O proxecto do Cabo Ortegal para converterse en Xeoparque da Unesco continúa o seu traballo para acadar o recoñecemento mundial deste espazo, que alberga relevantes vestixios da historia xeolóxica do planeta. O deputado responsable da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o presidente do Consello de Dirección do proxecto e alcalde de Valdoviño, Alberto González, participarán a semana que vén en Madrid na Feira Internacional do Turismo (FITUR) nun acto oficial co que defenderán os recursos e valores do territorio diante de axentes turísticos e público profesional e institucional.
A candidatura volveu presentar a súa proposta a comezos deste ano, despois de que a finais do 2020 a Comisión Nacional da Unesco decidise non presentar ningunha proposta ás Nacións Unidas. Deste xeito, o equipo de traballo seguiu afinando e mellorando a solicitude para intentalo este ano. De conseguilo, Galicia pasaría a contar con dous xeoparques recoñecidos pola institución internacional, despois do das Montañas do Courel.
Nas últimas semanas, os concellos integrantes da candidatura están a elaborar o informe da proposta, que se formalizará a finais deste mesmo mes. O 30 de abril, a Comisión Nacional da UNESCO remitiu a manifestación previa de interese tramitada polo Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal ao Secretariado do Programa de Ciencias de la Tierra y Geoparques de la UNESCO, completando así o primeiro paso do proceso.
Por outra banda, un informe do Instituto Geológico y Minero de España (IGME) elaborou un documento no que se valora toda a documentación presentada xunto coa Manifestación previa de interese en promover a candidatura neste 2021, no que se salienta “a relevancia científica internacional deste territorio e, ao mesmo tempo, tamén destaca todos os aspectos citados na solicitude relativos ao traballo realizado nestes anos ao redor do proxecto”.
A presentación do proxecto en FITUR terá lugar o día 19 ás 14 horas na praza central do Pavillón de Galicia. Nesta edición especial da feira, con limitación de prazas e controis que esixen probas previas a causa da pandemia, o público do acto estará composto por alcaldes e alcaldesa do territorio, que buscarán na feira apoios á proposta, contactos con prensa especializada e axentes turísticos de especial interese para difundir e consolidar a candidatura. O territorio do proxecto de Xeoparque está integrado polos concellos de Valdoviño, Cedeira, Cerdido, Cariño, Ortigueira, San Sadurniño e Moeche que suman forzas coa Deputación da Coruña para consolidar a candidatura neste ano 2021 en que o territorio se presentará tamén aos Plans de Sustentabilidade Turística en destino.
“Fitur é unha plataforma especialmente acaída para promocionar un proxecto como o Xeoparque de Ortegal e, neste sentido, desde a Deputación da Coruña queremos aproveitar a oportunidade para presentalo publicamente e buscar tamén sinerxías e apoios que apoien e difundan o destino e a candidatura”, apunta o deputado provincial Xosé Regueira, que confía na potencialidade do territorio e na cooperación institucional que fixo que se deran pasos firmes na consolidación da iniciativa.