Miguel Ángel Ríos foi alumno de Tomás Batuecas nos primeiros anos da súa carreira. Foto: RAGC.
Miguel Ángel Ríos foi alumno de Tomás Batuecas nos primeiros anos da súa carreira. Foto: RAGC.

Miguel Ángel Ríos: “Batuecas foi no seu tempo o mellor do mundo no seu campo”

O profesor emérito da USC, presidente da RAGC entre 2013 e 2018, lembra a figura do Científico Galego do Ano, que foi profesor seu

Cando comezaba os seus estudos de Ciencias Químicas na Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Ángel Ríos Fernández puido asistir ás clases do Científico Galego do Ano en 2019. Como alumno de Batuecas, Ríos lembra a súa seriedade, humildade e paixón pola ciencia, que soubo contaxiar a varias xeracións de investigadores que colocaron á Escola de Química de Santiago como unha referencia.

Máis de 50 anos despois, Miguel Ángel Ríos, hoxe catedrático emérito da USC, recoñece a decisiva influencia de Batuecas na súa traxectoria. O presidente da Real Academia Galega de Ciencias entre 2013 e 2018 foi un dos pioneiros da Química Cuántica e a computación en Galicia grazas, en gran parte, á fonte de coñecemento da que bebeu no comezo da súa traxectoria académica.

– Cales foron as bases que sentou Tomás Batuecas na Escola de Química de Santiago?

– Tomás  Batuecas foi o primeiro Catedrático de Química Física de España e, por conseguinte, da USC. A Química Física era entón unha disciplina emerxente, fundamental para profundar no coñecemento dos procesos químicos. Batuecas estableceu as bases da docencia e da investigación nesta disciplina en Santiago. Estaba especializado na determinación de masas atómicas, e arredor deste traballo creou unha escola, composta por un laboratorio e un equipo de investigación, caracterizada polo rigor e coñecida e recoñecida internacionalmente.

– Ata que punto chegou a súa relevancia internacional?

– En 1955 foi nomeado membro da Comisión Internacional de Pesos Atómicos da  IUPAC, que era o máximo organismo internacional neste campo. Dous anos despois, en 1957, foi elixido vicepresidente, e en 1959 presidente da devandita Comisión. O feito de ser designado para estes cargos xa amosa a súa relevancia internacional. De feito, era considerado, no seu momento, o mellor do mundo no seu campo, e ocupou a presidencia da Comisión da IUPAC ata o ano da súa xubilación, en 1963. Publicou nas mellores revistas francesas e alemás e tamén na prestixiosa Nature. Era amigo persoal dos Premios Nobel Louis De Broglie e Linus  Pauling e relacionábase cos científicos máis destacados da súa época.

– Que supuxo para a ciencia a determinación do carbono-12 como unidade de referencia?

– As masas atómicas dos elementos son unhas constantes de importancia fundamental para calquera aplicación cuantitativa da Química e das múltiples disciplinas nas que esta se proxecta. Teñen relevancia ademais noutros aspectos fundamentais da ciencia, como a xenética dos elementos químicos e en xeral en Química Atómica e Nuclear. O seu coñecemento preciso é, por tanto, moi importante. As masas atómicas figuran, como información relevante, na Táboa Periódica dos elementos químicos.

As masas atómicas dos elementos intégranse nunha escala relativa, baseada nun valor tomado como unidade. A primeira unidade foi o  hidróxeno (H=1). Pasado un tempo, pareceu máis conveniente adoptar unha nova referencia, o  osíxeno=16, tomando como unidade a dezaseisava parte da masa atómica deste elemento, tal como se encontra na natureza.  Xerouse así unha nova escala, denominada escala química.

“O acordo sobre as masas atómicas foi algo histórico”

Posteriormente descubriuse o fenómeno isotópico; é dicir, que a maioría dos elementos estaban constituídos por varios átomos co mesmo número atómico e as mesmas propiedades químicas, pero con distintas masas atómicas, ocupando o mesmo lugar no sistema periódico (de aí o seu nome, iso-topos). No caso do osíxeno eran o O16 (o máis abundante), o O17 e o O18. Ao tempo dispúxose dunha técnica, a espectrometría de masas, que permitía determinar a masa e a abundancia relativa dos distintos isótopos. A masa do osíxeno percibida polos métodos químicos resultaba ser a media das dos distintos isótopos, ponderadas de acordo coa súa abundancia relativa. Pero estas abundancias poden variar dun lugar a outro por causas naturais e/ou antrópicas. Nestas condicións, os físicos optaron por establecer unha referencia máis precisa, o O16 = 16, xerando así unha nova escala, denominada escala física, moi parecida. Así xerouse unha situación incómoda e confusa na que subsistían dúas escalas moi semellantes.

Por iso foi tan importante a decisión de adoptar o C12=12. Foi un acordo histórico, adoptado en Toronto en 1961 baixo a presidencia de Tomás  Batuecas, que veu resolver este problema, acordo que aínda está vixente.

– Como lembra as clases co profesor Batuecas?

– Era un home serio, esixente e humilde, sumamente correcto e respectuoso cos seus alumnos, que tamén sentiamos por el un gran respecto. Nas súas clases proxectaba o seu profundo coñecemento da Química, así como as intensas vivencias da súa experiencia científica e as súas relacións internacionais. Poñía vida e moito énfase nas súas explicacións. O seu obxectivo máis importante era, sen dúbida, ensinar a pensar e a razoar en Química.

– Como están sendo estes meses despois do relevo na presidencia da Academia?

– Eu agora son un Académico de base que desexa que a Academia siga avanzando no camiño de melloras iniciado, e niso estou disposto a colaborar  desde segunda fila. A Academia está en mans dun magnífico equipo. E estou seguro de que saberá levala ao lugar que lle corresponde.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.