A ‘maxia’ do solsticio: hoxe o Sol ponse antes en Brasil que en Galicia

A chegada do verán boreal provoca que o solpor se produza uns minutos antes no leste de Sudamérica (onde chega o inverno) que no litoral galego

A linguaxe popular fala desde hai séculos de Xapón como o país do Sol Nacente. E, por outra banda, o Finisterrae galego era o lugar onde o astro rei se despedía do continente para afundirse na inmensidade do Atlántico. Isto leva a recrear na nosa mente, en moitas ocasións, que os días e as noites vanse movendo de leste a oeste, mais non é exactamente así. A inclinación do eixe da Terra e os seus movementos arredor do Sol inclúen unha gran cantidade de matices que, en determinados momentos do ano, ofrecen situacións canto menos curiosas. E iso imos vivir estes días. Aínda que a costa de Brasil está situada a miles de quilómetros ao oeste de Galicia, o solsticio de verán provocará que estes vindeiros días (de feito xa se está a producir nalgúns puntos) a noite vai chegar antes á costa leste de Sudamérica que ao oeste da Península.

É cuestión de minutos, pero acontece. A situación de Galicia, no oeste de Europa, e nunha latitude arredor dos 40º norte, provoca fenómenos semellantes noutras datas do ano; é o caso do cabo Touriñán, o punto máis occidental de Galicia, no que durante varias semanas da primavera e finais do verán ten lugar o último solpor da Europa continental. E estes días, debido á inclinación máxima do hemisferio norte cara ao sol, a imaxe é algo semellante a isto:

Publicidade

Esquema do solpor na noite do venres 20 de xuño. As cores, de máis claro a máis escuro, representan o día aberto, o solpor náutico, o solpor astronómico e a noite pechada. Fonte: timeanddate.com.
Esquema do solpor na noite do venres 20 de xuño sobre as 21.50 horas. As sombras, de cor máis claro a máis escuro, representan o día aberto, o solpor civil, o solpor náutico, o solpor astronómico e a noite pechada. Fonte: timeanddate.com.

Tamén na Terra do Fogo

Nesta época do ano, a diferenza horaria entre a costa leste de Brasil, en lugares como Recife, Salvador de Bahía ou Río de Janeiro, é de cinco horas respecto a Galicia. O mesmo pasa moito máis ao suroeste, en Ushuaia, capital da Terra do Fogo arxentina. E aínda así, o Sol ponse antes nestas cidades que Vigo, A Coruña ou Santiago de Compostela e mesmo Londres.

Deste xeito, mentres que en Galicia disfrutamos estes días de máis de 15 horas e 20 minutos de luz solar, nos antípodas, en Nova Zelandia, a duración do día non chega ás 9 horas. As situacións máis extremas danse nas zonas máis austrais e boreais; así, mentres en Ushuaia o día só dura 7 horas e 12 minutos, en Tromsø (ao norte de Noruega) gozan este mes de 24 horas de claridade.

Publicidade

Por que acontece isto no solsticio?

A inclinación do eixo da Terra (23,5º) provoca que, dependendo da situación respecto ao Sol, a súa luz e o seu calor chegan de forma oblicua ao noso planeta, dando lugar ás diferentes estacións, con períodos variables de luz e escuridade.

orbitaDeste xeito, o solsticio de verán no hemisferio norte correspóndese no momento no que o Polo Norte se atopa máis preto do Sol. Nestes días, no círculo polar ártico, a escuridade non chega a ser total en ningún momento, o que dá lugar ao coñecido como Sol de Medianoite. Pola outra banda, neste mesmo momento está a acontecer o solsticio de inverno no Polo Sur, no que o efecto é o contrario.

Así, nestes días, arredor do mediodía solar, o astro rei vaise atopar no punto máis alto sobre o horizonte, o que provocará que os obxectos apenas proxecten sombra sobre o chan nas nosas latitudes.

E, consecuentemente, o contrario acontece no solsticio do inverno. Tal e como lembramos en decembro, con tres horas de diferenza entre Rio de Janeiro e Galicia, o sol saía na cidade carioca ás 6.05, mentres que en Muxía amencía ás 9.06.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona