Vista cenital da balsa onde se produciu a rotura en 2014 (parte superior dereita). Fonte: Plataforma Monte Neme.
Vista cenital da balsa onde se produciu a rotura en 2014 (parte superior dereita). Fonte: Plataforma Monte Neme.

Monte Neme: cinco anos máis de desvergonza sen filtros

O 10 de febreiro de 2014, unha balsa rebentou nesta explotación abandonada e estivo a piques de causar un desastre

Non foi por non avisar. Levaba semanas chovendo moito, e o dique dunha das balsas de auga mesturada con residuos non aguantou máis e rebentou no Monte Neme, entre Carballo e Malpica. Ninguén fixera nada ante os reiterados avisos dos medios de comunicación e autoridades locais. E decenas de miles de metros cúbicos de auga rodaron monte abaixo. Por fortuna non houbo danos humanos, aínda que si materiais: auga arrasou varias pistas e chegou con moita forza á porta de varias casas.

Os focos achegáronse entón ao lugar. Era un suceso que lembraba, salvando as distancias, a desastres ambientais causados pola mala restauración de explotacións mineiras e canteiras. En Monte Neme a última empresa que traballou na zona foi Leitosa SAU, hoxe extinguida despois de estar ben metida na esterqueira da corrupción da Generalitat de Valencia. A maraña xudicial e administrativa arredor da última explotadora de Monte Neme dificulta, segundo a Xunta de Galicia, resolver o abandono no que está Monte Neme e tomar as medidas necesarias  para poñer en marcha a restauración.

Antes (PNOA 2011) e despois (PNOA 2014) do abandono da canteira e desborde da balsa. Aprécianse no monte á esquerda da balsa os restos da riada. Na parte superior, Aviño e Razo da Costa, lugares que sufriron danos pola auga e os entullos.

O tempo pasa moi lento, mais depende para que. Despois de anos de desleixo, só 11 días despois do desastre do 10 de febreiro de 2014 presentouse un proxecto de restauración valorado en case 794.000 euros (ver PDF), que foi aprobado en decembro dese mesmo ano. Mais alén de obras menores para evitar novos problemas, non se fixo nada en Monte Neme ata hoxe.

Polo medio, nestes cinco anos, pasaron moitas cousas, mentres a restauración non chega. Pouco a pouco comezaron a correr polas redes sociais fotografías dun lugar que parecía sacado dunha distopía; unha montaña cunha dentada no seu cume, un lago de augas azul turquesa, e detrás unha fermosa panorámica da costa, nun tramo no que se pode albiscar, nos días claros, o litoral entre Malpica e cabo Prior.

Monte Neme no Instagram

Era un caramelo demasiado grande na era de Instagram. Un lugar que apenas era coñecido pola xente da volta converteuse nunha peregrinación para decenas de influencers, con máis ou menos éxito, que se acercaron ata Monte Neme a facer a súa correspondente foto. Nin sequera facían falta filtros, polo menos para as augas. Algúns mesmo se chegaban a bañar nelas, aínda que eran augas, segundo informes de Augas de Galicia, con altos niveis de aluminio e un pH moi ácido.

Nisto chegou outra desvergonza, que tamén tivo que ver con filtros. En outubro de 2017, unha campaña de turismo da Xunta de Galicia que usaba fotos publicadas nas redes sociais para promocionar os recunchos do país espertou a indignación. Unha das imaxes amosaba unha moza de costas, ao bordo dun dos noiros, de bastantes metros de altura. Ante o rebumbio, a axencia de Turismo de Galicia recoñeceu o “lamentable erro”, e retirou o anuncio, argumentando que “fallaron os filtros”.

A Xunta usa como reclamo turístico unha mina sen rexenerar

Toda esta situación acabou movendo á creación da Plataforma pola Defensa de Monte Neme, na que toman parte entidades como Senda Nova, que avoga por recuperar un lugar mítico no norte de Bergantiños. O Neme (e as marcas que deixou a explotación dos seus recursos) son visibles desde puntos da comarca. A plataforma desenvolveu nos últimos anos actividades para denunciar o abandono da mina e recuperar a memoria e a historia do lugar, que é moita.

Un lugar con moita historia

No Monte Neme xa se fixou a xente hai milleiros de anos. Hai restos de castros, e mesmo un crómlech, a Eira das Meigas, que foi desfeito e reconstruído noutro lugar cando se comezou a explotar a mina. De aquí saíu o wolframio que reforzou os tanques da Segunda Guerra Mundial. Moita xente viviu das minas, tanto de forma legal como clandestina, indo de noite á roubeta para venderlle o mineral ao bando aliado, que contaba con espías pola zona.

“Parece a historia de nunca acabar”, lamenta Adrián Eirís, coordinador da plataforma Monte Neme, respecto do proceso xudicial e burocrático que paraliza a restauración. Un problema, na súa opinión, que é “unha cuestión de vontade política, e está claro que non a hai”. É unha historia que, segundo Eirís “se repite noutros sitios, con outras coordenadas espazo-temporais; se abrimos os ollos, vemos unha mesma fotografía en lugares e tempos distintos, alén de casos concretos”. Como exemplo pon as semellanzas co caso de Touro, onde xa se proxecta unha nova explotación de cobre mentres persisten os danos causados por unha mina pechada en 1986. Mais é, segundo el, “a mesma fotografía global, que nos debería preocupar a todos”.

E aquí tamén aparece a desvergonza. Mentres seguen pendentes os traballos de restauración en Monte Neme ou Touro, a Xunta de Galicia anunciou no DOG, tamén sen filtros, a entrega de subvencións ao lobby das minas “para o fomento do sector mineiro galego”. Case 890.000 euros de diñeiro público para facer propaganda que cante as bondades dos proxectos que xa planean sobre Galicia, despois dalgúns intentos fallidos, como Corcoesto. En opinión de Adrián Eirís (unha visión que comparten as entidades críticas coa estratexia mineira, como a rede Contraminacción), “estase facendo un lavado de imaxe a gran escala para as xeracións futuras, e venderlles unha imaxe das minas que, polo visto en Touro ou Monte Neme, está lonxe da realidade”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.