O nome de Medellín segue remitindo a moitos a unha das épocas máis escuras da historia colombiana, cando os narcos manexaban a cidade ás súas anchas e a violencia era a norma cotiá. Pero moito cambiaron as cousas desde aquela e hoxe en día Medellín é unha das cidades máis modernas de América Latina e destaca especialmente como destino turístico polos seus indubidables atractivos naturais, culturais, gastronómicos e tamén tecnolóxicos. Por todo iso foi cualificada en 2019 pola prestixiosa revista Newsweek como a cidade “máis intelixente do mundo”, ademais de recibir numerosos recoñecementos internacionais.
Segundo cifras de 2017 do Observatorio da Ciencia e a Tecnoloxía, Medellín é unha das cidades que máis inviste en actividades de ciencia, tecnoloxía e innovación, xa que destina o 2,4 por cento do seu PIB en novos emprendementos, investigación e en organizacións que se comprometan coa transformación económica da cidade.
Lagoa do Xardín Botánico
Pero como ben sabemos, unha cousa é a teoría e outra ben distinta comprobar a realidade sobre o terreo. E a verdade é que Medellín supera con nota o exame xa que á poucas hora de estar na cidade o viaxeiro xa puido comprobar que se atopa nun destino cun transporte público excepcional, con numerosos espazos verdes repartidos por toda a xeografía urbana e con grandes atractivos naturais e turísticos para visitar que van desde o espectacular Xardín Botánico, ao frondoso Parque Arvi ou ao Parque Explora. Este último fará as delicias de nenos e grandes cunha ampla oferta de contidos científicos, entre os que se inclúe ao Planetario da Cidade e a un dos maiores acuarios de auga doce de Latinoamérica.

O primeiro que sorprende ao turista que chega a Medellín é ver a liña de metro ao aire libre que atravesa a cidade de norte sur e esténdese ata os municipios próximos de Sabaneta ou Envigado entre outros. Trátase dun medio de transporte rápido e seguro para conectar a cidade que ademais ten entre os seus grandes atractivos que se conecta cunha rede de funiculares que permite contemplar desde o aire unha gran panorámica da cidade e achegarse a barrios moi afastados do centro.
Á parte da beleza paisaxística que nos descobren os diversos metrocables, o viaxeiro tamén se achega á vida das persoas que habitan nas partes máis pobres da cidade e pode percibir en por si o gran cambio que experimentou Medellín desde hai unhas décadas ata o de agora. O Metrocable permitiu reducir os tempos de viaxe a miles de persoas dos barrios humildes que antes tiñan que afrontar longos e custosos traxectos para chegar ás súas casas. É un gran exemplo de como unha infraestrutura pode mellorar a vida das persoas nunha cidade.
Outro dos grandes atractivos que presenta a cidade é o seu Xardín Botánico, situado na zona norte e facilmente accesible co metro. Posúe 13 hectáreas de terreo na que podemos ver unha mostra da biodiversidade da zona que inclúe desde un bosque tropical ata o chamado Orquideorama e a Casa das Bolboretas. Na gran lagoa que alberga o xardín observaremos distintos tipos de aves e tamén iguanas, que non dubidan en “pousar” de xeito tranquilo para os visitantes.
Á beira do Xardín Botánico atopamos o Parque Explora, un dos principais reclamos turísticos da cidade especialmente para os viaxeiros nacionais. O recinto conta con diversas salas para ofrecer contidos científicos a nenos e grandes. Á parte do planetario e o acuario xa citados, hai unha sala de proxeccións 3D e outra que ofrece experiencias de Física nun gran formato, no medio de xardíns nativos e ata un bosque de néboa. Trátase dunha oportunidade que non deben de perderse os que viaxen con nenos.
ADEMAIS DA GRANDE OFERTA DE CONTIDOS RELACIONADOS CON CIENCIA E NATUREZA, A CIUDAD OFRECE UNHA ANIMADA VIDA NOCTURNA
Pero á parte de todas esta oferta que teñen que ver coa ciencia e a natureza, a cidade tamén conta con moitas propostas culturais que vai desde espazos de arte como o Museo de Antioquía (con multitude de obras do gran artista colombiano Fernando Botero) ata lugares onde se palpa a cultura urbana como a Comuna 13. Este barrio de Medellín viviu un cambio radical desde finais do século XX cando era unha zona tomada pola guerrilla.
Un dos factores que contribuíron a cambiar a Comuna 13 foi a instalación dunhas escaleiras mecánicas públicas que permiten aos seus habitantes superar con facilidade o gran desnivel do barrio, situado nun outeiro. A zona agora é segura e pode visitarse para descubrir alí aos graffiteros, grupos de rap ou bailaríns de hip- hop que poboan as súas rúas. Escoitar da boca dun guía local a tráxica historia do lugar fai aínda máis interesante a visita, no que agora gravan videoclips estrelas latinas como Maluma ou Juanes.
En resumo, Medellín ben merece unha visita e deixar de lado os prexuízos para descubrir a unha das cidades máis vitais de América Latina. A vida nocturna pode descubrirse en barrios como El Poblado, onde veciños e visitantes conviven sen problemas nunha zona chea de bares e restaurantes de moda que é a favorita para os moitos estranxeiros que visitan Medellín. Algúns veñen atraídos pola serie de Netflix e a figura de Pablo Escobar pero terminan rendidos aos encantos dunha cidade con propostas moito máis atractivas que ofrecer.