Rui Jorge Agostinho participou no debate sobre o cambio horario en Santiago. Imaxe: R. Pan.

Rui Jorge Agostinho: “Ficar no horario de verán sería a peor decisión posible”

Ao coñecerse a vontade da Comisión Europea de suprimir o cambio de hora estacional no continente, o Goberno portugués encargou a Rui Jorge Agostinho, director do Observatorio Astronómico de Lisboa, un informe para ver os pros e os contras das diferentes opcións que se abrían ante esta situación. Concluíu Rui Jorge que, para a realidade portuguesa, tendo en conta os seus hábitos de vida e os antecedentes históricos, a mellor decisión era manter os dous cambios, ao contrario do que suxería a UE. Xunto a Jorge Mira e José María Martín Olalla, Agostinho participou este martes nunhas xornadas organizadas polo Consello da Cultura Galega en Santiago.

Como respondeu Portugal a este debate?

En Portugal moi poucas persoas souberon da enquisa que lanzou a Comisión Europea. Só despois de coñecerse os resultados o tema acadou repercusión. Comezouse a falar disto, e apareceron opinións moi diversas. Unha vez presentamos o relatorio, o primeiro ministro anunciou que ía seguir as recomendacións que se tiraban del. Agora é un asunto político, a debater nos diversos países da Unión Europea.

En Galicia hai moitas voces que avogan por compartir hora con Portugal. Como o ve vostede?

É unha opinión a ter en conta, pero hai que analizar ben a situación. A escolla da hora dun país ten moito que ver coa súa historia e coa súa sociedade. España, e con ela Galicia, mantivo o UTC+1 desde hai 78 anos. Toda a xente que vive no territorio español ten o seu modo de vida adaptado a esta hora. As horas nas que as persoas empezan a traballar, os nenos van á escola, nas que almorzan, volven a casa despois do traballo… Estes horarios están controlados polas horas de Sol, non polo que marca o reloxo.

“Non podo dicir se Galicia vai estar mellor co horario UTC, pero si estou seguro de que o cambio vai supoñer varios anos de adaptación”

Alén do réxime oficial da hora, que marca as nosas actividades, o corpo humano responde de seu ás horas de Sol: cando amence, cando o Sol está no punto máis alto, e cando o Sol se pon. Así, a sociedade española e galega adaptaron o seu modo de vida á hora UTC+1 desde hai 78 anos, e iso é moito tempo.

Eu son astrónomo, non sociólogo, e non podo dicir se Galicia vai estar mellor co horario UTC. Pero si estou seguro de que o cambio vai supoñer varios anos de adaptación. Se hai estudos que sustenten que vai haber melloras con isto, habería que velo, pero eu non podo afirmalo, non estou seguro. E non podemos facer as cousas porque nos pareza que é bo, simplemente, porque podería haber problemas.

En Portugal probaron varias opcións distintas e chegaron á conclusión de que a situación actual é a mellor. Por que?

Houbo dúas vías para chegar á conclusión actual. Unha delas foi mirar cara a historia do pobo portugués: todas as veces que mudou á UTC+1, aos poucos anos cambiouse porque a xente non se adaptaba, e volveu á UTC, cunha hora de adianto durante o verán.

A outra vía foi ollar os gráficos de nacemento e ocaso do Sol. Cales son durante o ano, e cales son os seus impactos positivos e negativos, e iso foi o que analizamos no relatorio. Demostramos que se Portugal tivera unha hora continua durante o ano (sexa UTC ou UTC+1) habería sempre unha parte do ano na que se penalizaría a vida social. A mellor solución é, por tanto, a de facer dous cambios ao ano. Ás veces fálase tamén de que esta transición é prexudicial, pero non se puido demostrar.

“O aforro enerxético, aínda que sexa pequeno, é moi importante por causa do cambio climático”

Outro aspecto importante é o do aforro enerxético. Os estudos din que é pequeno ao cambiar a hora, pero aínda así, un pequeno aforro é moi importante, por causa do cambio climático que xera o CO2 que se emite ao producir electricidade. Aínda que sexa menos do 1%, é algo a ter en conta, porque estaremos emitindo menos gases de efecto invernadoiro, e o cambio climático vai ser un problema moi grande ao que nos teremos que enfrontar.

Sería recomendable que os países do suroeste continental, como España ou Portugal, seguiran facendo o cambio?

Neste momento, as regras da UE din que todos os países deben seguir as mesmas indicacións no respecto ás horas de inverno e/ou verán; é dicir: ou hai dous cambios, ou non hai ningún, pero todos deben facer o mesmo. O que pode decidir un país é a hora na que quere estar (UTC, UTC+1, etc.), haxa ou non os cambios a nivel europeo.

Pero esta regra é unha decisión política, e pode ser cambiada. Os países da UE poderían votar, e decidir que cada país é libre de ter ou non hora de verán. Agora mesmo non é posible, pero coa nova votación, pode facerse o cambio.

Se a UE obriga á supresión do cambio, que cre que debería facer Portugal? E España?

Neste caso, para Portugal, o mellor sería manter a UTC durante o ano enteiro, é dicir, a hora actual de inverno. O impacto negativo sería menor que se Portugal adoptara a UTC+1. Aquí hai moitos máis problemas.

Por que? Se mantemos a UTC todo o ano, os efectos negativos serían no verán, porque teremos amenceres ás 5-5.30 da mañá, cando a maioría da xente está durmindo, e serían horas de Sol que non se utilizan. O que vai sentir a xente é que ao final da tarde terá unha hora menos. Pero como en verán hai moitas horas de Sol, a xente sentirá un impacto negativo menor, porque aínda así terá tempo para facer as súas actividades ao final da tarde. É mais negativo do que temos agora, pero non é tan malo.

Rui Jorge Agostinho, José María Martín Olalla e Jorge Mira, no Consello da Cultura Galega. Foto: R. Pan.

A outra solución, ficar todo o ano no horario de verán, sería a peor posible. Porque o problema xorde no inverno; nos meses de final e principio do ano, o Sol nacería entre as 8.15 e as 9 (en Galicia sería unha hora máis tarde). Iso vai facer que a xente se erga de noite, e os rapaces entraran no colexio aínda medio durmidos, porque non hai luz do Sol. Esta foi a razón pola cal, nos anos 90, cando Portugal tivo UTC+1 no inverno, a xente dixo que non era bo.

O caso de España e Galicia é máis complexo, porque ten unha amplitude moito maior, desde Galicia ata Baleares: vai haber problemas dun lado ou do outro. Non podo dicir cal é a mellor solución, porque depende moito dos hábitos sociais, pero si podo falar da experiencia que houbo en Portugal.

Para min, a boa solución sería permitir deixar que cada país decidira. É normal que os países do norte, con 18 ou 19 horas de luz no verán, non precisen mudar a hora, porque xa hai moita diferenza. Pero España, Portugal e incluso Francia, cunha variación menor ao longo do ano, poden pedir ter unha hora de verán e unha de inverno.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.