Xoves 28 Marzo 2024

Juan Lema avoga por “un gran pacto pola ciencia en Galicia” para facer avanzar a sociedade

O Pazo de Fonseca acolleu os actos do Día da Ciencia, coa homenaxe a Tomás Batuecas e os premios e medallas á investigación entregadas pola RAGC

A homenaxe a Tomás Batuecas, Científico Galego do Ano, converteuse nun alegato a favor da ciencia e a tecnoloxía como motores do desenvolvemento da sociedade galega. Así o salientaron os galardoados cos Premios de Investigación Ernesto Viéitez, as Medallas de Investigación da RAGC, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan Lema Rodicio. Este último aproveitou o seu discurso para avogar por “un gran pacto entre axentes políticos, sociais, económicos e académicos para garantir as condicións que lle permitan á ciencia e á tecnoloxía galegas avanzar de xeito competitivo”.

Durante a súa intervención no acto académico, celebrado no salón nobre do Colexio de Fonseca, Lema recoñeceu o esforzo da Administración por promover a estruturación do sistema científico galego, pero precisou que “cómpre dotarnos con urxencia de programas que permitan a atracción de talento, galego ou non, e que contribúan á dinamización e ao reforzamento dos grupos de investigación”. Neste sentido, insistiu en que é fundamental o traballo conxunto entre a Universidade e a Administración nun marco que permitira a incorporación estable de investigadores de nivel internacional.

Publicidade

O acto comezou cunha conferencia do presidente de honra da RAGC, Miguel Ángel Ríos, que gabou a figura de Tomás Batuecas Marugán, na homenaxe que coincide co 150 aniversario da creación da táboa periódica. Ríos, que foi alumno de Batuecas na Facultade de Química da USC na promoción 1959-1964, lembrou o “altísimo prestixio internacional” de quen foi un auténtico referente mundial na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos.

Na homenaxe, á que acudiron cinco dos netos de Batuecas chegados de diferentes puntos de España, Ríos destacou entre os seus méritos ter logrado a excelencia investigadora a pesar das circunstancias adversas que o rodearon e, sobre todo, ser recoñecido unanimemente como o mellor no seu campo pola comunidade científica internacional. “Ao longo da súa traxectoria publicou 139 traballos, moitos para a súa época. Deles, o 35% foron en revistas de primeiro nivel, como Nature”, precisou Ríos.

Batuecas foi incorporado á exposición “Científicos Galegos”, na que figuran todos os investigadores homenaxeados ata a data no Día da Ciencia en Galicia e que percorrerá institutos e colexios de toda Galicia. No día de hoxe, a mostra compartiu o claustro do Colexio de Fonseca coa titulada “Química para un mundo mellor”, patrocinada pola Axencia Galega de Innovación, a USC e cerca dunha vintena de empresas galegas do sector.

Medallas e premios de investigación

Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos e científicas de prestixio en cada unha das súas cinco seccións, aos que Lema felicitou pola súa excepcional carreira, ao tempo que lles deu as grazas “por ser motor e exemplo para as novas investigadoras e investigadores”.

A Academia de Ciencias entrega as Medallas de Investigación a cinco científicos de referencia

Recibiron a distinción Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Uvigo (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Carlos Diéguez, catedrático de Fisioloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Alfredo Bermúdez de Castro, catedrático de Matemática Aplicada da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); María Teresa Moreira, catedrática de Enxeñería Química da USC (Medalla Isidro Parga Pondal); e José Luis Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC (Medalla Antonio Casares Rodríguez).

Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, onde “particularmente este ano  a competencia foi moi forte, debido á calidade e cantidade dos traballos presentados”, segundo precisou o presidente da RAGC.

A Academia de Ciencias premia investigacións sobre o castiñeiro e contra a obesidade

O Premio de Investigación 2019 foi recollido polos autores da primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, que demostra que as primeiras prácticas de “domesticación instantánea”, é dicir, de cultivo mediante o enxerto, foron realizadas en Galicia, a principios do século XV. O equipo galardoado está liderado por Santiago Pereira e Ana María Ramos, investigadores do Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e conta coa colaboración de científicos franceses, italianos, andaluces, vascos e estremeños.

Pola súa parte, o biólogo Juan Cuñarro, do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, recolleu o premio para investigadores mozos. O seu traballo identifica unha nova diana para terapias contra a obesidade e a síndrome metabólica en xeral, un grupo de afeccións relacionadas co risco de desenvolver unha enfermidade cardiaca e diabetes tipo 2.

En ambas as dúas categorías foron entregadas hoxe mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, a María Celeiro, en equipo con María Llompart, do Instituto CRETUS da USC.Na categoría de investigadores mozos, a Xabier García, do Departamento de Matemáticas do Campus de Ourense da Uvigo.

Ao acto asistiron, entre outras personalidades, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela, Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Planificación Académica e Profesorado da Universidade de Vigo, Manuel Ramos; e o delegado en Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo con participación galega desenvolve un novo tipo de axente contra o cancro

O composto actúa de maneira potente e selectiva sobre a respiración mitocondrial das células nai do tumor, diminuíndo o seu potencial canceríxeno

O catedrático da USC Carlos Diéguez ingresa na Academia de Ciencias

O investigador galego é un referente mundial no estudo da obesidade e publicou máis de 500 traballos en revistas internacionais

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia