Publicidade

Javier Montenegro atrae a Santiago dous novos proxectos de excelencia

investigador da USC e o CiQUS Javier Montenegro obtivo unha das 60 axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) na modalidade PoC-Proof of Concept, coa que desenvolven proxectos xa apoiados por este organismo coa finalidade de estudar a transferencia á sociedade de determinados resultados e avaliar o seu potencial mercado e as posibilidades comerciais dos resultados científicos. Con este novo financiamento, ao abeiro do proxecto Traffikgene, Montenegro estudará novas formas de atravesar a membrana celular de forma selectiva para tratar enfermidades. Traffikgene é o segundo proxecto desenvolvido no CiQUS e na USC que obtén unha axuda PoC, tras a acadada por Francisco Rivadulla para desenvolver o proxecto ANTS, un novo tipo de microsensor de temperatura de alta resolución temporal e espacial, baseado nun efecto magnetotérmico.

A nova axuda, da modalidade ‘proba de concepto’ pretende apoiar os proxectos xa financiados polo European Research Council nalgunha convocatoria anterior. Esta liña de investimentos tamén ten entre os seus obxectivos favorecer o desenvolvemento de spin-off que permitan outorgar valor engadido aos novos achados do laboratorio.

Publicidade

A proposta do investigador da USC obtivo financiamento do Consello Europeo de Investigación xunto con outras 59 propostas de diversos países da UE, oito delas de grupos de investigación españois.

O financiamento terá unha vixencia de 18 meses e buscará abordar a síntese de novos péptidos para a entrega de DNA, RNA ou proteínas no interior das células co obxectivo de tratar enfermidades, actuando sobre as proteínas defectuosas e entregando ácidos nucleicos no interior celular, o que se coñece como terapia xénica. Como explica o investigador, estes péptidos prepáranse en condicións acuosas e fisioloxicamente compatibles, o que permite atopar aqueles con mellores condicións para realizar a entrega de DNA ou RNA en diferentes liñas celulares susceptibles de desenvolver tumores no futuro.

Publicidade

Supraporous

Alén do apoio recibido para Traffikgene, os laboratorios do centro de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) albergarán un ambicioso proxecto, co nome de Supraporous, financiado con preto de medio millón de euros por axencias de  Xapón, Alemaña, Lituania e España, que promete revolucionar o campo dos nanomateriais porosos con control nanométrico, e que dirixirá tamén Montenegro.

Supraporous propón como alternativa ás estratexias convencionais a construción de materiais porosos baseados en nanopartículas unidas entre si mediante polímeros supramoleculares. O obxectivo é crear novos materiais híbridos, que permitan cubrir o baleiro existente entre os materiais porosos máis pequenos (cuxo tamaño de poro presenta problemas para traballar con moléculas intermedias) e os de maiores dimensións.

Esta liña xurdiu tras unha estancia posdoutoral do doutor Julián Bergueiro na universidade de Tokio, baixo a supervisión do prestixioso profesor Takuzo Aida. “A estancia de Julián e o seu pulo inicial foron o principal motor dunha arriscada colaboración entre os nosos grupos”, comentaba hai unhas semanas Javier Montenegro. Para o investigador ERC Starting Grant, que liderará o proxecto desde o CiQUS, “a nosa idea era establecer unha nova aproximación revolucionaria cara a novos materiais híbridos e porosos, integrando os polímeros supramoleculares xerados por ambos os grupos ata entón”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O método pedagóxico galego que promete revolucionar o estudo da gramática

“Sintaxe” propón un sistema máis innovador e inclusivo no que os nenos de entre 6 e 11 anos aprenden con recursos que poden tocar

A recolección de miñocas para a pesca recreativa pon en risco a súa supervivencia

Investigadores da UDC afondan sobre este verme que se emprega como cebo para a pesca

Así asubían os arroaces nas Rías Baixas para organizarse en grupo e orientarse nas augas

Un estudo recolleu durante 15 anos os sons dos Tursiops Truncatus para comparar as diferenzas nas interaccións entre Galicia e Sardeña

Nin refuxio, nin comida: o eucalipto reduce á metade a presenza de aves nos montes galegos

Un estudo da USC recomenda intercalar faixas de especies autóctonas para mitigar o impacto dos eucaliptais na avifauna