En Semana Santa a peregrinaxe cara a Compostela é tendencia. Ao templo do Apóstolo Santiago pódese chegar desde múltiples sitios; incluso desde a súa propia provincia. O Camiño Inglés é o que parte desde A Coruña e Ferrol e percorre a comarca ata chegar á capital galega. Agora hai unha alternativa: a Vía Verde Compostela-Tambre-Lengüelle. Ademais de ser vía paralela do camiño xacobeo, recuperará o patrimonio gastronómico, cultural e, por suposto, industrial, con varias estacións ferroviarias actualmente sen servizo espalladas pola ruta.
A través do desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual para teléfonos móbiles, poderase descubrir o pasado da estrada ferrocarril dalgúns dos puntos especialmente emblemáticos do trazado da Vía Verde, como as estacións que perderon a súa utilidade orixinal. A aplicación de realidade virtual “será fácil de usar para garantir que todos os visitantes poidan gozar do seu uso dun xeito sinxelo e intuitivo”, indica o Plan elaborado desde a Deputación. Na aplicación poderanse descubrir diferentes aspectos do pasado da estrada co uso dun dispositivo móbil.
Esta Vía Verde discorre ao longo de 26 quilómetros entres as vilas de Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda. Das cinco estacións que ten este último concello dentro dos seus termos municipais, só unha (Cerceda-Meirama, segundo a denominación de Adif) segue funcionando. A antiga estación ferroviaria de Meirama foi reconvertida no Museo da Minería, inaugurado en 2015 con fondos procedentes do Plan Miner, e pretende lembrar o seu estreito vínculo coa industria do carbón.
A de Queixas-Londoño —en realidade, situada en Londoño— atópase sen servizo operativo desde 2007 e agora está reconvertida nun centro de formación e oficina agrogandeira. Esta estación replicaba a usual disposición destes edificios. A planta baixa estaba adicada á venda de billetes, ao despacho do xefe da estación e ao espazo de espera dos pasaxeiros. No primeiro piso, a vivienda do xefe da estación e da súa familia. Así o explica o panel informativo situado nas inmediacións da estación rehabilitada para o público. Parte dese pasado a recuperar, que lembra outro cartel, é a represión franquista na que viviron as persoas que participaron na súa construción, prisioneiros de guerra e presos políticos. Á de Meirama e á de Queixas-Londoño súmanse as de Cerceda (Queixas) e A Vila da Igrexa (Cerceda).
Non só en Cerceda se atopan os edificios de anterior uso ferroviario hoxe rehabilitados. Próxima ao curso do río Lengüelle, a antiga estación de Ordes-A Pontagra, no límite entre os municipios de Ordes e Tordoia, foi rehabilitada preto do inicio da década do 2010 como unha área recreativa e á que agora desde o Concello se lle quere dar novos usos sociais e recreativos cunha nova reforma. Orixinalmente, foi construída en 1943 como unha parada da liña Zamora-A Coruña, deseñada por Ramón Cortázar de Urruzola e como unha imitación da estación de Azpeitia (Guipúzcoa).
“O patrimonio ferroviario é fundamental. Queremos pór en valor o que significou a apertura desa vía férrea e para o desenvolvemento do territorio. Tendo un patrimonio industrial importante da Vía Verde imos tratar de recuperalo, de que sexa visitable, de que nos conte o relato histórico dese camino de ferro”, sostén Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo.
Alén dos elementos industriais, os Concellos integrantes da Vía Verde gardan un rico patrimonio cultural. Atopamos as igrexas de San Miguel de Gándara, San Esteban de Trasmonte e Santa Eulalia da Senra e o Pazo de Meixime en Oroso; o xacemento romano do castro de Casanova, a Torre de Morgade e o Museo do Traxe en Ordes; o dolme de Cabaleiros en Tordoia, e o castro de Coto de Guicha ou xacementos castrexos en Cerceda.
A recuperación do patrimonio ferroviario espallado ao longo da Vía Verde vai da man da creación da marca gastronómica que pretende impulsar o Plan de Sostibilidade Turística deseñado para este destino da Coruña. O obxectivo é artellar “unha estratexia que sirva tanto para o público interesado no ocio, sendeirismo ou turismo de natureza como os peregrinos cun índice de restauración que lles permita configurar as paradas para desfrutar da gastronomía e para que a experiencia gastronómica sexa unha parte importante”, resume Regueira. Enmarcadas nesa liña realizaranse accións como a de celebración de dúas xornadas gastronómicas anuais centradas na promoción dun ou de dous produtos de temporada de produción local. Con moitos plans de futuro sobre ela e aínda inacabada, a Vía Verde xa é unha opción presente.