Na imaxe, Miguel Rodríguez, director xerente de Retegal; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mar Pereira, directora de Amtega e Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo. Foto: Duvi.
Na imaxe, Miguel Rodríguez, director xerente de Retegal; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Mar Pereira, directora de Amtega e Ignacio López-Chaves, delegado da Xunta en Vigo. Foto: Duvi.

Vigo, segunda universidade española con título propio sobre 5G

O curso que vén comezará a impartirse a formación, de 200 horas, con 20 prazas, na Escola de Enxeñaría da Telecomunicación do campus vigués

A Universidade de Vigo converterase a partir do vindeiro mes de setembro na segunda universidade española, tras a Universidade Politécnica de Madrid, e a primeira en Galicia en impartir un título propio de especialista en 5G. A institución académica viguesa formalizou este mércores a súa adhesión ao Nodo de Cooperación 5G, constituído hai uns meses ao abeiro do Plan Galicia 5G, elaborado pola Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), nun acto celebrado este mediodía na delegación da Xunta en Vigo e no que Mar Pereira, directora de Amtega, agradeceu a predisposición da Universidade a colaborar no Nodo. Pereira tamén recoñeceu o esforzo da institución académica por “posicionarse como pioneira na especialización de profesionais en 5G, sendo a segunda universidade en España con formación deste tipo”, a través da implantación a partir do vindeiro mes de setembro dun título propio de 200 horas, divido en módulos e orientado a tituladas e titulados universitarios nesta rama ou profesionais que leven tres anos no sector e queiran especializarse. O título propio “Especialista en Tecnoloxías Celulares de Quinta Xeración (5G)” ofertará 20 prazas na súa primeira edición, aínda que cara ao futuro se estudará a posibilidade de incrementar este número, e a formación será impartida por docentes da Universidade de Vigo e expertas e expertos internacionais en 5G.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo manifestou a súa satisfacción pola iniciativa de Amtega por posicionar a Galicia como unha comunidade pioneira nas tecnoloxías 5G. “Estamos especialmente satisfeitos por sumarnos a este Nodo, porque temos capacidades tecnolóxicas que deben estar a disposición da comunidade, en especial a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e outras que nun futuro entrarán a traballar nesta iniciativa”, dixo Reigosa, que reiterou o compromiso da institución académica coa formación ao longo de toda da vida e coa especialización.

Sinatura do convenio que inclúe a creación do título propio en 5G en Vigo. Foto: Duvi.

No acto de sinatura da incorporación da Universidade ao Nodo de Cooperación 5G, no que tamén participaron o director de Retegal; Miguel Rodríguez, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, Mar Pereira reiterou o interese do goberno autonómico en que Galicia “sexa unha rexión atractiva en Europa para os casos de usos en 5G, unha tecnoloxía que vai cambiar de xeito importante o modelo de interacción coa realidade”. Neste sentido, Pereira lembrou que os tres operadores que integran o Nodo de Cooperación 5G (Telefónica, Vodafone e Orange) xa presentaron candidaturas ao proxecto estatal que deberá decidir que casos de uso se van desenvolver en España “e que van ser pioneiros en Europa e nós puxemos en marcha todos os vimbios que tiñamos para poder ser un territorio atractivo para a identificacións destes casos de uso”, asegurou a directora de Amtega.

A única universidade galega con graos relacionados co 5G

“O 5G non é máis, nin menos, que o nome co que se coñece á quinta xeración de sistemas de telefonía móbil, tecnoloxías que están intimamente ligadas á Enxeñaría de Telecomunicación máis que a ningún outro ámbito de coñecemento”, sinala Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación,  a única en Galicia, lembra, onde se imparte esta titulación e graos relacionados coa tecnoloxía 5G.

Precisamente será neste centro da Universidade de Vigo onde se focalicen as actividades relacionadas co Nodo de Cooperación 5G xa que “non podemos esquecer que estamos a falar dunha tecnoloxía de telecomunicacións. Unha parte dos grupos de investigación da Escola, incorporados a atlanTTic, teñen experiencia previa en diferentes aspectos de 5G: desde propagación de ondas ou deseños de antenas adaptados a estas tecnoloxías, por comezar pola parte máis física, ata desenvolvemento de aplicacións cara ao usuario final incorporando realidade virtual ou aumentada, intelixencia artificial, etc”, detalla Cuiñas, que considera que o esforzo que se está a realizar en Galicia está a dar os seus froitos “para consolidarnos como referente xeográfico dos desenvolvementos en 5G”, afirma do director da Escola.

“O que se ten que implantar en Lugo é Robótica Agroforestal”

Preguntado polos medios, o reitor reiterou este mediodía a súa posición en relación coa implantación dun Grao en Robótica Agroforestal no campus de Lugo, asegurando que “o acordo que no se día se asinou é que a titulación que se ía impartir era unha titulación en Robótica Agroforestal e nós non nos movemos porque os acordos entre universidades e consellería deben cumprirse, pero aínda o título está en período de avaliación e non sabemos cal vai ser a postura final”, explicou Manuel Reigosa.

O reitor asegurou que non traballa coa hipótese de que no campus de Lugo se implante Robótica, porque “o que se ten que implantar é Robótica Agroforestal. Este é un acordo asinado entre os tres reitores daquela, dos que dous xa non coincidimos, pero entendo que a titulación que se debe implantar é Robótica Agroforestal”, reiterou Manuel Reigosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.