Venres 29 Marzo 2024

Científicos de Santiago conseguen matar de forma selectiva as células envellecidas

Publican un traballo en “Nature Communications” sobre os compostos senolíticos, que poden actuar contra o cancro e doenzas asociadas ao envellecemento

Investigadores do Instituto de Investigación de Santiago (IDIS) liderados polo doutor Manuel Collado do Sergas, e o doutor, Eduardo Domínguez, da USC, identifican unha nova familia de compostos con capacidade de matar especificamente as células envellecidas. O traballo, publicado este luns na prestixiosa revista Nature Communications, describe o uso dun sistema de procura masiva de compostos con esta actividade. 

A acumulación no corpo de células envellecidas co paso dos anos, as denominadas “células senescentes”, está na base do envellecemento e das súas patoloxías asociadas que son a causa fundamental do declive funcional, a fraxilidade e a morbilidade que acompañan á vellez. “Para loitar fronte ás enfermidades asociadas ao envellecemento, os investigadores de todo o mundo lanzáronse recentemente a unha moderna procura da fonte da eterna mocidade, en forma de moléculas capaces de eliminar selectivamente a estas células e obter con iso beneficios terapéuticos” destaca Manuel Collado. 

Publicidade

O laboratorio de Células Nai en Cancro e Envellecemento do IDIS, liderado por Collado, uniu forzas coa plataforma de descubrimento de fármacos que dirixe a catedrática Mabel Loza do grupo BioFarma do CIMUS da USC. Realizando unha procura sistemática de fármacos aprobados para o seu uso en humanos que mostrasen esta actividade indutora de morte específica de células senescentes, (o que se denomina actividade senolítica) os investigadores acharon unha familia de compostos que mostraban esta actividade. Trátase da familia dos Glucósidos Cardíacos, un conxunto de compostos con actividade terapéutica coñecida desde hai séculos e que na actualidade emprégase para o tratamento de certas afeccións cardíacas a partir de extractos da planta do xénero Digitalis (moi abundante na flora da comunidade galega). Segundo Manuel Collado “este é un bo exemplo de que atopar novas utilidades a fármacos coñecidos é unha estratexia que podería permitir acelerar o desenvolvemento de novas terapias e reducir os riscos de efectos secundarios”. 

Na foto Pilar Picallo, Francisco Triana e Manuel Collado. Fonte: Sergas.
Na foto Pilar Picallo, Francisco Triana e Manuel Collado. Fonte: Sergas.

Os primeiros asinantes do artigo, o doutor Francisco Triana-Martínez, cuxo traballo foi financiado polo Conacyt Mexicano, e a estudante de doutoramento Pilar Picallos-Rabina, dedicaron todos os seus esforzos a demostrar esta capacidade senolítica dos Glucósidos Cardíacos, así como a desentrañar os mecanismos moleculares que son responsables da mesma. Os autores conseguiron non só probar esta actividade, senón que ademais deron coa vulnerabilidade que caracteriza ás células senescentes e que as fai máis sensibles a estes fármacos. “Entender que fai a estas células senescentes máis vulnerables pode permitirnos desenvolver novos fármacos máis seguros fronte a elas”, afirma o doutor Francisco Triana-Martínez. 

Aplicacións á quimioterapia

Pero este descubrimento non só ten unha posible aplicación ás enfermidades asociadas ao envellecemento; “a actual quimioterapia e radioterapia aplicada a pacientes con cancro moitas veces non é completamente efectiva porque non é capaz de matar a todas as células do tumor”, comenta Pilar Picallos-Rabina. “Pola contra, as células quedan danadas nun estado de letarxia idéntico ao que mostran as células envellecidas”, continúa. 

Estas células “zombis” poden supoñer un risco para os pacientes se conseguen reactivarse co tempo, dando lugar a miúdo a novos crecementos tumorais aínda máis malignos. Ademais, en moitas ocasións os temidos efectos secundarios destas terapias anticancro están relacionados coa indución de senescencia das células sas non tumorais. “A posibilidade de combinar quimioterapia fronte ao cancro con este tipo de compostos senolíticos supón unha enorme promesa para aumentar a eficacia dos tratamentos e ao mesmo tempo reducir eses efectos secundarios”, afirma o doutor Collado. 

Por todo iso, os investigadores centráronse en demostrar a utilidade da aplicación destes fármacos senolíticos recentemente descubertos na terapia fronte ao cancro empregando modelos animais preclínicos. Coa colaboración de grupos de investigación do Instituto de Oncoloxía do Hospital Vall d’Hebrón (VHIO) e do Instituto de Investigación de Barcelona (IRB), dirixidos polo doutor Joaquín Arribas e o doutor Manuel Serrano, respectivamente, os autores conseguiron demostrar que a combinación destes fármacos con quimioterápicos é moito máis eficiente fronte ao cancro que a terapia convencional e que son eficaces tamén fronte a enfermidades asociadas ao envellecemento como a fibrose pulmonar. 

Os próximos pasos destes investigadores van encamiñados a descubrir aínda máis compostos con esta actividade senolítica que poidan ser empregados no futuro en terapias fronte a cancro e ao envellecemento. Ademais, o grupo que dirixe o Dr Manuel Collado está empeñado en aplicar o coñecemento da área da senescencia celular na loita fronte ao cancro: “Sería espectacular que o mesmo mecanismo que nos fai envellecer poida quizais tamén axudarnos a curar o cancro”, manifesta. 

No traballo, ademais dos investigadores do IDIS, tanto do Hospital Clínico como do CIMUS-USC, colaboraron diversos científicos do CIQUS da USC; do CNIO e do IMDEA Alimentación de Madrid; e VHIO, IRB e Hospital Clinic de Barcelona. 


Referencia: Identification and characterization of Cardiac Glycosides as senolytic compounds (Publicado en Nature Communications).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

Prevén o leite a deterioración cognitiva? Isto é o que suxire un novo estudo

Un ensaio en maiores de 65 anos identifica un compoñente da graxa láctea que podería ralentizar a perda de memoria asociada á idade