Pi, óvalo, grafo… Estes son os 168 novos termos matemáticos no dicionario da Academia

O dicionario en liña da Real Academia Galega conta desde hai uns días con 168 termos matemáticos, ben actualizados ou ben de nova incorporación, que veñen a enriquecer o léxico da ferramenta de consulta na rede. Pi, óvalo, grafo ou hexadecimal son algunhas das novas entradas. O traballo desenvolvérono o Seminario de Lexicografía da institución académica e un equipo de dez expertos das tres universidades galegas, o Instituto Galego de Estatística e o ensino medio.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, presentaron este luns en rolda de prensa o traballo. Estiveron tamén presentes María Victoria Otero Espinar, profesora de Análise Matemática da USC, Xosé Masa, catedrático de Xeometría e Topoloxía da mesma universidade, e Carlos Luís Iglesias Patiño, estatístico do Instituto Galego de Estatística. Os tres forman parte do equipo que elaborou o informe sobre o léxico matemático do Dicionario, no que tamén participan Xusto Rodríguez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC, e Celso Rodríguez, profesor de Álxebra da mesma institución; Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada da Universidade de Vigo; Miguel Brozos Vázquez e Andrés Prieto Aneiros, profesores do Departamento de Matemáticas da Universidade da Coruña; Cibrán Arxibai Queiruga, profesor da mesma disciplina no IES Pintor Colmeiro de Silleda; e Sandra Sambade Nieto, docente no IES Monte da Vila do Grove.

As novas achegas xa se poden consultar no dicionario en liña da Academia

O presidente da RAG recordou que a comunidade matemática é desde hai décadas “especialmente sensible á incorporación da lingua á modernidade” e agradeceu o labor das persoas que revisaron o Dicionario da Academia desde esta disciplina. “É un traballo de moita dedicación e moita xenerosidade, feito por amor á lingua e polo compromiso que significa o avance e a modernización do país”, expresou Freixanes. O responsable do Seminario de Lexicografía agradeceu tamén o “altruísmo” co que este traballo foi feito e gabou a “solidez” das achegas. “Espero que isto sexa o inicio dunha colaboración que continúe no futuro”, engadiu Manuel González, que lembrou que “para a elaboración do léxico especializado é totalmente imprescindible a colaboración de lingüistas e de especialistas en cada área”.

María Victoria Otero Espinar recordou que a idea de revisar o léxico matemático do Dicionario xurdiu nunhas xornadas de lingua e matemáticas celebradas na Facultade de Matemáticas da USC en 2013, unha das iniciativas postas en marcha pola comisión de normalización lingüística deste centro. A partir de aí, constituiuse un grupo de traballo “moi motivado”, con especialistas de distintos eidos comprometidos co emprego da lingua galega no ensino, na investigación e nos usos profesionais. E convencidos tamén da importancia do Dicionario como ferramenta tanto para as persoas expertas na materia como para o conxunto da sociedade. “Pensamos que se a información proporcionada polo Dicionario da RAG da terminoloxía matemática é clara e accesible, e é fiel ao concepto matemático que se describa, sen caer en simplificacións ou xeneralidades que provoquen erros, axudará a derribar a barreira que dificulta a transmisión de coñecemento a determinados sectores da sociedade que non están especializados”, salientou.

Entrada actualizada de 'pi', coa acepción referente ao número irracional. Fonte: RAG.
Entrada actualizada de ‘pi’, coa acepción referente ao número irracional. Fonte: RAG.

Carlos Luís Iglesias Patiño lembrou na mesma liña o compromiso do IGE coa normalización do idioma a través de profesionais como Antonio Alonso e Xenaro García Suárez, quen “sementaron en min a inquedanza de facer algo pola normalización lingüística”, asegurou. O estatístico puxo ademais o acento na interdisciplinariedade do grupo que mellorou o léxico matemático do Dicionario porque, se ben nove dos dez membros son do eido matemático, a coordinación asumiuna o lingüista Xusto Rodríguez. “El facilitou o establecemento duns criterios razoables e chegar a un consenso”, engadiu Xosé Masa. O catedrático agradeceulle ademais á RAG a acollida da iniciativa: “Contar co apoio dunha institución como a Academia, á parte da corrección lingüística que buscabamos, tamén ten o aspecto importante da autoridade”.

Entre as novas entradas do Dicionario propostas figuran palabras como grafohexadecimal ou óvalo. No apartado das novas acepcións en entradas incorpóranse conceptos matemáticos de vocábulos como interpolarmodamedianacongruenciaregresión ou transitivo; e expresións como desvío de padrón na palabra desvío e número alxébrico, número pi ou número abstracto na entrada de número. Outra nova entrada é polinomial para referirse ao relativo ou pertencente a un polinomio. A forma segue a solución máis habitual na maioría das linguas, e tamén a que ten máis razón de ser desde o punto de vista histórico e etimolóxico. Con todo, mantense, se ben como forma menos recomendable, o adxectivo polinómico.

Aínda que dentro dun dicionario xeral da lingua como o da RAG non entra todo o vocabulario de especialidade, cómpre incorporar o léxico deste tipo que hoxe é coñecido por unha parte importante da sociedade (sobre todo a nivel escolar), e tamén o que chega á lingua da man dos avances da ciencia. Con este propósito, concluíu Manuel González, alén do traballo realizado no eido matemático, a Academia avanza na revisión e actualización dos termos doutras áreas. O ano pasado revisáronse os termos de astronomía da man de membros da Agrupación Astronómica Ío e especialistas da USC e nestes momentos estanse revisando tamén os correspondentes á física con profesionais da Facultade de Física da mesma universidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.