Xoves 25 Abril 2024

Juan Cuñarro: “Coa proteína p107 temos un novo candidato para tratar a obesidade”

O científico de Chantada recibiu o Premio Ernesto Viéitez na categoría de mozos investigadores, que entrega a Real Academia Galega de Ciencias

Ata hai pouco tempo, a proteína p107 estudábase, sobre todo, pola súa relación co ciclo celular e a posible aparición de tumores. Pero o científico Juan Cuñarro (Chantada, 1992), decidiu afondar, xunto aos seus compañeiros do grupo Diabesity do CiMUS de Santiago, na posibilidade de que esta mesma proteína puidera gardar algunha relación coa obesidade e outros trastornos metabólicos. A isto está dedicando a súa tese de doutoramento, e un dos traballos que realizou neste tempo acaba de ser premiado pola Real Academia Galega de Ciencias na categoría de mozos investigadores.

En concreto, o traballo de Juan Cuñarro, publicado en novembro do ano pasado, demostra, mediante estudos en ratos, que os individuos aos que se lle inducía a perda desta proteína no seu organismo tiñan unha maior facilidade para perder peso. “Con isto temos un novo candidato para tratar a obesidade”, explica Cuñarro.

Publicidade

Deste xeito, a p107 convértese nunha “nova diana farmacolóxica para tratar a síndrome metabólica”. O que demostrou o equipo do CiMUS é que a p107 favorece a perda de peso debido a un incremento do gasto enerxético mediante a activación da termoxénese, o proceso que consiste na metabolización da graxa para producir calor corporal. Isto contribúe a unha mellor regulación da glicosa no sangue, á diminución de graxa no fígado e a unha melloría no perfil de lípidos, coa redución dos triglicéridos e do colesterol, todo isto mesmo en caso de dietas altas en graxa.

Hoxe en día, segundo explica o científico galego, “a termoxénese está considerada como  unha posible diana terapéutica moi importante, xa que se podería, deste xeito, modular o gasto enerxético dun organismo”.

A Academia de Ciencias premia investigacións sobre o castiñeiro e contra a obesidade

Por agora seguen sendo descoñecidos moitos dos procesos que desencadean esta patoloxía. En condicións normais, o balance enerxético do organismo está equilibrado: “O que fai habitualmente o noso corpo é manter unha certa estabilidade: inxerimos enerxía en forma de alimento, e esta despréndese en forma de calor a través de diversos procesos biolóxicos. Pero cando se desenvolve a obesidade, este balance descontrólase, e a situación complícase”.

Esta investigación de ciencia básica marca o camiño para que, a partir de agora, poidan xurdir novos estudos de cara a desenvolver ensaios clínicos en humanos. E tamén é un primeiro paso, segundo explica Cuñarro, para afondar na influencia da p107 noutras doenzas. Alén disto, cómpre subliñar que, na actualidade, a obesidade garda unha relación directa  coas enfermidades cardiovasculares –a principal causa de morte en todo o mundo– e coa diabetes tipo 2, polo que o descubrimento de novas dianas farmacolóxicas é un reto científico de primeira orde, o que pon de relevo a importancia do traballo liderado por Cuñarro.

No traballo tamén colaboran o Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares Carlos III (Madrid) e o Instituto de Investigación Sanitaria Biocruces (Biscaia).

“É importante que se proxecten estes traballos”

Juan recibiu coa lóxica alegría a noticia do premio. “É moi importante que se proxecten cara á sociedade os traballos de investigación nos que se invisten os cartos públicos neste país”, subliña.

Do mesmo xeito, destaca que premios como o Ernesto Viéitez “son un impulso que che axudan a seguir adiante nun mundo moi competitivo. Calquera científico sabe que, no día a día, os fracasos superan con moito aos éxitos, pero como se ven menos, parece que todo nos sae sobre rodas”.

Juan Cuñarro recibirá o galardón o vindeiro 8 de outubro, no marco das celebracións do Día da Ciencia en Galicia, xunto aos gañadores do premio de investigación na categoría de científicos sénior e os dous equipos que recibiron cadansúa mención honorífica.


Referencia do traballo: p107 Deficiency Increases Energy Expenditure by Inducing Brown‐Fat Thermogenesis and Browning of White Adipose Tissue (Publicado en Molecular Nutrition Food Research).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo