Venres 29 Marzo 2024

Animais exóticos, unha mascota complexa

Coidalos non sempre é fácil porque necesitan unha atención especial e axuda en caso de problemas, xa que abandonalos non é unha opción

Desde hai séculos, os animais exóticos, no seu hábitat natural, fascinan á xente pero na veterinaria mundial moitas das nosas mascotas tamén forman parte deste grupo. Coellos, cobaias, papagaios, furóns ou réptiles son hoxe compañeiros de familia habituais en todo o mundo.

“Non é cuestión de onde vivas. Nalgúns países de Suramérica é certo que comen cobaias pero se se teñen como mascota, como compañeiro da familia, son consideradas igualmente animal exótico. O que quero dicir é que non son exóticos porque non sexan de aquí, son termos que se utilizan a nivel da veterinaria mundial. O coello, por exemplo, é da Península Ibérica pero enténdese como exótico na clínica veterinaria. O único que teñen en común entre eles é que non son nin cans nin gatos nin cabalos nin animais de renda que son os que cría o home para a produción de alimentos, por exemplo”, explica Ángela González, especialista en medicina do comportamento animal no Hospital Veterinario Universitario Rof Codina de Lugo.

Publicidade

Investigar para tratar os problemas destes animais

Proximamente publicarase un estudo no que participou Ángela sobre os problemas de comportamento dos coellos en España e Suramérica. Investigacións como esta axudan os veterinarios a deseñar plans de prevención, mellorar os diagnósticos e os tratamentos.  Xunto con cans e gatos, os coellos son os principais pacientes da veterinaria e un dos problemas habituais que trata é a agresividade, sobre todo entre as femias, aínda que tamén son moi dóciles e sociables.

A doutora en Veterinaria Ángela González.
A doutora en Veterinaria Ángela González.

“Viven en tobeiras enormes, soterradas, cun número de individuos moi grande. As tobeiras están feitas con moitos túneles e algúns rematan en pequenas habitacións cegas que son as que máis lonxe se encontran da zona da entrada. As coellas dispútanse esas habitacións para protexerse e evitar o risco de ser asaltadas por un depredador que as mate a elas e aos seus bebés. Parece que esta pode ser a orixe desa tendencia das coellas a ser un pouco máis agresivas”, asegura a etóloga, quen tamén nos confirma que aos coellos non lle deixan de crecer os dentes durante toda a vida, que teñen as orellas longas, que lles gusta saltar fóra da gaiola e que, a diferenza doutras especies, reprodúcense todo o ano.

O depredador convertido en mascota

Domesticados hai miles de anos para cazar roedores e máis tarde coellos, os furóns son, desde o século XIX pero sobre todo nos últimos anos, unha das mascotas de moda. Son compañeiros divertidos, xogan moito, son graciosos e agarimosos pero tamén terribles depredadores. Deben saír sempre á rúa con arnés e estar vixiados dentro da casa. Poden escapar por sitios moi pequenos e, entre os poucos que recibe Ángela na súa consulta, presentan certos problemas de agresividade de fácil solución.

Os furóns son graciosos e agarimosos, pero tamén terribles depredadores

Ante as vellas prácticas para evitar o cheiro deste animal, a veterinaria é tallante: “Antes esterilizábanse para que deixaran de cheirar pero iso xa non se fai. Non ulen tan mal, cheiran a furón. Hai que entender que cada animal ten o seu propio olor. Os cans tamén ulen a cans e non ten que ser desagradable se están limpos e ben coidados. Cos furóns pasa o mesmo, a castración non é recomendable. Hai castracións químicas, por exemplo, que non se deben reproducir por unha tenencia responsable do animal. Moitas veces o cheiro sérvelles para marcar territorio, dar aviso por onde pasan, onde viven ou cal é o seu estado reprodutivo”, asegura a Doutora en Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Un compañeiro moi intelixente

A etóloga tamén coñece ben o comportamento dalgúns papagaios, mascotas que requiren coidados moi complexos e que sobresaen pola súa intelixencia. Ángela cóntanos que necesitan facer moito exercicio físico, unha dieta adecuada, durmir doce horas e coñecer ben as persoas da familia coas que chegan a comunicar. Os papagaios, animais de pico curvado, son capaces de fabricar ferramentas e utilizalas, fan contas pequenas, diferencian e comunícanse coas cores, e, como poucas especies, recoñécense nun espello.

Os papagaios necesitan moito exercicio físico e recoñécense nun espello

“Aprenden a usar palabras. E non só aprenden a usar palabras e repítenas como papagaios, como dicimos, senón que as empregan para comunicarse con nós, é dicir, son capaces de darlle un significado para saber como empregalas e obter algo de nós ou poder comunicarse con nós. Tamén poden imitar moitos sons e entre eles incluso teñen dialectos, quero dicir, pode ocorrer que grupos da mesma especie que viven moi separados xeograficamente non se entendan ben entre eles. Son moi intelixentes”, asegura Ángela antes de lamentar que moitos papagaios estean sempre na gaiola e mal coidados. “Non os recomendamos como mascota”, afirma.

O abandono non é unha opción

Ás malas condicións de vida dalgúns papagaios que describe a científica, súmanse ao abandono de moitos animais exóticos como, por exemplo, ocorre cos coellos. Só no mes de decembro a Asociación Galega de Adopción de Animais Exóticos (AGAE) coa que traballa Ángela recibiu seis deles abandonados.

“Regalos de Nadal que foron rexeitados como unha chaqueta ou unha camisa, asegura a veterinaria. Ter un animal exótico na casa é complexo e temos que pensar que non sempre se consigue coidar deses animais dunha forma axeitada por iso, na maioría dos casos, non é recomendable telos como mascota. Non debemos ter animais por coleccionalos e se imos ter un na casa, hai que informarse moitísimo de como é o seu hábitat e de que coidados requiren”, remata, insistindo, Ángela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:05:02

Poñer a roupa ao clareo do Sol, funciona?

É unha técnica tradicional para branquear a roupa que seguimos empregando hoxe. A ciencia confirma a eficacia dos raios solares como o mellor desinfectante natural
00:05:00

O amor, unha cuestión de química?

Substancias químicas como a dopamina espertan o desexo que podemos sentir por alguén, pero só uns vínculos profundos garanten unha relación duradeira
00:05:35

É a intelixencia artificial unha ameaza para a humanidade?

O frenesí dos últimos anos leva a moitos a preguntarse polo verdadeiro alcance dunha revolución con riscos, pero con moitos beneficios se se seguen as normas
00:04:28

Comer ovos dispara o noso colesterol?

Grazas aos avances científicos hoxe sabemos que esta relación non é máis que un mito. Iso si, outros factores como os hereditarios, poden forzarnos a reducir o consumo deste alimento