afondar. Sabiamos como e cando chegaban as crías ás rías, pero non con quen vivían, e que comían.  E iso foi o que estudamos, e seguimos estudando.

– Que se fixo na investigación?

– Eu realicei en Australia a miña estancia posdoutoral, e alí estudei como as larvas de polbo e outros cefalópodos se moven polo océano, como poden chegar dun sitio a outro, e que é o que comen. Fixemos unha serie de campañas oceanográficas e capturamos, por primeira vez, larvas fóra da plataforma continental. Isto nunca se conseguira ata ese momento. É un proceso moi lento e moi difícil. Preto da costa hai unha larva entre cada 200.000 animais, pero se saes ao océano, hai unha por cada catro millóns de animais. Hai que ver e buscar moitos animais para atopar unha. E foi un esforzo enorme.

Con esas larvas, puxémonos a estudar a súa dieta. Fixemos unhas técnicas de secuenciación masiva coas que obtivemos moitísima información sobre esta alimentación, identificando máis de 90 presas distintas.

E con estes datos, ao terminar a estadía en Australia, comezamos a redactar proxectos para aplicar este coñecemento á acuicultura, para ver se podiamos resolver o problema do gran colo de botella. Tivemos a sorte de que a Armadora Pereira se interesou polo proxecto e confiaron en min. Fixemos un acordo de colaboración e puxémonos a desenvolver esta hipótese, para ver se podiamos usar a ecoloxía para criar o polbo en catividade.

CSIC e Armadora Pereira entran na carreira por criar polbo de acuicultura

– Conseguiuse entón superar o colo de botella?

– Levamos 18 meses co proxecto, desde abril do ano pasado, e temos resultados moi esperanzadores. Conseguimos reducir bastante as mortalidades, con supervivencias, no día 60, de entre o 20 e o 30%. Isto é só o principio, porque non tiñamos experiencia previa en cultivo. Eu veño de investigar as larvas no océano, non en acuicultura.

Como se acertou coa alimentación?

– Xa sabiamos que comen moitos crustáceos: caranguexos, gambas, gasterópodos, quetognatos, etc. Hai unha parte que non podemos contar, porque forma parte do acordo coa armadora. Pero si podemos contar que está feito a base de artemia, un alimento que se utiliza en acuicultura, con produtos como a dourada ou a robaliza.

Aquí, a artemia é o vehículo que se pode enriquecer con moitas cousas, aínda que por si mesma ten pouco valor nutritivo. Se o facemos rápido, antes que faga a dixestión e expulse estes nutrientes, podemos dar coa tecla para alimentar ás larvas de polbo.

Pescanova compra a patente do polbo de acuicultura

Hai pouco tempo que se coñeceron os resultados do IEO e Pescanova. Ten este proxecto algo en común?

Colaboramos co IEO, e temos artigos en común, pero non ten nada que ver con isto. Pero esta liña de investigación céntrase na vida das larvas en liberdade. Ata agora, a acuicultura do polbo fíxose algo a cegas, pero a liña que desenvolvemos en Ecobiomar ten máis en conta a perspectiva ecolóxica. Queremos criar polbo de acuicultura, pero imitando e recreando a súa vida en liberdade

– Que queda agora?

– Moito, porque o proxecto apenas acaba de empezar. As larvas son animais moi intelixentes, pero moi delicados. E en cada cultivo aprendemos algo máis. O que falta é seguir mellorando e pensar en novas hipóteses baseadas na súa ecoloxía, e mellorar outros aspectos da súa ecoloxía. Falta bastante para ter datos bos se é viable ou non lanzarse a producir, que é o obxectivo final da armadora, porque ven que pode levar á produción. Non ten por que ser unha soa tecla. Poden ser moitas á vez, con afinacións moi sutís, e en cada cultivo estamos afinando e sabendo máis cousas.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cal é o alimento que desencadea o pracer nos peixes?

Coñecer os mecanismos de motivación pola comida podería mellorar a eficiencia económica das empresas dedicadas á acuicultura

O CIM participa na creación dunha rede europea de infraestruturas de investigación

O obxectivo é mellorar os servizos en acuicultura, pesca e economía azul das institucións que forman o consorcio

Un equipo identifica na ría de Vigo patóxenos cun impacto “crucial” para a acuicultura e a biodiversidade mariña

Os investigadores atoparon bacterias, organismos eucariotas, especies invasoras e os cambios estacionais de abundancia
00:04:19

Como se reproducen os polbos? Un vídeo gravado en Cíes retrata o seu ciclo vital

As femias morren tan só unhas semanas despois de que conclúa o seu primeiro e único proceso reprodutivo