Rui Jorge Agostinho, José María Martín Olalla e Jorge Mira, no Consello da Cultura Galega. Foto: R. Pan.

Os científicos propoñen unha fronte común con Portugal para manter o cambio de hora

A confusión e o ruído xerado arredor do debate sobre o cambio de hora, os fusos horarios e os supostos desfases entre o reloxo e a posición do Sol levaron ao Consello da Cultura Galega a celebrar de novo unha xornada científica na que se aborda esta situación. Os expertos Rui Jorge Agostinho, José María Martín Olalla e Jorge Mira ofreceron este martes en Santiago cadansúas ponencias, nas que defenderon, contra o avanzado pola Comisión Europea, a necesidade do cambio de hora estacional en verán e inverno. Ante as distintas realidades de latitude, lonxitude e hábitos dentro das grandes dimensións do continente, os tres suxeriron a España e Portugal unha fronte común para adaptar a normativa europea ás realidades de cada país.

Todos gañamos co cambio de hora en verán e inverno”, expuxo Rui Jorge Agostinho, director do Observatorio Astronómico de Lisboa e responsable do informe entregado ao goberno portugués, que avogaba por conservar a mesma situación que ata agora (ver PDF). Porén, o propio Agostinho aclarou que, aínda que a escolla do fuso horario é decisión de cada país, a posibilidade de mudar a hora dúas veces ao ano queda a expensas da directiva europea. E tal e como apuntou hai uns meses o presidente da CE, Jean Claude Juncker, é posible que a renovación da normativa, que se revisa cada cinco anos, obrigue aos países a suprimir estes cambios estacionais.

Un dos gráficos sobre as horas de luz solar incluídos no estudo do Observatorio Astronómico de Lisboa.
Un dos gráficos sobre as horas de luz solar incluídos no estudo do Observatorio Astronómico de Lisboa.

“Suprimir o cambio de hora sería unha fractura para o país”

Neste mesmo senso, Jorge Mira, membro da comisión creada polo Goberno español para abordar o asunto, sinalou que se España se ve obrigada a suprimir o cambio de hora “sería unha fractura para o país”. Mira explicou que, “coa mesma hora todo o ano, habería desfases moi importantes en diferentes partes de España: se quedamos coa de inverno, en Baleares amencería en verán ás 4 e pico da mañá; e no caso contrario, coa de verán, en Galicia estariamos durante máis de tres meses con amenceres moi tardíos, entre as 9 e as 10 da mañá“.

Así, para Mira a solución sería manter a situación actual, coa UTC +1 en inverno e a UTC+2 en verán, e esta é a idea que defenderá na comisión na que participa. “Galicia e España non deberían cambiar o seu fuso horario, porque xa estamos no equilibrio solar. Comemos, ceamos e vemos o telexornal ao mesmo tempo que os portugueses ou os italianos, o único que muda é o número que vemos no reloxo. Facémolo no mesmo momento que os portugueses, porque estamos na mesma latitude, e unha hora despois ca os italianos, porque están 15 graos ao leste, é dicir, unha hora adiantados respecto á luz solar. Se cambiamos o fuso, vai costar anos adaptarse“.

“Galicia e España non deberían cambiar o seu fuso horario, porque xa estamos no equilibrio solar”, sostén Jorge Mira

No mesmo sentido falou Rui Jorge Agostinho, explicando que Portugal probou, nos últimos cen anos, diversos camiños a seguir: intentamos quedar co horario UTC todo o ano, e despois co UTC+1, pero os desaxustes que había na sociedade e na vida diaria fixéronnos volver ao cambio de hora estacional”.

Para os expertos, a situación dos países máis meridionais, como España e Portugal, non é igual á dos países do norte de Europa e, polo tanto, hai friccións á hora de establecer criterios comúns. “Aquí, como pouco, temos 9 ou 10 horas de luz solar no día máis curto do inverno, pero en Reino Unido ou Alemaña non pasan das 8, e en Suecia ou Dinamarca, aínda menos”, expuxo José María Martín Olalla, profesor de Física da Universidad de Sevilla e investigador sobre o tema.

O Brexit como excusa para o cambio de hora en setembro

Non en tanto, Rui Jorge Agostinho apuntou outro aspecto interesante para o debate. Lembrou que mentres que o hábito de facer o adianto de hora en marzo é unha convención máis ampla, o atraso horario cara ao inverno débese a unha tradición británica, polo que se facía en outubro, cun mes de atraso respecto ao hábito continental. E suxeriu, por tanto, que se aproveite o Brexit para volver ao que se adoitaba facer antes de adoptar esta decisión. “En Portugal, nas mañás de outubro, o Sol xa sae moi tarde para o que estamos habituados, así que se fixeramos o atraso en setembro, o cambio sería máis fácil de abordar”, explicou o director do Observatorio Astronómico de Lisboa.

3 COMENTÁRIOS

  1. Como podemos estar no equilibrio solar na Galiza e em Baleares se temos o mesmo fuso horário e eles estão tão ao Leste? … Tão perto de Italia?… Se em Barcelona o mencer é uma hora antes que em Santiago?

  2. Como podemos estar no equilibrio solar na Galiza e em Baleares como o mesmo fuso horário e eles tão ao Este?

  3. Que pouca visión de miras. O problema é que non se rixen polo método adecuado. Só se centran en dúas únicas posibilidades cando hai un mar delas para navegar. Por exemplo, Jorge Mira esgrime que de non manter o cambio de hora habería desfases moi grandes nas diferentes partes do estado español e propón para solventalo manter a mesma hora para todo o territorio (non se debe dar de conta que con este sistema segue habendo enormes desfases). E digo eu, non será mais lóxico, independentemente de se se manten o cambio de hora ou non, asignar a cada territorio do estado a franxa horaria que lle corresponde? Precisamos científicos que se molesten, de verdade, en analizar todas as posibilidades sen atropelar ningunha por se creeren superiores.

    Outra cousa, gustame moito GCiencia pero neste artigo penso que errachedes bastante no titular “Os científicos” da a entender que existe un gran consenso entre a comunidade cando non é este o caso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.