Un robot galego para axudar ás persoas maiores

A Cidade Tecnolóxica de Vigo (Citexvi) acolleu o mércores a presentación de dous proxectos innovadoras para axudar ás persoas maiores mediante as tecnoloxías máis avanzadas. No acto expuxéronse os resultados do proxecto Rising e os obxectivos de NETA V3A, apoiadas a través de dous consorcios formados por entidades galegas do sector.

“Son dúas ferramentas que lles permiten aos nosos maiores manter a súa independencia, á vez que dan tranquilidade ás familias e datos de importancia clínica aos profesionais sanitarios”, destacou Luis Barros, director de Innovación de Atendo, a empresa que encabezou os dous consorcios. Neste senso, subliñou tamén a necesidade de que Galicia sexa pioneira nestas iniciativas, debido á súa poboación envellecida e á alta porcentaxe de persoas que viven soas.

Publicidade

Proxecto Rising

Rising foi impulsado polo consorcio de empresas formado por Atendo, Fruto DS e Balidea, coa colaboración da Fundación Idis e o ITMATI (Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial) como centros de investigación, e céntrase no desenvolvemento da solución TIC denominada NETA para a aplicación de terapias cognitivas baseadas na vida cotiá e orientada a persoas que comezan a sufrir un deterioro cognitivo leve. Esta solución busca superar as barreiras habituais das persoas maiores coas novas tecnoloxías, proporcionándolles unha ferramenta especificamente pensada para elas, que facilite a súa adherencia ás terapias de maneira non invasiva, a través de técnicas de gamificación e fomentando a comunicación social coa súa familia e seres queridos. “Esa é xusto una das claves desta ferramenta, a comunicación emocional, a combinación dos vínculos afectivos, sociais e as actividades da vida cotiá xunto á supervisión sanitaria”, explicou Luís Barros.

Un robot asistencial

NETA compleméntase agora con NETA V3A, á fronte da que están tamén Atendo, Fruto DS e Balidea, xunto a Ledisson AIT e Gradiant como centro tecnolóxico asociado. Como continuación do proxecto anterior, vai conectar a plataforma NETA cun robot, mediante o cal as persoas maiores poderán comunicarse a través de voz. Desta maneira, o usuario poderá realizar accións como introducir ou consultar eventos no calendario (por exemplo, unha cita médica), facer videochamadas, realizar unha procura na internet, consultar e almacenar datos relacionados coa saúde como a tensión arterial ou os niveis de glicosa; ou solicitar información meteorolóxica.

Publicidade

Agora, o obxectivo xeral de NETA V3A é desenvolver un robot asistencial 100% galego que axude aos maiores para permanecer na súa contorna o maior tempo posible, fomentando hábitos de vida saudable, apoiando tratamentos farmacolóxicos e médicos, monitorando e ofrecendo seguridade. Á vez, preténdese que o robot non só cumpra cunha tarefa asistencial, senón tamén social, proporcionando acompañamento mediante Intelixencia Artificial, alentando a participación activa da persoa na súa contorna.

Os dous proxectos intégranse na chamada “economía prateada” (silver eoncomy) da que derivarán produtos e servizos para unha nova xeración de adultos maiores. Están subvencionados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, que achegou 559.091 euros dun total de 1.118.000 euros, cofinanciados polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da Unión Europea.

Experimento con usuarios

Durante os últimos meses do proxecto, de setembro a decembro de 2018, realizouse unha proba piloto con usuarios reais, obtendo resultados moi satisfactorios. Destacou principalmente o alto grao de aceptación da solución por parte dos participantes. Tanto usuarios directos como familiares destacaron o seu fácil manexo. Pola súa banda, os especialistas subliñaron a capacidade para conseguir información dunha maneira non invasiva. “NETA é innovadora. Por unha banda, implementa terapias baseadas na vida cotiá e, doutra banda, conecta o ámbito social co sanitario, e iso cámbiao todo”, afirmou Luis Barros.

No acto do Citexvi tamén interviñeron M. Carmen López Pérez, responsable da oficina de I+D+i de Balidea; Carmen Blanco, técnica de Fruto DS; Óscar Rodríguez, director xeral en Ledisson AIT e Helena Fernández, Directora eSaúde de Gradiant.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A biotecnoloxía galega lanza a súa ofensiva en BioSpain para captar investimento

A feira que se celebra en Barcelona estima bater o récord da última edición, que contou con case 1.000 empresas e máis de 2.200 profesionais

Galicia impulsa unha nova era dixital coa combinación de ‘edge computing’ e 5G

Investigadores da Universidade de Vigo están a desenvolver edgeContinuum, unha plataforma pioneira, financiada a través do programa Ignicia da Xunta de Galicia, para optimizar custos e mellorar o control sobre os datos

Proxecto GOTIS: así é o fármaco galego que pode reducir as lesións do ictus isquémico

Un equipo do IDIS, apoiado polo plan Ignicia da Xunta, entra na fase preclínica para protexer ás neuronas dunha posible obstrución

MytUniSex impulsa as liñas unisex que marcarán o futuro do mexillón galego

O proxecto da Universidade de Vigo, beneficiario do programa Ignicia da Xunta, permite producir semente en laboratorio e escoller exemplares máis atractivos para o mercado a través da selección xenética natural