Xoves 29 Febreiro 2024

Oito de cada dez persoas en Galicia escriben normalmente en castelán

A enquisa de coñecemento e uso do galego amosa unha fenda xeracional e diferenzas notables entre as zonas urbanas e rurais

O Instituto Galego de Estatística publicou este venres os resultados da Enquisa estrutural a fogares, no que un dos módulos aborda o coñecemento e uso da lingua galega e do castelán na sociedade do país nas súas distintas formas (oral e escrito), así como a súa situación en diversos ámbitos sociais. A enquisa dá continuidade ás publicadas anteriormente, cada cinco anos, e amosan as tendencias, con moitas e interesantes lecturas, arredor do uso (ou non) da lingua propia de Galicia.

Así, por exemplo, os datos amosan que 3 de cada 10 persoas (o 30,57% da poboación á que se lle preguntou) fala sempre en galego. Unha porcentaxe que baixa un 0,63% respecto á rexistrada en 2013. Porén, aumentou lixeiramente (1,43 puntos porcentuais) a proporción de persoas que adoitan falar máis galego, pasando a ser o 21,72% dos enquisados. Pero tamén medrou a porcentaxe de poboación que fala máis castelán ca galego, pasando dun 22,26% no 2013 a un 23,32% en 2018. E case unha de cada catro persoas, 24,4%, usa sempre o castelán.

Publicidade

Case unha de cada catro persoas recoñece falar sempre en castelán

A fenda entre o galego oral e o escrito

Un dos datos máis relevantes que achega a enquisa é a diferenza entre o uso do galego oral e o escrito. Así, só un 16,88% das persoas escriben normalmente en galego, fronte ao 83,12% do castelán. E ao cruzar os datos co uso oral, vese, por exemplo, que un 63,81% da xente que fala sempre en galego cambia ao castelán na escrita.

Diferenza xeracional

Os cambios tamén son notorios tendo en conta a idade. Así, só un 14,27% dos nenos de 5 a 14 anos falan en galego sempre, pero un 44,13% dos cativos desta mesma idade faino sempre en castelán. Pola contra, nos maiores de 65 anos, a tendencia é inversa. Apenas un 13,65% fala sempre en castelán, fronte ao 48,48% que usa sempre o galego.

Eido familiar, social e laboral

Os mesmos datos expoñen que o 44,34% da xente que ten fillos ou fillas fálalles en galego sempre, o 31,20% sempre en castelán, o 13,85% máis castelán que galego e o 9,50% máis galego que castelán. No tocante aos fillos e ás fillas, cabe destacar que arredor do 39% fala sempre en galego cos seus proxenitores e arredor do 37% sempre en castelán.

Dentro do ámbito social, o uso exclusivo do galego está máis estendido nas relacións entre amigos. O 34,12% da poboación de Galicia habitualmente fala sempre en galego cos amigos e coas amigas. Porén, o 39,40% comunícase co profesorado dos seus fillos e fillas exclusivamente en castelán e o 34,07% sempre utiliza este idioma cos especialistas sanitarios.

No referente ao ámbito laboral, o 29,57% das persoas ocupadas de Galicia fala sempre en galego cos compañeiros e coas compañeiras de traballo e o 18,61% utiliza máis galego que castelán. A porcentaxe das persoas que falan sempre en galego ou máis galego que castelán cos seus superiores sitúase no 42,79%.

A fenda nos medios de comunicación

Con todo, as maiores diferenzas obsérvanse no uso e consumo de información nos medios de comunicación. Así, sete de cada dez persoas (69,47%) recoñece navegar por internet sempre en castelán, mentres que m áis da metade le a prensa e libros sempre neste idioma. Pola contra, apenas un 5% da poboación recoñece consultar a prensa, ler libros ou navegar por internet usando maioritariamente o galego.

Uso e consumo de medios de comunicación e redes sociais. Fonte: IGE.
Uso e consumo de medios de comunicación e redes sociais. Fonte: IGE.

Costa da Morte, montaña de Lugo, interior da Coruña e Barbanza, redutos do galego

As diferenzas xeográficas, cunha variación significativa entre áreas urbanas e rurais, tamén son perceptibles nos resultados da enquisa. Así, nas principais áreas urbanas, arredor da Coruña, Vigo e Ourense, o uso habitual do galego non pasa do 40%. Na área de Santiago (55,39%), as cifras son maiores.

Uso maioritario do galego por zonas. Fonte: IGE.
Uso maioritario do galego por zonas. Fonte: IGE.

Nas sete principais cidades atópanse as principais diferenzas a prol do castelán. Así, só un 3,85% dos enquisados en Vigo e un 5,34% dos da Coruña sosteñen falar sempre en galego.

Respecto ás áreas con maior uso do galego, aparecen as comarcas de Ordes, Arzúa e Melide (93,14%),  Costa da Morte (92,43%), Barbanza (88,85%), Sarria, Fonsagrada e Ancares (88,50%) e sur de Ourense (88%).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario