Descuberta a galaxia máis grande xamais detectada

Alcyoneus é unha radiogalaxia situada a 3.000 millóns de anos luz de distancia e mide 16,3 millóns de anos luz de largo

Na mitoloxía grega, Alcyoneus é un xigante fillo de Xea e o encargado de acabar con Hades. Inspirados por este mito, os investigadores dirixidos polo astrónomo Martijn Oei, do Observatorio de Leiden (Países Baixos), decidiron nomear así a galaxia que descubriron mentres estudaban as caraterísticas das galaxias anfitrioas, xa que o seu gran tamaño a converte na maior estrutura coñecida de orixe galáctico. 

As radiogalaxias xigantes, coñecidas como GRGs, son as maiores estruturas do universo xeradas por galaxias individuais e, a día de hoxe, os principais mecanismos que impulsan este excepcional aumento de tamaño seguen sendo pouco coñecidos. Están formadas por unha galaxia anfitrioa, de forma que o cúmulo de estrelas orbita arredor dun núcleo galáctico que contén un burato negro supermasivo, así como por chorros e lóbulos colosais que saen do centro galáctico, actuando como un sincrotón para acelerar os electróns que produce a emisión de radio. Deste xeito, para estes investigadores estaba claro que, se existen determinadas características que promovan de forma inportante ese crecemento nas GRGs, é bastante probable que os anfitrións dos maiores GRGs as posúan.

Publicidade

As imaxes deste estudo son a busca máis sensible realizada de lóbulos de radiogalaxias

Co obxectivo de realizar un estudo de caso da maior galaxia xigante dispoñible, o equipo buscou estes valores atípicos nos datos recollidos polo Low Frequency Array (LOFAR) en Europa, unha rede interferométrica composta por unhas 20.000 antenas de radio, distribuídas en 52 lugares do continente. Reprocesaron os datos a través dun novo procedemento, eliminando as fontes de radio compactas que poderían interferir coas deteccións de lóbulos de radio difusos e corrixindo a distorsión óptica. As imaxes resultantes, segundo os investigadores, representan a busca máis sensible xamais realizada de lóbulos de radiogalaxias. 

Estrutura e composición

Así, os investigadores descubriron Alcyoneus, unha radiogalaxia de baixa excitación situada a uns 3.000 millóns de anos luz de distancia. Ademais, supón a maior estrutura coñecida de orixe galáctico, xa que mide 16,3 millóns de anos luz de largo. Trátase dunha galaxia elíptica incrustada nun filamento da rede cósmica, cunha masa duns 240.000 millóns de veces a do Sol, e cun burato negro supermasivo no seu centro dunhas 400 millóns de veces a masa do Sol.

Publicidade

Máis aló da súa xeometría, Alcyoneus e o seu anfitrión son, segundo os propios investigadores, bastante ordinarios, xa que contan cunha densidade de luminosidade total de baixa frecuencia e cunhas masas estelar e do burato negro supermasivo inferiores ás dunha GRG media. Ademais, as presións nos lóbulos son as máis baixas atopadas ata o de agora e os investigadores pensan que esta radiogalaxia xigante segue medrando. 

Este descubrimento pon de manifesto a escasa comprensión destes colosos e do que impulsa o seu crecemento, pero podería proporcionar unha vía para comprender mellor non só as radiogalaxias xigantes, senón tamén o medio intergaláctico.


Referencia: The discovery of a radio galaxy of at least 5 Mpc (Publicado en arXiv.org, aceptado para publicación en Astronomy & Astrophysics)

Laura Veiga
Laura Veiga
Xornalista pola Universidade de Santiago de Compostela, especializada en cultura científica pola Universidade de Oviedo e sexóloga pola Universidade Camilo José Cela. Combina a comunicación e a divulgación en medios como GCiencia e Nós Diario coa educación sexual e menstrual, que desenvolve a través do seu proxecto Pingando en redes sociais e en obradoiros para centros educativos e asociacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un estudo galego revela que os lumes favorecen ás aves máis afectadas polo abandono rural

A USC e o CSIC investigan a Serra do Xurés e analizan a recuperación desigual segundo o hábitat, cunha maior vulnerabilidade das especies forestais

Extraer ADN de amorodos ou resolver unha ‘escape room’ climática: así será a sexta edición da G-Night

A Noite Galega das Persoas Investigadoras terá lugar o 25 de setembro de xeito simultáneo nas sete cidades galegas

Identificadas moléculas con potencial terapéutico en cancro no primeiro leite das vacas tras o parto

Un equipo galego revela que as vesículas extracelulares do calostro bovino frean de forma reversible a proliferación de tumores gastrointestinais