Venres 29 Marzo 2024

A Axencia Espacial Galega ratifica a relatividade especial de Einstein

A Marumasat IV cumpriu con éxito gran parte dos experimentos previstos e acadou o seu récord de altitude, con máis de 35.000 metros

Había incerteza despois do accidentado lanzamento do pasado 28 de maio, pero os datos recollidos pola Marumasat IV, a sonda da Axencia Espacial Escolar Galega, ofrecen un balance moi positivo da nova misión da NOSA. Así, segundo informaron este xoves os seus responsables, a sonda cumpriu coa súa misión: “O detector de muóns funcionou á perfección, corroborando empíricamente a teoría da relatividade especial”, expón Xosé Manuel Fernández, secretario da NOSA e profesor do IES Maruxa Mallo de Ordes.

Este era o experimento que daba nome ao proxecto deste ano (Misión Einstein: rastrexando raios cósmicos). E o obxectivo conseguiuse. Segundo a gráfica que se pode ver baixo estas liñas, os muóns detectados acadan o seu máximo arredor dos 15.000 metros de altura, polos que a Marumasat IV pasou durante o seu ascenso (primeiro pico) e descenso (segundo pico). Esta altura é o punto onde se xeran os raios cósmicos secundarios debido á interacción coa atmosfera.

Publicidade

Os picos de muóns por minutos correspóndense cos 15.000 metros de altura, onde se xeran a maior parte dos raios cósmicos secundarios. Fonte: NOSA.
Os picos de muóns por minutos correspóndense cos 15.000 metros de altura, onde se xeran a maior parte dos raios cósmicos secundarios. Fonte: NOSA.

A relatividade e moito máis

Alén do experimento principal, o equipo da NOSA, composto por docentes e alumnos do IES Maruxa Mallo (Ordes), IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), IES Miraflores (Oleiros), CPI O Cruce (Cerceda), IES Arcebispo Xelmírez II (Santiago) e IES Ferrol Vello (Ferrol), conseguiu os seus outros obxectivos.

Segundo explica a axencia, acadouse o récord de altitude, aínda que por pouco non se chegou ao obxectivo esperado dos 36 quilómetros de altura. “A análise do tempo de gravación das cámaras, tanto a lateral como a superior para as tomas de contrapicado, puido máis adiante determinar, coa axuda do simulador de voo, a altura á que ascendeu a MarumaSat IV: 35.553 metros“.

A altitude acadada provocou, por efecto do descenso da presión atmosférica, que o globo chegara a cuadriplicar o tamaño co que saíu de Ordes. Os dispositivos da Marumasat IV conseguiron captar o momento exacto no que o globo estoupou. Do mesmo xeito, desde os 35 quilómetros de altura a sonda obtivo unhas imaxes “espectaculares” do noroeste da península Ibérica, desde o Cantábrico asturiano ata Porto, ademais de toda a costa galega.

Así se ve Galicia desde a estratosfera, a 35.000 metros de altura

Toda esta información puido ser recollida grazas á recuperación da sonda, que estivo ilocalizable durante varios días ata que apareceu no municipio de Maceda, en Ourense. O accidente sufrido no lanzamento desprendeu a radiosonda Vaisala, polo que o dispositivo de recepción de datos en terra a tempo real tivo que suspenderse.

Porén, o traballo da rede da NOSA acabou dando froitos. O sábado 1 de xuño, grazas ao emisor de cetraría da familia Regos, que xa localizara a Marumasat III o ano pasado, acabou aparecendo a sonda en perfecto estado. Estaba no chan, nunha zona de pouca visibilidade, polo que só se podería ter atopado a pé, e non podía ser localizada desde as alturas polos drons que participaron na busca. Afortunadamente, ao non haber precipitacións naqueles días, os aparellos electrónicos estaban intactos.

Nos vindeiros meses, os experimentos a bordo da Marumasat IV, como o da relatividade especial, darán pé a informes que se presentarán no cuarto congreso da NOSA, que organizará a comezos de 2020 o IES Xelmírez II de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

PÓDCAST | A intelixencia artificial, o gran desafío do eido educativo

O investigador da UDC Francisco Bellas analiza no sexto episodio de O Descodificador o impacto do cambio tecnolóxico na educación

O proxecto MEDRA fomenta a investigación en física de partículas entre o alumnado de bacharelato

O IGFAE acolleu a presentación dos traballos realizados por decenas de estudantes na súa primeira experiencia investigadora

O impacto da intelixencia artificial na educación sexual

Por María José Figueiredo e Daniel González Peña, da UVigo, e Ricardo Fandiño Pascual, da USC

Un novo mapa da materia escura vólvelle dar a razón a Einstein

Confirma a teoría xeral da relatividade sobre como as estruturas masivas medraron e curvaron a luz ao longo de 14.000 millóns de anos