Perder peso, reducir o apetito ou evitar enfermidades coronarias e diabetes. Estas son algunhas das promesas do xaxún intermitente que, sen evidencia científica, circulan pola rede creando cada vez máis adeptos. Este xaxún lévase a cabo seguindo unha innumerable lista de métodos que propoñen períodos cíclicos de xaxún de ata 16 horas con outra parte do día na que é permitido inxerir alimentos. “O obxectivo é, fundamentalmente, inxerir menos e, en realidade, conséguese polas horas que un pasa sen comer. Por outro lado, durante ese período de xaxún o noso organismo busca enerxía e o primeiro que se gasta son as graxas. É como a autofaxia, inxerir a propia graxa corporal. Pero isto supón un estrés para o noso organismo”, explica Rosaura Leis, profesora e investigadora en Nutrición da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Ao xaxún nocturno aconsellado para descanso do noso organismo, algúns métodos suman o almorzo, a primeira comida do día. “O almorzo é unha comida principal, axúdanos a ter enerxía para afrontar a xornada e isto é de gran importancia. As horas prolongadas de xaxún poden provocar ademais cefalea ou mareos, pola baixada de glicosa”, asegura Leis.
Os estudos sobre esta dieta non son concluíntes
A mensaxe “o xaxún intermitente é beneficioso para a saúde en adultos sans” foi cualificada xa no 2018 como “incerta e dubidosa” polos científicos do proxecto Nutrimedia da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Os resultados dos estudos realizados ata ese momento, segundo o informe publicado, non poden ser considerados concluíntes polo número reducido de participantes e pola súa curta duración o que impide coñecer os efectos potencialmente adversos a medio e longo prazo.
“Unha dieta variada e equilibrada pode axudarnos a cumprir os obxectivos que persegue o xaxún intermitente”
Para Rosaura Leis, unha dieta variada e equilibrada pode perfectamente axudarnos a cumprir os obxectivos de perda de peso que persegue o xaxún intermitente. Iso si, se consumimos as cantidades de alimentos adecuadas, advirte Leis, quen nos fala da “grande epidemia da obesidade” correlacionada directamente, afirma, “con maiores riscos cardiovasculares”. “A graxa corporal é un órgano metabolicamente activo. Tradicionalmente pensábase que era un depósito de enerxía pero tamén produce substancias que afectan a todos os órganos. Neste senso o xaxún intermitente pode conseguir reducila pero, como digo, hai outras maneiras de facelo sen producir ese estrés ao corpo”, explica a investigadora da USC.
Consello profesional para unha dieta personalizada
Pero un bo comportamento alimentario e unha actividade física asociada ao noso día a día poden non ser suficientes para loitar contra o depósito de graxa no noso corpo. Outros moitos factores, como a hora do día na que se come, poden ser determinantes. “Hai estudos recentes de crononutrición que explican como a inxestión de determinados nutrientes a determinadas horas do día supón un maior risco de depósito de graxa. Un comportamento máis vespertino, máis nocturno, parece que supón un maior risco. Pero tamén podemos falar de nutrixenética e de nutrixenómica, de como determinados nutrientes inflúen na expresión de determinados xenes, incluídos os que condicionan o depósito de graxa corporal. Estamos falando, en resumo, da nutrición personalizada, porque cada individuo é diferente. Polo tanto, falamos de recomendacións xerais pero tamén específicas para un individuo concreto, nunha situación concreta”.
Os riscos das dietas restritivas
“Recomendacións que un debe buscar sempre nun profesional da nutrición para evitar actuar por iniciativa propia”, defende Leis, quen nos explica algúns dos riscos de eliminar da nosa dieta, como indican algúns dos métodos de xaxún intermitente, determinados alimentos. “As dietas restritivas poden supoñer importantes riscos para a saúde porque cando quitamos un alimento da dieta cambiamos todo o patrón alimentario e isto pode ter importantes repercusións na microbiota intestinal, nos xermes que viven no noso intestino. Son cada vez máis as enfermidades que, cando as estudamos, vemos que aquelas persoas que as padecen teñen unha microbiota intestinal distinta. Unha maior disbiose, é dicir, unha menor diversidade microbiana con máis patóxenos”, afirma.
“As dietas restritivas poden supoñer importantes riscos para a saúde”
Ante unha dieta con beneficios e riscos incertos, Leis fai un chamamento á responsabilidade nutricional de cada un e ofrécenos o seu consello: “Eu non seguiría ningunha conduta alimentaria que buscase unha bondade sen que sexa directamente asesorada. Calquera cambio nos nosos costumes alimentarios supoñen un cambio no patrón e isto pode supoñer un risco de déficit nutricional e de estrés metabólico que non temos por que afrontar cando temos profesionais que nos poden aconsellar. E quero insistir, temos que seguir unha dieta saudable, facer exercicio físico e respectar o xaxún nocturno de descanso. Tamén temos que reducir o sedentarismo e o ocio pasivo. Isto é moi importante”, remata Leis.