Venres 26 Abril 2024

Un científico a carón dos Nobel desde Galicia

Batuecas mantivo unha relación fluída e próxima con referentes da Química e a Física do século XX, como Linus Pauling e Louis de Broglie

Só existe na historia unha persoa que foi quen de acadar o premio Nobel en solitario en dúas disciplinas. O científico estadounidense Linus Pauling (1901-1994) destacou como un dos grandes estudosos da natureza dos enlaces químicos e da estrutura das proteínas, pero tamén foi salientable o seu activismo en contra das armas nucleares e dos conflitos bélicos, en xeral, despois de ver de preto a destrución causada na Segunda Guerra Mundial. E esa persoa, que pasou á Historia da Ciencia como unha das grandes figuras do século pasado, foi un dos Nobel que mantivo unha relación cercana e constante con Tomás Batuecas. 

Por outra banda, o científico da Universidade de Santiago de Compostela tamén colaborou de cerca con outra figura moi relevante na Física Cuántica das primeiras décadas do século XX, Louis de Broglie (1892-1987), un ano máis vello ca Batuecas. Naquel momento de ebulición na disciplina, cando se sentaron as bases dos avances cos que hoxe convivimos na nosa vida cotiá, De Broglie postulou a hipótese que levaría ao descubrimento da natureza ondulatoria do electrón. Aquilo valeulle o Nobel de Física en 1929.

Publicidade

Linus Pauling foi un notable activista contra as armas nucleares.
Linus Pauling foi un notable activista contra as armas nucleares.

Da relación entre Batuecas e Pauling hai constancia alomenos desde 1935. Naquel ano, segundo recolle o arquivo de Linus Pauling na universidade de Oregon State, onde está o instituto de investigación que leva o seu nome. O 11 de outubro dese ano, Pauling recibe unha carta de Batuecas escrita en francés, nos que o científico xa afincado en Compostela lle indica que vai impartir varias conferencias en novembro sobre as teorías dos enlaces químicos, polo que lle pide ao químico estadounidense que lle envíe algunhas copias do Journal of the American Chemical Society que non están dispoñibles na biblioteca da USC.

Un mes e unha semana máis tarde, o 17 de novembro de 1935, e despois de que presumiblemente Pauling remitira de volta a Batuecas as copias da revista xunto cunha carta de resposta, o químico estremeño agradece noutra misiva este envío. 

Esta correspondencia está corroborada pola hemeroteca de xornais como El Pueblo Gallego, que en novembro dese mesmo ano publicaron en varias ocasións as crónicas das conferencias do profesor Batuecas na Facultade de Ciencias. 

Vinte e oito anos despois, en 1963, e meses antes de que Pauling recibira o segundo dos Nobel, o da Paz, polo seu activismo contra as armas nucleares, volve haber constancia do contacto con Batuecas. O químico estadounidense era xa unha dos grandes nomes da ciencia mundial, aínda que bastante criticado no seu país polas súas posicións políticas, mesmo sendo chegar a ser cualificado de “filocomunista”. Neste senso, segundo recolle un informe elaborado pola ditadura franquista en 1954, ao que tivo acceso a xornalista Ángela Bernardo, o réxime chega a estender estas acusacións contra Batuecas e outros investigadores españois.

Naquel momento, o profesor da USC ocupaba o cargo co que adquiriu unha notable sona internacional, a presidencia da Comisión Internacional dos Pesos Atómicos. O 16 de abril dese ano, Batuecas solicítalle a Pauling un artigo para a revista da mencionada Comisión.

A outra figura de relevancia mundial coa que o Científico Galego do Ano en 2019 mantivo unha relación próxima foi Louis de Broglie, un físico que desenvolveu as hipóteses para demostrar a dualidade onda-partícula; é dicir, que a materia pode ter natureza ondulatoria, e viceversa. No 1924 publicou a obra clave da súa carreira, Recherches sur la théorie des quanta (Investigacións sobre a teoría dos cuantos). 

Chamado por moitos como o “príncipe da cuántica”, en alusión á súa pertenza a unha familia nobre, o amigo de Tomás Batuecas estivo presente na conferencia de Solvay de 1927, considerado por moitos como a maior reunión de talento científico que tivo lugar no mundo, con preto dunha vintena de premios Nobel. Na foto, que aparece nestas páxinas, De Broglie aparece na segunda fila, sentado con Marie Curie, Albert Einstein, Niels Bohr ou Erwin Schrödinger.

Louis de Broglie, (no círculo), na conferencia de Solvay en 1927, xunto a Einstein, Bohr ou Curie.
Louis de Broglie, (no círculo), na conferencia de Solvay en 1927, xunto a Einstein, Bohr ou Curie.

Foi con só 37 anos, apenas cinco despois de presentar a tese de doutoramento na que De Broglie expuxo esta idea, cando o xurado do premio Nobel lle concedeu o galardón de Física. Aínda que era un traballo de investigación básica, como adoita acontecer, o achado do físico francés permitiu o desenvolvemento de todo tipo de aplicacións. Unha das primeiras, desenvolvida poucos anos despois, foi o microscopio electrónico, que bebeu directamente do que postulou De Broglie: se os electróns tiñan natureza ondulatoria, era posible valerse deles para ver obxectos minúsculos, xa que a lonxitude de onda dos electróns é moito menor que a da luz visible.

O camiño que abriu De Broglie axudou, sen dúbida, aos avances que acadou Batuecas, como os diferentes métodos para a determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. 

Ademais, o físico francés tivo un papel determinante na constitución do que hoxe é, e será, con moitas posibilidades, o berce dos grandes descubrimentos da Física do século XXI, o Consello Europeo para a Investigación Nuclear (CERN). En 1949, coa conmoción pola Segunda Guerra Mundial aínda moi presente, realizou unha petición pública e oficial ás autoridades políticas e científicas da época para reunir á comunidade investigadora nun gran laboratorio internacional no que todo o mundo traballase cos mesmos obxectivos. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un día para honrar a Colmeiro, o motor do cambio económico na Galicia do século XIX

A Academia de Ciencias homenaxea o economista Manuel Colmeiro y Penido nun acto celebrado en Santiago para conmemorar o Día da Ciencia en Galicia

“Colmeiro estivo comprometido co seu tempo e coa modernización económica, social e política”

O economista Juan Quintás analiza a figura de Manuel Colmeiro y Penido, o sobresaínte científico social que protagoniza o Día da Ciencia en Galicia

Galicia homenaxea o economista Manuel Colmeiro

A Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia cun acto en Santiago que porá en valor a figura do salientable científico social

A Academia de Ciencias e GCiencia lanzan unha nova edición da revista ‘A Ciencia en Galicia’

A publicación presentarase este mércores co gallo dos actos de celebración do Día da Ciencia en honor ao economista Manuel Colmeiro y Penido