Venres 29 Marzo 2024

A burocracia obriga a unha científica a devolver unha bolsa de 6.000 euros á que renunciara

Pilar Picallos notificou a renuncia á Deputación da Coruña aos tres meses, pero solicítanlle a devolución do importe íntegro máis as taxas de demora

A complicada situación que Pilar Picallos está afrontando nos últimos días remítese a un ano atrás. Despois de cursar a Formación Profesional en Técnico de Laboratorio de Diagnóstico Clínico, graduarse en Enfermería, exercer durante un tempo a profesión e facer o mestrado en Investigación Biomédica na USC, incorporouse ao grupo de Células Nai en Cancro e Envellecemento do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, que dirixe Manuel Collado. Como adoita acontecer na primeira etapa da carreira investigadora, Pilar tiña a perspectiva de comezar a preparar a súa tese sen ningún tipo de financiamento. Mais presentouse a unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña, que concede tres axudas cada a ano a científicos da área da saúde e un total de 20 en todas as áreas. Obtivo unha das axudas, de 8.000 euros por un ano, dos que 6.000 se lle ingresaron ao comezo do curso 2019-2020, tal e como marcaban as bases.

Con todo, e ante a incerteza á que se enfrontan os investigadores novos, Pilar inscribiuse a máis convocatorias. Nese rango de tempo desde a concesión da bolsa, en outubro o laboratorio publica en Nature Communications, unha revista moi relevante, un traballo no que describen unha nova familia de compostos con capacidade de matar especificamente as células envellecidas. Este artigo supuxo un importante pulo para o seu proxecto de investigación, e en decembro recibiu a noticia de que o IDIS lle concedera un contrato predoutoral durante tres anos para desenvolver a tese, o que a levou a renunciar á bolsa da Deputación. “O 26 de decembro presentei a renuncia por incompatibilidade coas bases”, lembra, xa que un dos requisitos da mesma era non recibir outra remuneración ou contrato.

Publicidade

Científicos de Santiago conseguen matar de forma selectiva as células envellecidas

Tanto Pilar Picallos como Manuel Collado lamentan que despois de notificar a renuncia, non recibiron comunicación algunha por parte da Administración Provincial ata tres meses despois. “En febreiro presentei a memoria, segundo indicaban as bases, e en marzo recibín a primeira resposta na que se me informaba de que perdía o dereito á bolsa”, continúa a científica. Nestes últimos meses, varios deles coa actividade paralizada pola pandemia da Covid-19, non hai novidades, ata a primeira semana de setembro, cando sae a resolución definitiva: “Volvo preguntar e é cando me din que vai saír a resolución, e o día 3 chega a notificación de que teño que devolver os 6.000 euros máis unhas taxas de demora, cunha contía que non especifican”.

Agora, a científica ten ata o día 15 de setembro para presentar alegacións, e está buscando asesoramento para atopar unha saída. “O lóxico sería que, dalgún xeito, houbera opción a que me recoñeceran o tempo traballado, ao que teño dereito, e non obrigarme a devolver o importe que era a única fonte de ingresos para o meu traballo entre setembro e decembro. Non podía perder un contrato de tres anos no IDIS e seguir coa bolsa dun ano”. Neste tempo, lembra Pilar, incluíu á Deputación da Coruña nos agradecementos do artigo publicado en Nature Communications, así como a mención expresa nos congresos nos que presentaron o traballo.

O caso de Pilar Picallos é un exemplo máis dos problemas administrativos e burocráticos ao que se enfrontan moitos investigadores e investigadoras. “Entendo que unha axuda sexa incompatible con estar percibindo outra remuneración, e é de agradecer o apoio á investigación da Deputación da Coruña, pero non pode ser que gañar un contrato de doutorado te penalice económicamente desta maneira”, lamentaba a través de Twitter o director do laboratorio do IDIS, Manuel Collado.

Incompatibilidade “a futuro”

Neste sentido, Collado e Picallos reclaman que se contemple maior flexibilidade para estes supostos. “Sería recomendable que avalíen en cada caso as circunstancias, non dun xeito automatizado no que non se ten en conta o traballo feito e mesmo a visibilidade que acada a Deputación polo seu apoio”, engade a investigadora. Tal e como informa a Deputación, as bases expoñen que, “excepcionalmente e para os casos en que a incompatibilidade se produza despois da entrega da memoria semestral, poderase valorar a posibilidade de non reintegrar o importe pagado da bolsa, previo informe favorable do tribunal e para aqueles casos nos que se desenvolvera polo menos o 75% do proxecto“. É dicir, se a renuncia tivese lugar despois de marzo, contémplase a opción de non recibir os últimos 2.000 euros da bolsa que se outorgan tras a memoria final. Porén, segundo expón Pilar, ata o momento non se realizou este informe nin se avaliou a memoria presentada en febreiro.

Pero a convocatoria non asume casos como o de Pilar, no que a renuncia chega antes.”Se o grao de execución do proxecto é inferior ao 75%, procederá o reintegro do importe pagado“, din as bases. “É imposible saber o que ía pasar no futuro, e eu non me podía quedar parada coa bolsa para un ano, sen solicitar outras, arriscándome a quedar sen financiamento, tendo en conta que debería seguir nos anos seguintes co meu doutoramento”, lamenta a científica. E neste suposto, as bases son claras: “a obtención simultánea doutra axuda ou a formalización dun contrato de traballo cunha duración acumulada superior a 480 horas no período de duración da bolsa será causa de reintegro da bolsa adxudicada”. E, tal e como lembra Picallos, cumpriu coas bases ao producirse unha “variación nas circunstancias iniciais“, que “deberá poñerse de inmediato en coñecemento da administración”. O que reclama é que, dalgún xeito, se lle permita manter o importe percibido ata a renuncia notificada en decembro.

Desde a Deputación da Coruña explican que agora está aberto o período de alegacións, e confían atopar unha solución. “As alegacións estudiaranse para determinar se procede ou non continuar con dito procedemento de reintegro”, engaden.

Inciden dende o ente provincial que, “aínda que as de investigación non son competencias fundamentais da institución, destínanse 160.000 euros cada ano a financiar proxectos“. E por outra parte, destacan que a pesar do reaxuste de orzamentos por mor da pandemia, priorizando as áreas de emprego e servizos sociais, non se reduciu a contía para o curso 2020-2021. Alén disto, explica a Deputación, para adaptarse ás circunstancias excepcionais da pandemia, ampliouse o límite das horas do contrato de traballo ás 720 horas no período de duración da bolsa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo