O que para uns é lixo para outros pode ser un tesouro… todo é cuestión de perspectiva e de enfoque. A biomasa, por exemplo, é unha fonte de enerxía moi valiosa na actualidade, empregada na maioría dos casos para quentar os nosos fogares, para xerar electricidade ou mesmo como biocombustible. Porén, o término de biomasa é moi amplo, e non só representa o que queda despois das actividades forestais: calquera material biolóxico que non teña unha orixe mineral conforma a biomasa, e dita biomasa pode ser aproveitada con diversos fins. Con todo, dentro dos tesouros aínda se poden atopar novas sorpresas para un ollo ben adestrado.
No campus de Ourense, os científicos e científicas do grupo Biomasa e Desenvolvemento Sostible (EQ-2) liderado por Herminia Domínguez dedícanse dende hai anos á procura de pequenas e grandes sorpresas que se agochan na biomasa vexetal e de algas cun obxectivo moi firme: aproveitar todo o que se poida destes “restos”, e facelo do xeito máis sostible posible.
O reto é maiúsculo, mais este grupo do CINBIO (centro que pertence á rede de excelencia científica CIGUS potenciada pola Xunta de Galicia) conta un aliado sorprendente: a auga termal que caracteriza a cidade das pontes. No seu último estudo, o grupo empregou a auga das Burgas para extraer do líque Evernia prunastri un polisacárido interesante dende moitos puntos de vista, dende a bioloxía ata a farmacia pasando pola ciencia de materiais. Con todo, importante non é só o resultado, senón o camiño percorrido e, nese aspecto, o grupo do CINBIO ten moito que contar.
Non só é enerxía
O termo biomasa asóciase directamente co emprego do material forestal como recurso enerxético, mais a biomasa é moito máis, e o seu aproveitamento pode ir moito máis aló: esta é a filosofía que segue o grupo EQ-2. Por iso, o persoal investigador centra os seus esforzos en atopar compoñentes únicos que a natureza sintetiza na biomasa e recuperalos antes de que se chegue á fase da súa transformación para uso enerxético.
Segundo explica Herminia Domínguez, existen determinados compostos que se sintetizan na biomasa dun xeito natural. Por exemplo, nas plantas podemos atopar substancias que as protexen dos insectos, da radiación e doutros ataques: “Son moléculas moi específicas, que se poden obter deste xeito como alternativa á síntese química”. Con todo, engade, a cuestión é deseñar un proceso para obtelas dun xeito que tamén sexa limpo. Os usos son moitos: cosméticos, alimentarios, no deseño de biomateriais… “No noso caso buscamos familias de compostos con propiedades antioxidantes e biopolímeros cunha serie de propiedades mecánicas que nos permiten desenvolver biomateriais axeitados para diferentes aplicacións”, sinala María Dolores Torres, investigadora do grupo.
Un material, moitos produtos
O equipo do CINBIO traballa nun ámbito coñecido como biorrefinería, que explora tódalas posibilidades dunha materia prima coa finalidade de obter diferentes produtos de valor engadido. Ao igual que acontece co petróleo (do cal se poden obter gases como o metano o etano ou o butano, a nafta e a gasolina, por exemplo), fraccionan o material para obter distintos compostos con propiedades e valores diferentes. No caso das biorrefinerías, como é lóxico, empréganse fontes de enerxía renovables e procúrase que tódalas técnicas empregadas sexan sostibles.
Dentro do grupo liderado por Domínguez, un dos principais obxectivos para extraer os compostos de interese é evitar o emprego dos disolventes químicos que liberan á atmosfera substancias volátiles tóxicas. Como substituílos? A resposta é sinxela: facendo uso de distintos disolventes verdes e, cando se pode, do mellor disolvente universal, é dicir, da auga.
A auga é o disolvente máis antigo que se coñece e, ademais, non é un composto químico tóxico. Coma sempre que algo soa demasiado ben, ten unha desvantaxe importante, e é que non pode disolver moitas substancias, como as graxas e os lípidos, por mor das súas propiedades físicas e químicas. Porén, explica a líder do grupo, cando a auga se somete a condicións de presión e temperatura altas, o seu comportamento muda: “Neste contexto a auga pode disolver compostos igual que o farían o etanol ou a acetona”.
Nada mellor que a auga
Recentemente, o grupo comezou a empregar a auga termal das Burgas, en Ourense, para facilitar a extracción de compostos e substancias de interese presentes na biomasa. No seu último estudo, publicado na revista académica International Journal of Biological Macromolecules, os científicos e científicas do CINBIO levaron a cabo unha investigación un pouco diferente: “Empregamos auga termal e un 5% dun disolvente eutéctico, formado pola mestura de dous compostos naturais, e isto permitiu a extracción dos compostos en menor temperatura, así como a posterior formulación dun biopolímero de glucanos do lique”, explica Domínguez.
Doutra banda, a especie Evernia prunastri aparece dun xeito natural nos residuos forestais que se usan para outras finalidades: “Non propuxemos a colleita indiscriminada do lique natureza, xa que son organismos que tardan moito en medrar”, puntualiza a líder do grupo.
Porén, no estudo non só atoparon o que ían buscando: “Vimos que grazas ao emprego da auga termal, unicamente polo cambio de temperatura conseguíamos obter un biomaterial que ademais tiña actividade antimicrobiana”, relata Torres. Para o futuro, reflexionan, queda ver se a auga termal confire tamén actividade biolóxica ao composto.
Referencia: Harnessing thermal spring water and hydrophobic eutectic solvent for galactoglucomannans, glucans and phenolics recovery from Evernia prunastri and their potential biological applications (Publicado en International Journal of Biological Macromolecules)














