O próximo mapa da Vía Láctea será 50 veces maior ao publicado en xuño

Un equipo da UDC lidera a participación galega na misión Gaia, que ten por obxectivo comprender a estrutura e formación da nosa galaxia

A misión espacial Gaia da Axencia Espacial Europea (ESA, polas súas siglas en inglés) segue avanzando na creación do mapa máis completo da Vía Láctea. De feito, prevese que o próximo catálogo que se publique inclúa as posicións, o movemento e as características físicas de 2.500 millóns de estrelas, e conteña tamén os datos obtidos nas 70 veces que en media o satélite pasou por cada obxecto da nosa galaxia. Isto supón que o volume do cuarto arquivo de Gaia, DR4, será unhas 50 veces maior que o publicado o pasado mes de xuño e achegará unha versión tremendamente mellorada destes parámetros estelares. Así o explicaron os investigadores da área de Intelixencia Artificial do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (CITIC), Minia Manteiga e Carlos Dafonte; Uwe Lammers, Gaia Mission Manager e Orlagh Creevey, manager da Unidade CU8, tras o encontro mantido recentemente no CITIC da Universidade da Coruña (UDC).

A reunión plenaria da Unidade de Coordinación 8 (CU8) do consorcio europeo DPAC para o procesado de datos da misión espacial Gaia reuniu no centro da Universidade da Coruña a máis de 40 investigadores de 20 entidades europeas e permitiu examinar os puntos nos que se pode mellorar aínda máis o traballo feito para a terceira publicación dos datos de Gaia o pasado mes de xuño, o denominado DR3. Así mesmo, puidéronse establecer as prioridades e organizar o traballo ata 2025, data prevista para a conclusión do proxecto. Así, conseguiuse avanzar para a cuarta publicación de datos de Gaia, chamada DR4, prevista para dentro de dous anos, que segundo sinalan os investigadores “eclipsará aos anteriores conxuntos de datos tanto en tamaño como en complexidade e estenderá aínda máis o impacto científico da misión”.

Publicidade

Liderado coruñés

De esquerda a dereita:  Uwe Lammers, Orlagh Creeve, Minia Manteiga e Carlos Dafonte.

A misión espacial Gaia é actualmente a misión científica máis exitosa da ESA e está a supoñer un salto xigantesco na comprensión da estrutura e a formación da nosa galaxia, a Vía Láctea, así como noutros moitos campos da astrofísica. O grupo CU8 que se reuniu a pasada semana no CITIC é o responsable de determinar as características físicas das estrelas, temperatura, composición, tamaño e masa, entre outros.

Os catálogos de datos de Gaia publicados ata o momento son un gran éxito para a ESA e o consorcio europeo responsable do procesado de datos. Este consorcio (DPAC) está formado por 450 científicos e enxeñeiros de máis de 20 países e máis de 100 universidades e institutos europeos. Entre eles atópanse a astrofísica Minia Manteiga e o enxeñeiro informático Carlos Dafonte, ambos os investigadores do CITIC da UDC, quen lidera a participación galega neste proxecto. Concretamente, traballan nas unidades 8 e 9 de Gaia, coa creación de técnicas e ferramentas para a verificación dos datos do satélite e a divulgación dos resultados da misión, así como no desenvolvemento de técnicas automatizadas para clasificar as fontes que observa o satélite, tanto estrelas como obxectos extra galácticos.

Publicidade

O número de traballos científicos baseados nos datos de Gaia publicados anualmente supera ao telescopio Hubble, ata o de agora o que maior produción científica xerara.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto da UDC propón un kit impreso en 3D para previr lesións asociadas ao uso do teclado e do rato

Doralys Torriente Aguilar deseñou unha solución ergonómica para exercitar e fortalecer as mans, os pulsos e os antebrazos mediante seis exercicios

O avance do piñeiro ameaza a caramiña, unha das xoias naturais das dunas galegas

Unha investigación constata que os piñeirais reduciron un 61,5% o ecosistema da Praia de Trece dende 1956 e dificultan a supervivencia da especie

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos