Das alertas por calor e máximas de 40 graos a choivas en menos de dous días

A fin de semana se rexistrarán chuvascos por toda a comunidade pero a semana que vén se estima a chegada doutro anticiclón

Galicia continúa coa influencia anticiclónica que está a deixar altas temperaturas e alertas laranxas e amarelas, especialmente no sur. Porén, o bo tempo dará un descanso nas próximas xornadas, con cambios de temperatura importantes especialmente en puntos como Ourense, Pontevedra ou Santiago de Compostela.

A xornada deste mércores está a rexistrar máximas moi elevadas. En Ribas de Sil, en Lugo, xa chegaron aos 40 graos ás 15:20 do mediodía, e en Ourense xa rexistran 39,4. A previsión é que durante este día a capital de provincia supere os 40 graos. Tamén hai valores elevados en Vilamartín de Valdeorras, con 38,9 graos e en Sober ou Rubiá, que xa superan os 38.

Publicidade

No resto das grandes cidades, todas están por riba dos 30 graos menos na Coruña. Pontevedra e Lugo chegan os 34 graos e Ferrol e Vigo marcan os 31. As altas temperaturas provocan que Meteogalicia teña activada a alerta laranxa no Miño de Ourense e en Valdeorras. Ademais, a institución tamén mantén o aviso amarelo no sur e no noroeste de Ourense, no centro, na montaña e no sur de Lugo e no Miño de Pontevedra.

Descenso importante das máximas

Durante o xoves, Galicia irá perdendo progresivamente a influencia anticiclónica. Con esta situación, Meteogalicia agarda brétemas costeiras e bancos de néboa en zonas do interior. Nalgunhas zonas do norte podería chegar a orballar e as temperaturas baixarán en toda a comunidade de forma moderada: Vigo terá máximas de 24 graos, Santiago de 26, Lugo de 28 e Ourense de 35.

Publicidade

Unha fronte fría e unha zona de baixas presións provocarán que a fin de semana comece con choivas, algo que xa se poderá ver a partir da tarde noite do venres nalgúns puntos da comunidade. Comezarán pola parte norte de Galicia e as temperaturas seguirán o seu descenso, con ventos de frouxos a moderados no litoral. Segundo a institución meteorolóxica Ourense pasará así, en 48 horas, de 40 a 30 graos.

Unha fin de semana con choivas

O sábado será unha xornada con nubes e especialmente compactas no norte. Durante o día aparecerán chuvascos en distintos puntos do país e serán xeneralizados durante a noite. As máximas poderán descender máis, con valores entre os 20 e os 25 graos para todas as grandes cidades galegas a excepción de Ourense.

Por sorte para os amantes da praia, a calor volverá pronto, aínda que será algo progresivo. Os modelos estiman que entre o luns e o martes se irán recuperando as temperaturas e que os ceos volverán a estar despexados. A chegada dun novo anticiclón permitirá, segundo as previsións, poder desfrutar das celebracións do Día de Galicia sen precisar dun paraugas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego constata que o despoboamento rural e o envellecemento favorecen os grandes incendios

Un informe elaborado por Juan Picos e o Eixo Atlántico analiza os lumes producidos na última década en preto de 5.000 entidades locais de España, Portugal e Francia

Unha dina ao oeste da península impulsa aire atlántico e provoca unha semana de inestabilidade en Galicia

A previsión apunta ceos nubrados, chuvias febles na fachada atlántica e temperaturas suaves. A influencia anticiclónica recuperarase de cara á fin de semana

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia