“En Wuhan, foco da epidemia, habían (sic) instaladas preto de 10.000 antenas 5G para implantar esta rede intelixente na cidade, as mesmas que hai en todo Estados Unidos xunto. O goberno chinés puxo a proba a capacidade receptiva do ADN humano ante esta frecuencia, e moita xente morreu tras recibir o golpe destas ondas, logo soltaron o coronavirus como excusa”.
Podería parecer un argumento dun filme, pero é unha mensaxe que circulou durante as primeiras semanas da pandemia polas redes sociais, propagándose máis rápido có propio virus. E chegou mesmo a causar problemas en lugares como o Reino Unido, onde se queimaron antenas de telecomunicacións, producíronse ataques a operarios destas empresas e se organizaron algunhas manifestacións. E a pesar da evidente falta de solidez destas teorías, os argumentos negacionistas manteñen a vinculación da pandemia co 5G, introducindo na ecuación a expansión das empresas chinesas neste sector coa suposta maior propagación do virus.
Así, fálase dunha correlación entre as zonas con antenas desta rede e a cantidade de casos de coronavirus. E, por outra banda, hai quen sostén que, a través da 5G controlarannos cuns microchips que levarán as vacinas contra a Covid-19, que xa se comezan a administrar nestes días en distintos países do mundo. Algúns vídeos de supostos expertos que circulan pola rede, na que se fala de conceptos sen ningún tipo de base como a “electrificación” da Terra que “provoca pandemias de gripe” ou que hai un “salto cuántico” no planeta que impulsa o SARS-CoV-2 acadaron un importante predicamento nalgúns foros. Afírmase que a pandemia de gripe de 1918 correspondeuse coa propagación das ondas de radio polo planeta. Pero nada se argumenta sobre as numerosas e mortais pandemias que asolaron ao planeta anteriormente, antes de que existise ningunha rede de telecomunicacións.
Sospeitas sobre as antenas de telecomunicacións
As sospeitas cara ás antenas de telefonía non son novas. Díxose, pero tampouco se demostrou, que podían causar cancro, en base a algunhas suposicións extraídas de forma illada. Non hai tantos anos que nalgunhas cidades de España se pediu a súa retirada de preto de colexios e zonas residenciais porque supostamente incrementaban a incidencia desta enfermidade arredor delas. E a desconfianza cara a elas volveu aparecer pola suposta capacidade de transmisión do coronavirus. Pero poden estas antenas, tanto as de 3G, como as de 4G, como as de 5G, causar algún problema de saúde?
“Aquí hai varios varios argumentos que esgrimen os pseudocientíficos que emiten estes boatos. Por un lado din que as ondas electromagnéticas poderían transportar as partículas do virus e favorecer a transmisión; isto vai en contra de todas as leis da física e da bioloxía: as ondas que utiliza a 5G son ondas electromagnéticas, que non poden transportar ningunha partícula física nin siquera tan minúscula como é o virus”, explica Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
“Que as ondas electromagnéticas poidan transportar as partículas do virus vai en contra de todas as leis da física e a bioloxía”, expón Jesús López Romalde
Estas crenzas proceden de afirmacións dalgúns investigadores, que sosteñen, sen afondar máis na súa explicación, en que os virus teñen a súa orixe nuns refugallos que expulsan as células, chamados exosomas. “Outro dos argumentos é que estas ondas electromagnéticas teñen a capacidade de actuar sobre as células ,pero hai que sinalar que a radiación destas ondas non é ionizante, é dicir, non teñen capacidade de penetración e os efectos que poden facer nas células son nulos”, continúa o profesor Romalde.
Neste sentido, o investigador da USC apunta que ” estas persoas esgrimen que por determinadas radiacións, produciríanse alteracións na membrana das células que poderían favorecer a entrada do virus nas mesmas. E noutros casos, sosteñen que o coronavirus é un exosoma orixinado pola acción da contaminación electromagnética. Porén, os exosomas son unhas pequenas vesículas extracelulares, secretadas pola gran maioría das células de xeito natural con funcións de comunicación, entre outras. Aínda que ao microcospio poden semellar á estrutura dun virus, a súa natureza é totalmente diferente e non posúen potencial infectivo ou de propagación”. Continúa López Romalde: “Pero insisto, estas radiacións das antenas de telecomunicacións non son ioinizantes, polo que o argumento cae polo seu propio peso”. Estas radiacións non ionizantes contrapóñense con outras que si o son, como as de raios X ou os mesmos raios do Sol, aos que nos expoñemos moito máis a miúdo e que causan un impacto moito maior no organismo, inducindo doenzas como o cancro de pel pola sobreexposición a eles.
Desde o punto de vista da Física tamén se rebate esta conspiración, tal e como explica Jorge Mira, catedrático de Electromagnetismo da USC. “Temos que ter claro o tamaño das cousas: o coronavirus é unha bóla microscópica que ten da orde de 0,1 micras. As lonxitudes de onda das microondas do 5G son da orde de centímetros; por tanto son 100 000 veces máis grandes que o tamaño do coronavirus e, cando iso é así, é como se quixésemos manipular un bolígrafo cunha man que fose cen mil veces máis grande ca el; é imposible que causen algunha alteración”, exemplifica Mira.
Ademais, aínda que as prestacións das redes 5G van supoñer un gran avance nas telecomunicacións no mundo, xa que facilitarán a transmisión de información moito máis rápida, o seu funcionamento non varía moito respecto ás redes de 3G ou 4G, que xa levan anos funcionando en todo o mundo. “Hai que pensar na 5G como un cambio na maneira de presentar as ondas. Para buscarmos unha analoxía, pensemos nun queixo co que queremos facer tapas. Podemos cortalas en cadrados, en forma de triángulos, en forma de bólas… Sería a mesma tapa con forma diferente. Pois co 5G están facendo algo parecido ao que sería cambiar a forma do queixo, pero sen nada máis”, conclúe Mira.
Outro dos argumentos das conspiracións, e que tuvo unha sorprendente propagación, é o da instalación nas vacinas de microchips destinados a controlar á poboación. Alén da supervisión estrita que se segue sobre os compoñentes das vacinas en todo o proceso de ensaios clínicos, o catedrático López Romalde considera que na era de información e o control actuais, non sería sequera preciso recorrer a estes métodos. “Non é tanto que non se poidan fabricar microchips moi pequenos, senón que sentido tería inocular un chip con esta vacina e non con outra que xa se está a empregar desde hai anos en toda a poboación, como podería ser a da gripe ou outra calquera do calendario vacinal dos nenos”. Conclúe o científico: “Evidentemente non é necesario, porque xa estamos bastante controlados con todas as tecnoloxías que hai hoxe en día, e que a través desas mesmas redes sociais que ás veces propagan estes bulos nos vixían moito máis”.
Coa colaboración de
Señoras e señores temos unha nova religión a cientifista, todos os que non comulgan con ela son tachados de cospiranoicos,terraplanistas, magufos, as multinacionales farmacéuticas e compañía estan encantados cos novos inquisidores da verdade absoluta, eu pensó que todo o qué esta pasando o provoca as puñeteras antenas, cando suben frecuencia enferma a xente, menudo virus contagioso que afecta a unhos sitios si outros non como africa, exceptuando Sudáfrica, que casualidad .a radiación non trasmite ningún virus, e que crea e unha inflamación brutal, porque activa todos os patógenos do corpo outra cousa tomo iso que vos lle chamades lejía en abril estiven un pouco pachucha,en 3 dias novo