Galicia poderá desfrutar de dúas eclipses durante este mes de marzo. Unha total de Lúa e outra parcial de Sol. Será o comezo dun período astronómico único que terá lugar en España durante os tres seguintes anos nos se que poderá observar unha eclipse solar total ou anular en 2026, 2027 e 2028. Esta mesma semana terá lugar a coñecida como “Lúa de sangue”, onde o satélite non estará completamente escuro, senón que acadará un ton vermello.
Este mesmo venres 14 de marzo terá lugar a eclipse total de Lúa. Este fenómeno astronómico será visible en Galicia, segundo indican dende o Observatorio Astronómico Nacional (OAN), e semella que, a día de hoxe, a situación dos ceos galegos permitirán a súa observación. Segundo as predicións de Meteogalicia, haberá un 10% de nubes durante a noite desa xornada, polo que sería posible poder contemplar a simplemente vista o evento. Cabe sinalar que de cara ao mércores agárdase a chegada dunha nova borrasca atlántica, polo que é recomendable consultar os cambios na climatoloxía durante os próximos días.
O eclipse total deste venres é nomeado como “Lúa de sangue” debido ao ton vermello que acadará o satélite terrestre durante o evento. Isto débese a que parte da luz solar é desviada pola atmosfera terrestre, por iso acadará esa cor característica e non será completamente escura. O fenómeno astronómico comenzará ás 07:26 horas, rematará ás 08:31 horas e o seu punto máximo en Galicia será ás 07:58 horas. Haberá que estar moi atentos, xa que a Lúa poñerase ás 07:53 horas, polo que só será posible ver un anaco do evento astronómico, segundo detallan dende o OAN.

Eclipses de Sol de marzo
No que respecta aos fenómenos astronómicos relacionados co Sol, Galicia poderá observar este mesmo mes de marzo unha eclipse sola parcial o día 29 de marzo. Será durante a mañá cando se dea este evento. Concretamente, entre ás 10:43 horas e as 12:37 horas. Dende as catro provincias galegas poderase observar como lle falta un anaco á circunferencia do astro, sendo o punto máximo ás 11:39 horas, onde alcanzará unha magnitude de 0,41, a máxima que se dará en España.
Este evento abrirá un período único no país no que respecta aos fenómenos astronómicos. Durante os anos 2026, 2027 e 2028 terán lugar tres eclipses solares visibles no país: dous totais e un anular. O primeiro deles será o 12 de agosto de 2026 e será o único que sexa visible ao completo en parte de Galicia.
Un minuto de escuridade
As provincias da Coruña e Lugo poderán observar este evento de 2026 na súa plenitude que deixará aos territorios somerxidos na escuridade durante un só minuto. A eclipse comenzará ás 17:34 horas desa xornada e terá o seu punto álxido ás 20:28 horas, segundo o OAN. Acontecerá preto do solpor, polo que os amantes da astronomía deberán estar atentos a ese día. O resto de Galicia poderá contemplar como se cobre o Sol en máis dun 90%, asegura o presidente da Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, Enrique Alonso, quen se encarga da xestión do Observatorio Astronómico de Forcarei.
A este evento de 2026 haberá que sumarlle a eclipse do día 2 de agosto de 2027 e a do 26 de xaneiro de 2028. Desafortunadamente para Galicia o único fenómeno astronómico que se poderá observar en plenitude dende a comunidade será o do próximo ano. A eclipse total de 2027 poderase contemplar completa na zona sur de España. Con respecto a 2028, este fenómeno astronómico será anular e en Galicia verase como unha eclipse parcial, xa que non se chegará a crear ese “anel de lume” característico deste tipo de eventos.