Venres 29 Marzo 2024

“En Galicia xa se enxertaban castiñeiros no século XV”

O traballo dos científicos de Lugo Santiago Pereira, Ana Ramos e Belen Díaz foi galardoado co Premio de Investigación Ernesto Viéitez 2019

Os castiñeiros centenarios son, para Santiago Pereira, “auténticos monumentos vivos”. Uns seres que xa medraban cando o mundo era moi distinto ao de hoxe e que, por tanto, nos poden contar moitas cousas sobre centos de anos atrás. Pereira, catedrático da Escola Politécnica Superior de Lugo, dirixiu xunto ás investigadoras Ana Ramos e Belén Díaz a investigación que acaba de ser recoñecida co Premio Ernesto Viéitez 2019, un galardón outorgado pola Real Academia Galega de Ciencias.

Ademais da lóxica alegría polo galardón, Pereira estaba feliz, sobre todo, por tratarse dun traballo “sobre unha especie tan querida e tan importante en Galicia” como e a Castanea sativa Mill. “Espero que esto contribúa dalgún xeito a coidalas e protexelas un pouco máis”, arela o investigador da USC.

Publicidade

A Academia de Ciencias premiou, deste xeito, a que é a primeira análise xenética de castiñeiros monumentais no sur de Europa, realizado co obxectivo de comprender mellor os efectos do enxerto no proceso de “domesticación” desta especie ao longo da Historia, incluíndo o impacto que esta práctica produciu sobre a súa diversidade xenética.

Así, aproveitando a pervivencia destes monumentos viventes (algúns deles pertencentes ao Catálogo de Árbores Senlleiras), “decidimos estudalos desde o punto de vista xenético para adiviñar cando se produciu o primeiro enxerto”, explica Santiago Pereira. Esta práctica que aproveita a reprodución clonal nos castiñeiros (implántase a puga, unha rama procedente doutra árbore, para que medre no novo exemplar contribuíndo á mellora xenética), foi ao longo da historia un dos sinais de identidade do cultivo deste froito.

Mediante uso de ferramentas de análise xenética, avaliáronse máis de 100 castiñeiros centenarios de España, Italia e Portugal para estudar a súa diversidade. E atopouse que as primeiras evidencias de domesticación mediante enxertos foron atopadas en Galicia, nunha árbore cun perímetro de 15 metros situada no lugar de Pexeiros (Os Blancos, Ourense), dunha caste non descrita ata o momento e que data de principios do século XV (aproximadamente do ano 1427). É dicir, un achado que constata que “en Galicia xa se enxertaban castiñeiros no século XV”, explica Pereira.

Exemplar situado en Pexeiros (Os Blancos, Ourense), un dos castiñeiros estudados no traballo. Foto cedida por Santiago Pereira.
Exemplar situado en Pexeiros (Os Blancos, Ourense), un dos castiñeiros estudados no traballo. Foto cedida por Santiago Pereira.Sni

En Portugal, os científicos atoparon tamén outros datos interesantes, como un castiñeiro monumental enxertado no val do Douro que data de arredor de 1479, e outro no País Vasco que se remonta xa ao século XVI (ano 1558) e en Italia ao século XVII.

“Un dos aspectos relevantes da investigación é que constatamos que estes castiñeiros monumentais son uns valiosos reservorios xenéticos para o cultivo actual, tendo en conta que non hai ningún cultivo tan lonxevo no tempo que permite facer avaliacións deste tipo”, engade o catedrático da USC.

Daquela, no século XV, antes de que a pataca chegara de América, a castaña era a base da alimentación en moitas zonas do interior de Galicia. “Son lugares montañosos, onde non existían moitas alternativas, e a castaña era un recurso moi nutritivo, que permitía subsistir ao inverno, facíase pan grazas á fariña, obtíñase madeira para os cultivos das vides e outros recursos, etc. Os datos que nos indica a investigación é que aquelas persoas xa dominaban a técnica do enxerto, e era un traballo vital para clonar variedades das que sacaban un mellor rendemento”, afonda Santiago Pereira.

O proxecto recoñecido pola RAGC inclúe tamén a comparación dos resultados obtidos cos xenotipos rexistrados na base de datos europea sobre o castiñeiro no que o Grupo de Agronomía xa traballara. E como conclusión do seu estudo, os investigadores recomendan manter a diversidade clonal para conservar a variabilidade xenética das castiñeiras en toda Europa.

Os investigadores de Lugo, que recibirán o premio o vindeiro 8 de outubro, no acto de celebración do Día da Ciencia en Galicia, contaron neste estudo coa colaboración de  investigadores do Instituto Nacional de Investigación Agronómica de Francia-Universidade de Burdeos, do Instituto de Investigación do Ecosistema Terrestre de Italia, das Universidades de Córdoba e Extremadura e do Centro de Recuperación de Recursos Xenéticos de Álava.

Referencia: Instant domestication process of European chestnut cultivars (Publicado en Annals o Applied Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC investiga novos produtos naturais para loitar contra a avespiña do castiñeiro

Un equipo de Lugo traballa no proxecto 'Go Delicias' co obxectivo de identificar e desenvolver as defensas da árbore fronte ao insecto

A Academia de Ciencias convoca os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 4 de novembro

“O castiñeiro é a árbore da cultura galega, aínda que o carballo sexa máis abundante”

A investigadora do Centro Forestal de Lourizán Josefa Fernández xubílase tras catro décadas de traballo e ser a primeira enxeñeira de montes de Galicia

A madeira de frondosas galegas, idónea para a elaboración de barrís

Unha tese proba que o castiñeiro galego presenta propiedades semellantes ás do carballo de orixe francesa ou americana que o fan adecuado para o seu uso en destilería