Durante o Nadal de 2023, José María Martín-Olalla dedicou parte das súas vacacións a preparar uns apuntes para o seu alumnado da Universidade de Sevilla, onde imparte clase no departamento de Física da Materia Condensada. Mentres traballaba neste documento, dúas ideas que pululaban pola súa mente —ata ese momento illadas unha da outra— converxeron e fixeron que se iluminara a famosa lámpada da inspiración. Aquel foi o punto de inflexión para escribir un artigo publicado recentemente na revista The European Physical Journal Plus. “O meu estudo reabre un debate histórico”, asegura o físico, nado en Ourense. Propón unha alternativa a un conflito teórico de hai 120 anos entre os premios Nobel Walther Nernst e Albert Einstein.
“A idea xira arredor de ata que punto as observacións que facemos a temperatura ambiente e que nos permiten construír os principios da termodinámica son suficientes para explicar as propiedades das substancias preto do cero absoluto“, matiza o investigador da Universidade de Sevilla. A tese proposta por Nernst en 1905 defendía que a temperatura máis baixa posible, a -273 graos, era inalcanzable. E defendíao asegurando que, de poder chegar ao cero absoluto, unha máquina térmica —imaxinada pero nunca construída— podería converter a calor en traballo. E iso contradiría a segunda lei da termodinámica, que postula que a entropía —ou desorde— tende a aumentar ou permanecer estable, pero non desaparecer.
O matiz desta teoría formulouno Einstein. O físico rebatía o seu compañeiro asegurando que fundamentar as súas ideas nunha máquina non construída e imposible de construír non tiña base. E, por tanto, para explicar mellor as teses da termodinámica era necesario un terceiro principio. Agora, Martín-Olalla nega esta defensa de Einstein e, con matices á proposta de Nernst, asegura que con dous principios é suficiente. “Non é necesario un postulado adicional para entender como se comporta a materia preto do cero absoluto. A novidade é que unifico e traio dous principios nun só”, salienta o físico da Universidade de Sevilla, poñendo o foco en que o terceiro principio da termodinámica se pode deducir do segundo sen necesidade de formulalo illadamente.
Novo punto de vista
A investigación de Martín-Olalla trae, por tanto, un novo punto de vista. E malia a dificultade intrínseca da divulgación dos seus postulados, o estudo do físico nado en Ourense tivo un oco en pleno prime time durante a emisión, o pasado martes, do programa La Revuelta de TVE. Durante a entrevista explicou de forma accesible para o público xeral en que consistía o seu artigo e, malia que iso de contradicir a Einstein é certo, tratou de manterse á marxe. “Dalgunha maneira é verdade. Pero eu o que fago é propor unha idea nova e a ciencia avanza así, con ideas novas que contradín, melloran ou refinan argumentos antigos”, explica a GCiencia. Pon énfase, ademais, en que el se limita a reabrir un debate histórico e que a revista que aceptou o seu artigo entendeu que era “razoable, ben argumentado e sen aparente fallo”. Máis iso non implica que no futuro non se poida rebater a súa posición.
A reacción da comunidade científica
Sobre a acollida do seu estudo entre a comunidade científica, o físico da Universidade de Sevilla recoñece que este tipo de ideas calan moi lentamente na academia. “Non existe unha variña máxica pola que todo o mundo cambie de pensamento ou opinión. Este estudo tan só un paso adiante”, remarca. Non obstante, Martín-Olalla asegura que xa o está a aplicar nas súas clases “dunha forma razoada e argumentada”. Que o seu artigo chegue a ter maior repercusión ou poida modificar a forma en que se explica a termodinámica déixao nas mans da comunidade científica e da súa reacción ao estudo que propón.
Máis alá da reapertura dun debate que pon en xaque unha interpretación defendida por Einstein a comezos do século XX, Martín-Olalla conseguiu introducir a termodinámica en pleno prime time. Demostra, así, que incluso os postulados máis complexos da física —ou de calquera outro eido científico— poden ser accesibles e divulgativos. Recoñece que participar neste tipo de programas é unha forma de chegar a públicos máis novos pero insiste en que son formatos “pouco académicos”. Para iso están, a fin de contas, as revistas científicas. Pero achegar a termodinámica a máis dun millón de espectadores tamén é un fito.
Referencia: Proof of the Nernst theorem (Publicado en The European Physical Journal Plus)














