Unha cicloxénese explosiva no Atlántico Norte traerá chuvia intensa na fin de semana

As baixas presións situadas sobre as illas británicas enviarán varias frontes que provocarán grandes ondas e fortes refachos de vento

Os restos do furacán Kirk causaron un milleiro de incidencias en Galicia e provocaron o primeiro gran temporal do outono. Unha semana despois do sucedido, un novo fenómeno pretende tomarlle o relevo. No Atlántico Norte, ao oeste de Irlanda, estase a formar unha potente cicloxénese explosiva. Está previsto que se converta rapidamente nunha profunda borrasca que tamén salpicará as costas do noroeste da península. En Galicia deixarase notar especialmente o domingo, con chuvias que serán moi intensas na Coruña. Tamén é probable que algunhas ondas poidan superar os oito metros e os refachos de vento acaden os 80 km/h.

Segundo explica o meteorólogo Duncan Wingen nunha peza publicada no portal Meteored, a cicloxénese explosiva é o proceso polo que se forma un ciclón, que tamén é sinónimo de borrasca ou depresión. Con todo, este termo científico non implica que o fenómeno sexa máis perigoso. De feito, as baixas presións do Atlántico salpicarán as costas galegas con tempo adverso pero a parte máis dura vivirana outros países europeos, onde se producirá un duro temporal. É probable que alí vivan refachos de vento furacanados, ondas enormes e precipitacións máis intensas das que se agardan no noroeste peninsular.

Publicidade

O domingo, a situación máis adversa

Está previsto que a cicloxénese explosiva se forme entre as primeiras horas do sábado e as do domingo, día no que prevé salpicar Galicia. Segundo a previsión de Meteogalicia, unha fronte activa relacionada coa profunda borrasca sobre as illas británicas —froito do proceso de cicloxénese— chegará polo noroeste durante a noite. Así, espérase unha xornada de ceos nubrados, orballos e chuvias intensas na Coruña nas últimas horas do día e durante a madrugada. Os ventos máis fortes rexistraranse tamén no litoral coruñés. No que respecta ás temperaturas, manteranse en valores moderados, chegando aos 23 de máxima en Ourense e quedando arredor dos 20 no resto de Galicia.

O escenario será semellante o luns, dado que nas primeiras horas do día pasará unha fronte que regará toda Galicia. Conforme vaia avanzando a xornada, as precipitacións irán remitindo e dando paso a un tempo seco que se prologará, polo menos de momento, ata o mércores. Será o xoves da vindeira semana cando o prognóstico, aínda moi incerto, marque unha alza da probabilidade de precipitación, que agora mesmo acada o 50%. Isto deberase, segundo indica Meteogalicia na súa previsión, ao paso dunha fronte que deixará ventos de compoñente norte a partir do venres.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

2026 rexistrou o segundo mes de setembro máis cálido dende hai 65 anos

A temperatura media alcanzou os 20,4 graos, 2,4 por riba do habitual, mentres que a chuvia quedou un 52% por baixo da media histórica

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

Unha dina acende a alerta laranxa en Galicia por fortes treboadas: estes son os concellos afectados

O interior da Coruña e o centro de Lugo estarán en aviso por tormentas que poden vir acompañadas de aparello eléctrico e sarabia

Unha cicloxénese explosiva no Atlántico deixa avisos por choiva e vento en Galicia

Meteogalicia advirte que haberá refachos de máis de 100 quilómetros por hora na Costa da Morte e acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado no litoral