Saber mirar o que pasa por diante dos nosos ollos pode descubrirnos detalles que a primeira vista pasarían inadvertidos. Por exemplo, no viaxe desde a beira da ría de Vigo ata o arquipélago que conforma o Parque Nacional das Illas Atlánticas hai decenas de matices que, se non nos explican, nunca veriamos. O mesmo acontece xa nas illas. Que é o que fai tan ricas as augas das rías galegas? Que fenómenos xeolóxicos provocaron que xurdiran estas enormes rochas a quilómetros do continente? Como inflúe o illamento no desenvolvemento das especies que viven alí? Para contar todo isto bota a andar Mar de Ciencia, un proxecto que ofrece paquetes de turismo científico para coñecer mellor o arquipélago da man de expertos en xeoloxía, astronomía, medio mariño, fauna, flora, ecoloxía, antropoloxía ou historia.

O proxecto pretende ser, segundo explica Maite Vence, directora de Observer Science Tourism, entidade que en 2017 certificou as Illas Atlánticas como o primeiro destino de turismo científico en Galicia, “unha nova ferramenta para desestacionalizar as visitas ás Illas” e promover tamén un novo xeito de coñecer estes enclaves. En palabras de Xabier Vázquez Pumariño, biólogo ambiental e consultor da empresa Habitaq, “as illas teñen unhas características que non teñen outros lugares, e ensinan cousas coas que podemos aprender moito”.
Paquetes de 1, 2 e 3 días
A primeira viaxe programada de Mar de Ciencia sairá na fin de semana do 12 de outubro. Serán paquetes pechados de 1, 2 ou 3 días, que pretenden ofrecer unha experiencia alén das habituais visitas estivais.
Así, durante a viaxe desde a Costa ata as Illas Atlánticas (haberá rutas a Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) insistirase no avistamento de aves e cetáceos, o coñecemento das furnas mariñas e outras actividades de exploración no ecosistema mariño. Do mesmo xeito, aproveitarase a noite para facer observacións astronómicas, xa que as Illas Atlánticas están tamén acreditadas co destino Starlight, que recoñece aos ceos limpos de contaminación luminosa.
Os paquetes de Mar de Ciencia inclúen tamén un ‘kit’ de explorador, con comida especialmente preparada para facer unha merenda científica, ben nas Illas ou no mar. Do mesmo xeito, tamén se inclúen lugares específicos para pasar a noite, ben en cámpings, como en hoteis ou casas rurais.
Toda a iniciativa enmárcase dentro da idea de turismo sostible que impulsa Observer, tendo en conta que “un maior coñecemento dos recursos naturais implica sempre unha mellor conservación“. Deste xeito, nas viaxes de Mar de Ciencia vaise remarcar tamén a importancia da redución de residuos, a reciclaxe e o coidado do medio ambiente.
O proxecto presentouse este venres no edificio Cambón de Vigo. Na iniciativa participan, ademáis de Observer e Habitaq, Cies.gal, Vioviajes, Wireless Galicia e Luzlux. Mar de Ciencia está cofinanciado pola Xunta de Galicia, o Muinisterio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e os fondos Feader da Unión Europea.
Máis información na páxina web de Mar de Ciencia.