Venres 29 Marzo 2024

O galego Luis Liz, Premio Nacional de Investigación

O científico galego Luis Liz-Marzán (Lugo, 1965) é un dos cinco investigadores que acaban de ser recoñecidos co Premio Nacional de Investigación, segundo anunciou este mércores o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. O galardón recuperouse este ano despois de catro anos sen convocarse. Cada un dos cinco premiados recibirá 30.000 euros.

Luis Liz é o galardoado co Premio Nacional ‘Enrique Moles’ de Ciencia e Tecnoloxía Química. O investigador lucense, profesor de investigación de Ikerbasque e director científico do Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais CIC biomaGUNE, recibiu o recoñecemento unánime do xurado. Así, valoráronse “as súas numerosas e significativas achegas aos campos da Química Coloidal e a Nanociencia”.

Publicidade

Sinala tamén o xurado que “a súa actividade dedicouse a abrir novas fronteiras científicas na nanoescala desde un punto de vista químico, co obxectivo de resolver problemas emerxentes de gran importancia tecnolóxica, en particular no eido biomédico”.

Luis Liz Marzán: “Marchei porque me ofreceron unhas condicións que agora si podería ter en Galicia”

Luis Liz-Marzán estudou Química na Universidade de Santiago de Compostela, onde se doutorou en 1992. Foi investigador postdoctoral na Universidade de Utrecht e profesor na Universidade de Vigo (1995–2012). Foi ademais profesor visitante en varias universidades e centros de investigación de Xapón, Estados Unidos, Europa, Australia e Arabia. A súa investigación centrouse no crecemento controlado de nanopartículas, a súa ensamblaxe na escala nanométrica e as súas propiedades ópticas. Ademais, desenvolveu aplicacións destes materiais na área biomédica, fundamentalmente en diagnóstico e bioimaxe.

En 2012 deixou a UVigo cara ao Ikerbasque de Euskadi, un dos organismos de referencia da ciencia estatal, onde é director científico do CIC Biomagune, un centro de investigación sobre biomateriais. Alí converteuse, a comezos deste ano, no primeiro galego en obter por segunda vez a bolsa Advanced Grant. A primeira vez acadáraa na UVigo.

O xurado valorou o seu labor de “abrir novas fronteiras científicas na nanoescala desde un punto de vista químico”

Nas últimas semanas, Liz Marzán comezou a colaborar coa Consellería de Educación e Universidades da Xunta como un dos membros da Comisión Asesora do Programa de Centros de Investigación Singulares e Agrupacións Estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia. É un equipo de investigadores externos e independentes reunidos pola Xunta para asesorala na mellora dos proxectos de excelencia científica.

Co gallo desta visita, Luis Liz conversou con GCiencia. Na entrevista abría a porta ao seu retorno a Galicia, sinalando que as condicións que lle ofreceron en 2012 para marchar ao País Vasco poderían darse hoxe aquí.

Tamén a pasada semana coñeceuse que era un dos catro científicos galegos situados no 1% dos máis citados do mundo en cada campo e en cada ano en Web of Science, e baseada nos traballos publicados e citados durante a última década.

Liz- Marzán ten publicados máis de 400 artigos en revistas científicas e de divulgación, é co-inventor de 8 patentes e impartiu máis de 300 conferencias en congresos e institucións de investigación de todo o mundo. É editor da revista ACS Omega, e asesor editorial doutras publicacións. Recibiu varias distincións, como a ERC Advanced Grant, o Premio Rey Jaume I,Premio Humboldt ou a Medalla da Real Sociedade Española de Química. Ademais, é membro da Real Academia de Ciencias e da European Academy of Sciences.

Só un 13% de mulleres candidatas

Os outros galardoados foron Rafael Rebolo López, en Ciencias Físicas, Pedro Jordano Barbudo, en Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais, Ramón López de Mántaras, en Matemáticas e Tecnoloxías da Información e Comunicacións, e Pablo Artal Soriano, en Transferencia de Tecnoloxía. As institucións e grupos de investigación, que eran as encargadas de propoñer as candidaturas, presentaron só un 13% de mulleres fronte a un 87% de homes.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...