O pico de actividade das Oriónidas coincidirá cunha Lúa case chea

O paso da Terra pola órbita do cometa Halley traerá unha chuvia de estrelas: o mellor momento para divisar os meteoros terá lugar o 21 de outubro

Malas noticias para a comunidade astronómica e os afeccionados ás chuvias de estrelas: este ano, o mellor momento para gozar das Oriónidas coincidirá no ceo cunha Lúa case chea, que dificultará moito a súa visión. Ademais, segundo Mario Tafalla, astrónomo do Observatorio Nacional de Astronomía, tampouco será un evento moi intenso: durante o seu pico de actividade, o máximo que se espera ver é unha cifra de tan só 20 meteoros por hora.

Cada ano, o noso planeta cruza dúas veces a órbita do cometa Halley, dando lugar a dous episodios de chuvias de estrelas, unha delas en maio —que corresponde coas Eta Acuáridas— e as Oriónidas, entre os meses de setembro e outubro. Neste caso, o paso polos nosos ceos deste segundo evento será máis evidente na noite entre o 21 e o 22 de outubro.

Publicidade

Malas condicións para a observación

Segundo indica Tafalla, as condicións para a observación non serán as mellores este 2024: “Atopámonos nun momento no cal a Lúa estará case chea, aínda que xa minguando, o cal dificultará moito a súa visión polo propio brillo deste corpo celeste“. O astrónomo fai referencia á ausencia de contrastes no ceo: canto máis brillo, máis difícil identificar os meteoros.

Aínda así, e como sempre, hai unha serie de indicacións para os afeccionados que queiran tentar seguir a pegadas das Oriónidas. O primeiro é identificar cal será a franxa horaria de maior actividade: este ano, corresponderase coas primeiras horas de escuridade. Ademais, subliña, “unha boa opción é situarse dando as costas á Lúa para evitar na medida do posible o seu brillo”.

Publicidade

O nome desta chuvia de estrelas fai unha clara referencia ao lugar onde semellan converxer: a constelación de Orión, que pode ser localizada no ceo da maneira moi sinxela grazas ás tres estrelas tan características que a compoñen.

De igual xeito, afastarse das contornas urbanas, con maior contaminación luminosa, axudará a eliminar calquera fonte de luz artificial que poida dificultar a observación dos meteoros. E, nesta época do ano, outra obrigación: levar roupa de abrigo. Para a noite do luns, segundo MeteoGalicia, agárdanse ceos parcialmente cubertos na totalidade da comunidade, cun descenso moderado das temperaturas pola chegada dunha fronte activa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A USC deseña un sistema pioneiro de monitorización da humidade en cultivos de mosca soldado negra

O proxecto desenvolve un modelo que permita aumentar a produción de proteínas, graxas e fertilizante de forma máis eficiente e sostible

Científicos galegos lideran o primeiro estudo español para predicir risco personalizado de cancro de mama

O proxecto MamoRisk recabará datos de 10.000 mulleres seleccionadas aleatoriamente entre participantes nos programas de cribado de 14 comunidades autónomas

Que é o verme soldado? A gran praga que ameaza os cultivos de millo en Galicia

A Consellería do Medio Rural advirte a agricultores e gandeiros sobre o risco das plantacións en concellos como Mazaricos e A Baña

O método REPAG: como transformar os subprodutos de pataca nas proteínas alimentarias do futuro

O Centro Tecnolóxico galego desenvolve un proceso sostible e innovador para converter restos do procesado industrial en ingredientes de alto valor engadido para consumo humano