Xoves 28 Marzo 2024

Así se constrúe o dicionario científico en galego

Filólogos, profesores e matemáticos colaboraron para engadir ao dicionario da RAG 168 novos termos e acepcións relacionados coas matemáticas

Ningunha lingua nace xa terminada, e do mesmo xeito, toda lingua está viva na medida no que o están os seus falantes e a propia realidade que se move arredor dela. Novos termos vanse incorporando, segundo avanza a ciencia, a tecnoloxía e a sociedade en xeral. Neste senso, o galego, coa súa tardía normativización e normalización, aínda ten camiño por andar. Así se comprende que aínda o ano pasado se engadiran ao dicionario da Real Academia Galega 168 termos matemáticos, ben como novas entradas ou acepcións ou como correccións dalgunhas xa existentes.

Foi un traballo coral, un exemplo e, en palabras dos que participaron, “un camiño a seguir” para futuras experiencias noutras ciencias, como a bioloxía, a física ou a química. Xa hai uns anos houbo unha iniciativa na astronomía, que impulsaron Salva Bará e Martin Pawley.

Publicidade

O xerme, en 2013

Foron case cinco anos de traballo, desde 2013, cando a Facultade de Matemáticas da USC, sendo decana Victoria Otero Espinar, celebrou unhas xornadas de Lingua e Matemáticas, no marco das actividades de normalización impulsadas polo centro. “Sempre intentamos fomentar estes proxectos, de feito xa foramos pioneiros nun dicionario de tradución de termo matemáticos -lembra Otero- e daquel encontro xurdiu a idea e a necesidade de facer algo máis”. De feito, a propia facultade impulsa concursos como “Explícoche Matemáticas 2.0“, que axudan ao alumnado a normalizar o uso da lingua.

Daquelas reunión saíu o compromiso de persoas de diferentes ámbitos, e outras que se foron sumando mentres todo avanzaba. Xunto a Victoria Otero tomaron parte, desde a USC, Xosé Masa, catedrático de Topoloxía e Xeometría, Celso Rodríguez, profesor de Álxebra, e Xusto Rodríguez, da Área de Normalización Lingüística, como ligazón entre a Academia Galega e os docentes e investigadores. As universidades de Vigo e A Coruña tamén tomaron parte, con Iván Area, profesor de Matemática Aplicada da UVigo, e Miguel Brozos e Andrés Prieto, de Matemáticas da UDC. Para as achegas da Estatística contouse con Carlos Iglesias, do IGE. Do mesmo xeito, tomaron parte docentes do ensino secundario (Cibrán Arxibai, do IES Pintor Colmeiro de Silleda, e Sandra Sambade, do IES Monte da Vila do Grove).

Por parte da Real Academia, o catedrático de Filoloxía Manuel González encargouse de revisar a proposta elaborada polo equipo de científicos e docentes. “Ao revisaren o léxico, detectáronse algunhas eivas, con definicións incompletas ou imprecisas, acepcións que non se incluían, e mesmo termos que non estaban incluídos”, lembra González.

Foi un proceso que pasou por varias etapas, xa que había que ir acompasando os tempos de todos os membros do grupo. Desta coordinación encargouse Xusto Rodríguez, que se dedicou a crear espazos de traballo compartidos para ir reunindo as achegas. “Acabouse chegando a un mínimo común denominador, que igual non foi tan ambicioso como quixeramos, pero si deixou a todo o grupo satisfeito: así, os especialistas en matemáticas teñen capacidade de influír no léxico, e os responsables do dicionario poden ter achegas de xente que coñece a terminoloxía desta disciplina”, resume o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Unha decena de personas do eido das matemáticas, o ensino e a filoloxía puxeron en común as súas achegas para sacar adiante o proxecto

Unha vez recibidas as primeiras achegas, o Seminario de Lexicografía que coordina González elaborou unha contraproposta, aceptando uns cambios e rexeitando outros, en liña coas directrices da RAG. “En primeiro lugar, entraron palabras novas, como grafo, octal, óvalo, polinomial ou hexadecimal” conta o catedrático da USC. Outra parte das novidades referiuse a acepcións novas de palabras que xa estaban “sobre todo en unidades terminolóxicas complexas; é dicir, a cadrado engadíuselle cadrado perfecto; a campo, campo vectorial, escalar, tensorial. etc.”. Foron en total 79 palabras novas, 38 palabras nas que se modificou a definición (como foi o caso da número 5 de aplicación) e outros cambios que introducían unha precisión maior.

Do mesmo xeito, melloráronse tamén algúns exemplos que non explicaban con toda precisión os significados dalgúns térmicos. E tamén se admitiron algúns derivados sinónimos, como linear-lineal; varianza-variancia. O grupo tampouco se esqueceu das abreviaturas de trigonometría (sen, cos, tan, sec, csc).

Criterios

Que criterios se seguen, entón, para incorporar estes novos termos? “Faise un estudo histórico e etimolóxico da palabra, e téñense en conta as opcións que tiveron máis ‘éxito’ nas linguas actuais, tanto as romances como as de uso científico, como o inglés”, explica Manuel González.

Neste senso, Xusto Rodríguez explica que o galego experimenta así un proceso natural, que seguen outras linguas que buscan tamén o seu prestixio científico: “Con estes traballos faise notar que as linguas son entes vivos, que progresan e se adaptan na medida no que o fan os seus falantes e a sociedade, e axuda tamén a rachar con eses tópicos de que ao galego o están cambiando seguido. Todas as linguas experimentan cambios, sexan léxicos ou ortográficos, co paso do tempo, e o galego non vai ser unha excepción”.

Un modelo para outras ciencias

O que se fixo coas matemáticas, e xa se fixera coa astronomía hai un par de anos, “ten que marcar o camiño cara a outras ciencias” expón Xusto Rodríguez. En eidos como a estatística, segundo explica Carlos Iglesias, do IGE, esta entidade “sempre se preocupou pola normalización do galego; temos un vocabulario estatístico no sitio web do instituto a disposición da xente, e este pode ser outro gran paso adiante.

O ensino, a materia pendente

No que si coinciden todos os participantes no traballo é que a tarefa queda en parte incompleta ao non poder aplicarse plenamente na educación. “Vai repercutir menos do que debería por culpa do funesto decreto contra o uso do galego no ensino”, lamenta Cibrán Arxibai, profesor do IES Pintor Colmeiro de Silleda. Apunta o docente que hai un problema engadido, “unha enorme escaseza de materiais didácticos de matemáticas en lingua galega; e quen debería fornecelos e fomentar a súa produción é precisamente quen os prohibe”.

“Isto ten que facer reflexionar ás administracións”, sentenza Xusto Rodríguez. “Pecharlle ás portas ao galego na ciencia durante o ensino xera uns prexuízos brutais, e se pasan toda a secundaria dicíndoche que non podes dar as matemáticas en galego, igual acabas pensando que o problema é do galego, que non serve para iso. E a cousa non é así”.

Escolma dos novos termos

A Real Academia Galega achegou para este artigo unha escolma dos novos termos matemáticos, que podes consultar aquí:

– Acordouse cambiar en xeral a indicación de “Xeom.” pola de “Mat.”, xa que se considera incluída a xeometría na matemática.

Novas entradas:

grafo s.m. Mat. Representación gráfica constituída por puntos e segmentos de recta ou de arco, empregada para mostrar as relacións entre pares de elementos. Ex.: Utilizou un grafo para representar unha rede de computadoras. 

sen Mat. Abreviatura de seno.

cos Mat. Abreviatura de coseno.

tan Mat. Abreviatura de tanxente.

sec Mat. Abreviatura de secante.

csc Mat. Abreviatura de cosecante.

hexadecimal adx. Mat. [Sistema de numeración] que representa os números en base 16. Ex.: O código hexadecimal é moi empregado en informática. 

octal adx. Mat. [Sistema de numeración] que representa os números en base 8. Ex.: O sistema octal utiliza os díxitos do 0 ao 7.

óvalo s.m. Mat. Curva pechada de forma ovoide ou elíptica, con un ou dous eixes de simetría. Ex.: A forma do óvalo recorda a dun ovo.

polinomial. Relativo ou pertencente a un polinomio. Ex.: Función polinomial. Ecuación polinomial. Forma menos recomendable: polinómico.

Novas acepcións en entradas:

arranxo: Mat. Cada un dos ordenamentos posibles co mesmo número de elementos que se poden formar nun conxunto. Ex.: A noción de arranxo utilízase no cálculo de probabilidades.

campo. Inclúense as seguintes expresións:

Campo vectorial. Mat. Campo en que a magnitude característica é vectorial. A velocidade e a dirección dun fluído pódense representar utilizando un campo vectorial.

Campo escalar. Mat. Campo en que a magnitude característica é escalar. Para representar a temperatura ou a presión, pódense utilizar campos escalares.

Campo tensorial Mat. Campo en que cada punto se asocia a un tensor. Un campo electromagnético é un campo tensorial.

congruencia. Engadiuse a acepción 2.

conxunto. Inclúese a expresión conxunto baleiro: Mat. Conxunto que non contén ningún elemento. O número de elementos dun conxunto baleiro é 0.

desvío. Inclúese a expresión desvío padrón Matemáticas Medida da dispersión dos datos con relación ao valor medio.

minimizar. Engadiuse a acepción 4.
interpolación. Engadiuse acepción 2.

interpolar. Engadiuse a acepción 2. https://academia.gal/dicionario/-/termo/interpolar

intervalo. Engadiuse a acepción 4.

mediana. Engadiuse a acepción 4.

moda. Engadiuse a acepción 4.

modelo. Engadiuse a acepción 12.

recíproco. Engadíronse as acepcións 3 e 4.

regresión. Engadiuse a acepción 4.

sucesión. Engadiuse a acepción 4 e mais as frases “sucesión aritmética” e “sucesión xeométrica”.

Entradas modificadas e ampliadas:

anel. Modificouse a definición da acepción 7.

varianza. Cambiouse o exemplo e engadiuse a referencia sinonímica (covariancia).

fracción. Modificouse a definición da acepción 3 e incluíuse a frase “fracción numérica”.

número. Incluíronse as frases “número abstracto”, “número alxébrico”, “número composto”, “número e”, “número i”, “número mixto”, “número perfecto”, “número pi” e mais “números congruentes”.

crebado. Modificouse a redacción da acepción 5.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario