Cinco investigadores galegos en activo (Carlos Diéguez, Alfredo Bermúdez de Castro, José Luis Mascareñas, María Teresa Moreira e Xavier Labandeira) reciben mañá martes as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Esta distinción recoñece na súa primeira edición a traxectoria consolidada destes científicos.
A entrega das medallas terá lugar no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca (Santiago), e no que tamén se homenaxeará a figura de Tomás Batuecas, referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos, e se entregarán os Premios de Investigación Ernesto Viéitez.
As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.
Medalla Ángeles Alvariño: Carlos Diéguez
A medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, correspóndelle a Carlos Diéguez González (San Xoán de Río, 1955), director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O catedrático de Fisioloxía da USC, con máis de 35 anos de carreira investigadora, é un referente a nivel mundial no campo da neuroendocrinoloxía.
Os seus máis de 580 artigos científicos foron publicados en revistas de gran prestixio como Nature ou The Lancet e ten dirixido máis de 40 proxectos de investigación. Entre os galardóns que recibiu figuran a medalla de ouro da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía.
Medalla Enrique Vidal Abascal: Alfredo Bermúdez de Castro
Alfredo Bermúdez de Castro (A Coruña, 1950) recibe a medalla Enrique Vidal Abascal, correspondente á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. O catedrático de Matemática Aplicada da USC está recoñecido pola comunidade científica internacional como figura clave no desenvolvemento da súa disciplina en España. Bermúdez de Castro tivo un papel pioneiro no establecemento de pontes entre a matemática e a industria, ata o punto de que os seus traballos facilitaron melloras esenciais no proceso produtivo de numerosas empresas con gran peso na economía galega e española, en áreas tan diversas como a metalurxia, o medio ambiente ou as finanzas, entre outros.
Medalla Isidro Parga Pondal: María Teresa Moreira
A catedrática de Enxeñería Química da USC María Teresa Moreira (Mugardos, 1969) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Está especializada en enxeñería bioquímica e en xestión do ciclo de vida, ámbitos nos que ten publicado máis de 300 artigos científicos. Ademais, ten unha dilatada experiencia en transferencia de resultados de investigación –acreditada polas sete patentes que xa ten rexistradas– a sectores produtivos como o pesqueiro, o agroalimentario, o da industria forestal, o do transporte sustentable e o da bioenerxía e biocombustibles.
Medalla Domingo García-Sabell: Xavier Labandeira
A medalla Domingo García-Sabell Rivas, da sección de Ciencias Económicas e Sociais da RAGC, destaca a traxectoria de Xavier Labandeira Villot (Vigo, 1967), catedrático de Economía da Uvigo e director do centro de investigación Economics for Energy. O seu prestixio no ámbito da economía climática, pública e enerxética posicionouno como autor principal dos informes de avaliación do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU (IPCC) e como membro do comité de transferencia a decisores políticos da Asociación Europea de Economistas Ambientales e de Recursos (EAERE). Ademais, foi director da Florence School of Regulation-Climate no European University Institute de Florencia e responsable da Cátedra FEDEA sobre Economía do Cambio Climático.
Medalla Antonio Casares: José Luis Mascareñas
O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), recibe mañá a medalla Antonio Casares Rodríguez, da seccion de Química e Xeoloxía. Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC, é considerado un dos responsables da introdución en España da química biolóxica. Foi merecedor dunha Advanced Grant, a axuda de investigación máis prestixiosa do Consello Europeo de Investigación (ERC). Conta tamén coa Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Química, institución que lle enconmedou a fundación do Grupo Especializado de Química Biolóxica.
Día da Ciencia en Galicia
A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.
Neste marco, no acto académico deste martes homenaxéase a figura de Tomás Batuecas, o primeiro catedrático de Química Física en España, habilitada na USC en 1932. Coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa periódica, a RAGC recupera e difunde a figura deste referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos.
Esta mesma tarde, o Concello de Santiago colocará nun dos bancos do Parque das Ciencias Isidro Parga Pondal unha praca na súa honra, que se sumará á dos científicos galegos recoñecidos en anos anteriores. Ademais, grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, será distribuída nos centros escolares de toda Galicia unha unidade didáctica elaborada por expertos sobre a figura e o legado de Batuecas.
Tamén serán entregados os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo liderado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e ao investigador do CiMUS Juan Cuñarro.