O 25 de decembro é unha data marcada no calendario. Neste 2021 adquiriu un rechamante cariz científico. Ese foi o día escollido para o lanzamento do telescopio espacial James Webb, o observatorio máis caro e potente xamais creado. Un complexo proxecto posto en marcha pola NASA en colaboración coa Axencia Espacial Europea (ESA) e a Axencia Espacial Canadense. Malia os recorrentes aprazamentos, o James Webb xa está camiño do seu destino. E as noticias, polo momento, son moi boas. A NASA vén de confirmar que o exceso de combustible —grazas a un exitoso lanzamento a ás manobras de corrección— a misión do telescopio podería estenderse máis do previsto.
“O observatorio debería ter suficiente propulsor para permitir o apoio das operacións científicas en órbita durante bastante máis de 10 anos“, sinalan dende a NASA, recordando que o telescopio se lanzou para ter, como mínimo, unha vida útil de cinco anos. Ao parecer, a manobra de corrección da traxectoria precisou menos propulsor do previsto, o que permitiu aforrar combustible. De todas formas, tamén advirten que pode haber “moitos factores” que inflúan sobre a duración do James Webb. A fin de contas, está vixiando ata o segundo punto de Langrange (L2), situado a 1,5 millóns de kilómetros da Terra.

Amais disto, dende a NASA puntualizan que o James Webb dispón dun propulsor a bordo que non só serve para realizar as manobras de corrección ou para poñer o telescopio en órbita arredor de L2. O funcionamento de dito propulsor é fundamental para desenvolver determinadas tarefas ao longo de toda a vida da misión. Ou, tamén, para a “xestión do impulso”. É dicir, para manter a orientación do Webb no espazo.
O torre de despregamento
Ademais das boas noticias respecto do exceso de combustible, xa comezou o proceso de ampliación da torre de despregamento (DTA). Isto permitirá crear maior espazo entre a nave espacial (contén os sistemas electrónicos e de propulsión) e o telescopio (alberga os espellos e instrumentos científicos), contribuirá ao illamento térmico e dará marxe para o despregamento do parasol. Este último aparello, fundamental para garantir as frías temperaturas do James Webb, será un dos “momentos críticos” da misión, segundo confirmou a astrofísica viguesa Begoña Vila, unha das máximas responsables do proxecto.
Segundo detallan dende a NASA, o conxunto da torre de despregamento crea distancia suficiente para permitir que os espellos e instrumentos sensibles arrefíen ás temperaturas necesarias para detectar a luz infravermella. Este paso, que tivo unha duración de máis de seis horas e media, vai marcando un progreso no despregramento do parasol. Un proceso controlado dende a Terra e que continuará coa liberación da aleta de impulso de popa e as cubertas do aparello. Polo de pronto, só cabe esperar. E pensar que, a piques de pechar o ano, as noticias dende o espazo non poden ser mellores.
A viguesa detrás do telescopio James Webb: “Veñen 29 días de terror”














